Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O paso das horas y Os reloxos na comarca

Tempus fugit: A medición do tempo (II)

O reloxo da excolexiata, o quiosco meteorolóxico de Cangas e algúns dos mestres protagonizan esta segunda parte

O reloxo da Excolexiata

A primeira noticia que temos da existencia dun reloxo mecánico en Cangas figura no proxecto de 1565 do mestre canteiro Pero Fernández, encargado da obra da igrexa parroquial. Ainda que se prevían duas torres só se fai unha para as campás e cun habitáculo para as pezas do reloxo e as pesas. Esta torre e o reloxo foron desfeitos polo ataque dos turcos de 1617, erixíndose logo unha torre nova (actual) tamén cunha cámara para o reloxo. Non sabemos con certeza como quedou afectado o reloxo da torre, mais debeu ser reparado, xa que no ano 1752 era o sacristán da colexial, Santiago de Santos, o encargado de coidar del e darlle corda.

O 12 de xuño de 1887, o Concello, presidido polo farmacéutico e alcalde Francisco Martinez Budiño, decide adquerir un novo reloxo de torre para a igrexa e cambialo "polo que había, inutilizado completamente", segundo consta no diario de sesións. A firma do contrato cun presuposto de 3.000 pts., fíxose co acreditado reloxeiro maragato e fundidor de campás instalado en Madrid, Antonio Canseco Escudero. A instalación fíxose a partir do 14 de agosto do mesmo ano e acompañando ao reloxo (un Canseco nº 5) instalouse unha campá de ferro para dar as horas que cos anos, acabaría totalmente enferruxada pero aínda pendurada na torre, cumprindo este cometido hoxe, outra de bronce. Porén, a maquinaria aínda segue funcionando despois de máis de 125 anos e o seu desgaste dise que provoca un atraso de cinco minutos ao mes.

Aínda que houbo épocas, como recolleu en 1974 nun retranqueiro poema Serafín Graña, que ao reloxio "lle daba por andar mal, de mal en peor sen que ninguén lle dese arranxo". Despois disto, optouse por lle engadir dous motores eléctricos que sustituiron ao laborioso e puntual izado das pesas da corda cada semana. Ao contrario que moitas torres que precisaron de obras para instalar os reloxos, a de Cangas xa contaba desde a sua construción cos habitáculos e receptáculos necesarios.

O reloxo do quiosco meteorolóxico

Como se pensase que moitos dos naufraxios que se viñan producindo era por descoñecemento das condicións metorolóxicas no mar, o axudante de mariña Álvaro Guitián Delgado, destinado á Axudantía do porto de Cangas en 1906, propuxo a instalación duns aparellos de información para os mariñeiros. A tal fin, no ano seguinte, organizouse unha comisión de patróns e armadores de Cangas para a adquisición por 350 pesetas dun barómetro e un termómetro que se instalarían resgardados nunha columna construída ao efecto.

Durante este tempo e á proposta do deputado Manuel Sequeiros Matos, acórdase a instalación dos aparellos mellor ubicados nun quiosco coroado por un reloxo de catro esferas e un cataventos, sufragados polo concello. A base do quiosco con banzos de pedra artificial foi regalada por Juan Martínez, socio da empresa Hércules que fabricaba en Rodeira este produto, ademais de ladrillos, tellas e materiais de construción. A parte metálica sería realizada nos talleres de Sanjurjo Badía con aportacións voluntarias de empresas locais sendo inaugurado a comezos de maio do 1908 na praza da Constitución.

O seu custe, incluídos os aparellos meteorolóxicos e sen contar o reloxo (donado polo Concello) foi de 2.807,06 pesetas. Como primeiro encargado do coidado dos aparellos, designouse ao oficial da notaría e membro da xunta promotora, José Molares Caride que tiña que darlle corda ás maquinarias e surtilas do papel no que se rexistraban os informes do tempo.

Ata 1933 víñase encargando do mantemento do quiosco e do reloxo, Eladio Álvarez, quen a pesar de percibir unha cantidade por este labor, sería cesado este ano pola súa despreocupación polo mesmo. Arredor dos anos cincuenta, o quiosco sería traslado ao lugar que ocupa actualmente, sendo modernizado e reconstruído no ano 1991, incorporando un reloxo alemán "Barigo" suministrado pola firma zamorana Casa J. Mayado e instalado polo reloxeiro vigués Pagán.

Os mestres reloxeiros

O mestre reloxeiro máis antigo dos que temos noticia na zona foi Juan González Raíces que aparece cara 1897 instalando a sua reloxería en Bueu, localidade onde no 1901 tamén abriría taller José Estévez e no 1905, Fermín C. Veiga, estes últimos en servizo uns cinco anos. Pouco tempo despois que en Bueu, senón no mesmo ano, abriría taller no nº 25 da rua Real de Cangas, o mestre reloxeiro Manuel Regueira e no 1898 instalaríase tamén o reloxeiro Camilo Fernández cuxa empresa apenas duraría un par de anos. Manuel Regueira destacaría tamén entre 1900 e 1903 como secretario da Sociedade de Mariñeiros en plena loita contra o uso das traiñas na pesca. Anos despois da inauguración do quiosco meteorolóxico, sería quen por conta do Concello, se encargase do mantemento do quiosco e do reloxo da excolexiata. En 1918 e formando parte do partido liberal de Montero Rios, aspiraría a concelleiro, sen conseguilo apesar das suas reclamacións. A lembranza de Regueira ainda se conserva en fogares de Cangas nalgúns reloxos que montaba e que adoitaba grafar co seu nome. E da sua época provén o nome de saboneta co que na nosa vila se designaban aos reloxos de peto con tapa pois os mariñeiros adoitaban traer dos seus periplos marítimos, estes cobizados reloxos tipo "sabonette" ou "Napoleón" que pasaban de xeración en xeración.

Mais por falecemento de Regueira, arredor do 1925, Cangas volvía a estar sen reloxeiro "oficial" apesar de que nestas datas abre reloxería, coidamos que no mesmo local da rúa Real, Manuel Estévez Freire, constando tamén neste mesmo oficio, o reloxeiro Eladio Álvarez Losada. Sería cara a 1930 cando Jesús Paz Regidor, herdeiro dunha saga de xoieiros e prateiros composteláns, naturais de Caldas de Reis, establecería o seu taller na rua do Hio, pasando logo á rua Real e posteriormente a E. Vincenti, xunto á praza do Arco. Esta xoiería e reloxería, ademáis da reparación e venda de reloxos, tamén coa sua marca, herdaría a atención e mantemento que a cotío había que dispensarlle ao reloxo da excolexiata e máis ao do quiosco meteorolóxico da praza da Constitución que nesta data xa mostraba abandono. Na posguerra, a deixadez municipal no mantemento fíxose máis ostensible, presentando no seu traslado de 1950 un grande estado de deterioro que obligaría ao Concello a retiralo. Algunhas referencias din que foi parar a unha vila costeira da Coruña, suxeríndose tamén un pazo da zona de Noia.

Xa en tempos da posguerra, cara mediados dos anos corenta, abriría en Eugenio Sequeiros a reloxería de Bernardo Iglesias e desde algúns anos antes xa andaba na compra-venda de ouro, xoias e reloxos con posto no mercadiño (o Ourive, dicíanlle en Cangas) o reloxeiro ourensán José Fernández coñecido popularmente como "O Moreno". Finalmente, no 1966, este abriría un establecemento reloxeiro no nº 21 da rua Real que logo pasaría á ubicación que ainda hoxe ocupa como Xoiería - Reloxería Fernández.

*Investigador e historiador

Compartir el artículo

stats