Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O roubo dunha empanada de bacallau en Donón

O autor recupera unha nova real de 1925 que parece máis propia de Santos Inocentes

Rosa Lorenzo, a lexítima propietaria da empanada roubada.  // Foto cedida por María Rosa Lorenzo

Rosa Lorenzo, a lexítima propietaria da empanada roubada. // Foto cedida por María Rosa Lorenzo

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

ANXO COIA

Hai noticias moi curiosas na prensa antiga que nos poden arrincar un sorriso de orella a orella nun deses días que ás veces nos sentimos máis apagados, aínda que neste caso damos por feito que a vítima do furto colleu carraxe. O que aconteceu na aldea de Donón, na parroquia do Hío, parécenos merecedor dunha pequena crónica para publicar no día dos Santos Inocentes.

Non o sabemos con certeza, máis polas datas nas que se publica o suceso, podemos intuír que o feito ocorreu o día 8 de decembro de 1925, pois antigamente na onomástica da Inmaculada Concepción celebrábase o Día da Nai.

O roubo dunha empanada de bacallau en Donón

O roubo dunha empanada de bacallau en Donón

A veciña de Donón Rosa Lorenzo Ozores, era filla de Ramón e Rosa. Súa nai era natural da parroquia de san Vicente de Trasmañó, concello de Redondela. A información oral recollida sobre Rosa Lorenzo dinos que traballou na fábrica de salgado que se atopa nas proximidades de Punta Subrido e Punta Fuxiño e que os coñecementos culinarios que esta tiña eran notábeis.

Resulta que a señora Rosa preparou unha empanada de bacallau para degustala no mesmo día xunto con tres comadres. A empanada foi cocida nun forno que non era da súa propiedade, tal vez de calquera veciño/a á que lle pediu de favor a cocción da dita empanada. O xornal da conta da noticia de que Rosa, co propósito de dar envexa, gabouse coa veciñanza do manxar que estaba a cocer. Tal foi o eloxio que o cheiro do comentario chegou ata os fociños dun mozo de 23 anos chamado José Gutiérrez Piñeiro, tamén veciño de Donón. De seguido o rapaz argallou degustar a empanada de bacallau sen ningunha compañía. Así que dirixiuse ata o forno onde se deixara a cocer e pediu a empanada en nome da súa dona. Unha vez recibida, puxo rumbo a unha taberna e pediu unhas cuncas de viño para comezar a xantar sen ningún tipo de atranco.

Cando Rosa se fixo sabedora da ausencia da empanada, as súas exclamacións maldicindo ao amigo do alleo deberon escoitarse en todo Donón. A denuncia foi posta ante a Garda Civil, que sen dúbida incomodou á dixestión de tan prezado manxar. Cando menos sabemos que o culpable do roubo pasou algunhas horas no cárcere.

Tamén somos coñecedores de que este home era coñecido popularmente como " José o das empanadas", alcume, polo demais, que non necesita de maior explicación.

Tracking Pixel Contents