Ao pé de chegar aos 80 anos e cando xa van máis de 60 desde a súa primeira actuación, na vila de Cariño que lle da nome artístico, Xico de Carinho publica o seu primeiro disco como solista. Un álbum que no seu caso somentes podía titularse "Na harmónica". Un título que, como el mesmo asegura no limiar deste libro disco, "non debería prestarse a engano". Aínda así este traballo é moito máis que un compendio de temas de harmónica solista con acompañamentos musicais. É unha homenaxe ao instrumento, aos múltiples harmonicistas que teñen colaborado con Xico de Carinho e grazas aos arranxos instrumentais de Isabel Rei e Jorge Sarraute os afecionados á música poderán apreciar estilos do máis diverso: jazz, latino, popular, de diferentes países, autores e instrumentos, tal como apunta o autor no limiar.

O disco libro vén de ser editado por A Central Folque, coa colaboración do Concello de Cangas, e hoxe está prevista a primeira presentación oficial deste traballo: ás 19.30 horas, no salón de plenos cangués. Alí estarán Xico de Carinho e a súa harmónica e o alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos. Tamén estarán responsables da editorial e algúns dos músicos que interveñen en "Na harmónica", como José Pumar ou Sara Malvido.

O álbum está composto por un total de catorce temas, entre os que hai composicións propias ("Brincadeira no san Xiao do Trebo", "Chorinho caiu na bossa", "Na Irlanda" e "C'est chouette"), temas tradicionais e músicas e textos de autores galegos e portugueses, como Fernando Pessoa ou José Afonso. O libro inclúe unha entrevista feita por Xan Carballa, que recorda que Xico de Carinho foi o punto de conexión de José Afonso con Galicia desde os anos 70. Os dous coñecéronse en París e Xico de Carinho foi un dos impulsores da homenaxe que se lle brindou ao autor de "Grândola Vila Morena" no ano 1985 no parque de Castrelos, en Vigo.

O libro inclúe máis dun cento de páxinas con fotos e con textos feitos para a ocasión nos que diversos autores presentan cada un dos temas deste disco. Así, colaboran Vicente Araguas, Anxo Rosende, Xurxo Souto, Rosalía Fernández Rial, Ánxeles Penas ou Vanesa Sotelo entre outros.

O listado de colaboracións inclúe tamén cerca dunha trintena de músicos, que colaboran nun disco que foi gravado entre Barcelona, Lugo e Arcade. Amais de Isabel Rei e Jorge Sarraute están Alberto Mundi, Antonio Castillo, Jordi Torrens, Laura Quintillán, María Graña, Sara Malvido, Renato Spencer, Jorge Rogero ou o Coro Rodeira.

A primeira edición de "Na harmónica" estará composta por unha edición de 1.000 exemplares, que estarán a venda por un prezo de 20 euros.