Tempus fugit: a medición do tempo (I)
O historiador Xerardo Dasairas repasa a historia dos reloxos de Cangas e a polémica dos sons das campás

Reloxos de sol modernos en Cangas e Montecarrasco. // Arquivo do autor
Xerardo dasairas (*) | Cangas
Entre as diversas motivacións deste artigo, non temos máis remedio que aludir a un recente e abraiante intercambio de opinións, deses que habitualmente se manteñen nas redes, no que os interlocutores tentaban dilucidar se o obelisco de Rodeira era un reloxo de sol antigo. Ainda que sabemos da sua función real e máis moderna, o tema levounos obviamente aos babilonios e exipcios que usaban destas construcións para medir o tempo con luz solar. Logo serían os gregos quen perfeccionarían o sistema e reducirían as suas dimensións, dando lugar aos cadrantes que se colocaban basicamente nas igrexas e mosteiros non só pola afluencia de xente senón polo interese desta institución en controlar os tempos da vida monástica propia e a dos fregueses. Máis tarde serían os gremios burgueses quen usarían do tempo para regulamentar as horas de traballo e a produción que ata esta época viña sendo literalmente de sol a sol. E como elemento de ostentación e poder, tamén os pazos e casas podentes irían engadíndolle estes reloxos de sol aos seus edificios. A evolución do cadrante continuaría coa sua redución en tamaño, chegando a habelos tamén de peto, feitos en madeira como os dous modelos de plomada e díptico de fío, exhibidos no Museo Massó de Bueu. Un excelente catálogo dos cadrantes do concello bodense, foinos legado por Jozef Van Lindhoutd nun seu traballo sobre este tema, destacando incluso aqueles que aparecen nos hórreos como remates ornamentais. E no museo de Pontevedra pode admirarse tamén unha quincena de modelos en perpiaño desde o ano 1390 ao 1878.
En Cangas podemos localizar algúns destes reloxos na igrexa de Coiro (feita polos irmáns Novas en 1784), o máis urbano e popular da Casa da Bola, así denominada polo aditamento esférico sobre o cadrante, e outros no Hio, un nunha casa particular do que tiñamos referencia antiga mais non localizamos e outros dous no pazo do Outeiro da primeira metade sec. XVIII. Tamén se localizan outros de feitura máis actual como o que coroa unha vivenda ao lado da Casa da Bola, e o outro ubicado nos xardíns do IES Montecarrasco, reducido a elemento decorativo, pois carece do gnomon que marca as horas e está nunha zona de sombra que o inhabilita para a su función.

Reloxos de sol modernos en Cangas e Montecarrasco. // Arquivo do autor
O Cadrante da igrexa do Hio
De entre todos os reloxos de sol do concello sobrancea o da igrexa parroquial, que foi feito no 1854 por encargo do párroco don Juan Manuel Míguez cando o canteiro José Cerviño traballaba nas bóvedas e contrafortes da igrexa. Este cadrante antropomórfico, que podemos cualificar de singular, está sostido por unha figura humana que representa ao deus Chronos e rodeado polo cordón do eterno retorno, rematando na parte superior cunha cabeza, quizais de Urania, musa da Astronomía e da Astroloxía. Leva un gnomon de varilla e non de placa triangular como é habitual nos reloxos galegos e marca as horas de 6 da mañá a 6 da tarde en numeros arábigos con trazo menor nas medias horas. Despois de máis de cen anos no seu lugar, foi derrubado accidentalmente no 1956 pola manobra dun camión dun equipo de rodaxe dunha película. Este bateu contra dun arco floral que estaba asegurado ao reloxo de sol e este na caída feriu a unha muller. Logo permanecería no patio da casa reitoral e o párroco don Andrés Carril colocaríao logo sobre unha columna. No ano 2008, o actual párroco D. Emilio A. Fernández acabaría de restauralo e devolvelo ao seu lugar primixenio para realce e atractivo do entorno da igrexa. O que non sabemos é se a "posta en hora" deste reloxo de sol se fixo polo horario solar, polo europeo (+, - unha hora) ou polo de Greenwich.

Tempus fugit: a medición do tempo (I)
Campás e reloxos polémicos
Ainda que existe unha relación próxima dos reloxos co uso das campás, non son estas obxecto preferente destes artigos pero a polémica desatada sobre as molestias que causan no vecindario os sinos da excolexiata, convídanos a facer algúns apuntamentos sobre o tema. Cabe puntualizar que as queixas sobre a sonoridade e molestias que orixinan actualmente as campás non son únicas nin exclusivas de Cangas pero neste sentido xa contamos aquí co precedente local de finais de 1932 en que o concelleiro Lorenzo Corbacho levaría a pleno a prohibición do seu toque entre as 8 da tarde e as 8 da mañá como tamén se propuxo noutros concellos galegos. Nestas datas, ademáis das connotacións de criterios laicos republicanos, xa estaba mudando algo neste tema, sobre todo no da reloxería, debido á difusión dos reloxos de corda/parede (péndulo) ou de peto, coñecidos estes en Cangas como "sabonetas" dos que falaremos na seguinte entrega. Na evolución urbanística da vila é certo que a igrexa xa estaba na sua ubicación antes que as casas que se logo se edificaron no seu entorno ao se converter o templo nun elemento importante da vila e por onde pasaba o seu principal vial, enlousado e canalizado, como era a rua da Calzada.

Tempus fugit: a medición do tempo (I)
E daquela, todos aceptaban de bo grao vivir nas proximidades dun dos máis antigos reloxos de Galicia cuxo campanil daba as horas e as campás da igrexa chamaban a misa ou avisaban de morte, incendio e outras informacións que se transmitían no código sineiro local.
Mais, o que durante moitos anos foi lugar de residencia dos máis podentes, acabaría como vimos, sendo un lugar molesto polo toque das campás que interfire cos ritmos vitais dos novos tempos. Xa que logo, como non existe ningún regulamento oficial sobre o uso das campás, nin aparece no dereito consuetudinario galego e xa nin sequera se considera como tradición, cabe supoñer que teñen que ser os concellos quen ditaminen sobre o seu uso e intensidade sonora, segundo as leis actuais que regulan o descanso veciñal e que tamén deberían aplicarse noutros sectores como as megafonías ou as atraccións. Contodo, entendemos que a solución non é doada pois mentres nas parroquias rurais os toques das campás ainda exercen como medio de información, no ámbito urbano que nos ocupa, xa se ve que esta é prescincible, tanto como o carillón da Caixa, tan prezado hai uns anos como sustituto da serea de Massó e hoxe silenciado a petición popular. Outro dato máis paradoxal neste tema é que duas das campás, a mediana e unha pequena, fóronlle doadas á colexiata polo Concello cangués en 1856, igual que outra de ferro do reloxo (inservible) cando se reinstalou este en 1889 tamén auspiciada polo consistorio.

Tempus fugit: a medición do tempo (I)
Xa postos a facermos un seguimento xurídico deste tema, hai sentenzas dos últimos anos sobre a molestia das campás e moitas delas chegaron aos tribunais supremos ditando estes en todas as ocasións (ainda que con apelacións) a suspensión dos toques nocturnos como recollen as leis e a atenuación diurna dos mesmos usando campás máis pequenas e diminuindo o número de toques nos casos referentes aos reloxos. Contodo, un dos casos máis sonados, nunca mellor dito, foi o da denuncia dun veciño contra as campás da catedral de Xaén en 2009 pois superaban os 30 decibelios de nivel máximo de ruido tolerable polas ordenanzas municipais. Segundo a medición dos técnicos, as campás emitían un son de 35 decibelios, pero no domicilio do demandante, xusto por frente da catedral, medíanse 80 decibelios, o que para o afectado era unha barbaridade, peor que ter un bar de copas con música a tope dentro da casa. Xa que logo, o veciño lograría unha sentenza a favor da atenuación das campás, pois segundo o ditame son emisores acústicos e, como tales, "non poden quedar á marxe da Lei". Mais, o paradoxal deste asunto foi que os partidos de esquerda gobernantes non só dilatarían a aplicación da sentenza senón que iniciarían unha recolleita de sinaturas propondo modificar as ordenanzas municipais de ruido para preservar a "función social" e a "singularidade" do tanxido das campás. Non estamos ante a loita polo control do tempo que se xeraba antano, senón que o partido de dereitas na oposición mesmo abraiaría con esta postura, ironizando sobre o "ataque de relixiosidade" dos dous socios de goberno que xustificaron a sua posición alegando que a catedral sen o son particular das campás podería perder a denominación de Patrimonio da Humanidade, en trámite. Sería unha causa de forza maior pero o certo é que este precedente abre a dúbida de se a solución ao problema das campás de Cangas terá que pasar polo ditame da Lei ou se, como alternativa, cabería actuar como o concello "progresista" xiennense e solicitar canto antes a declaración da excolexiata como Patrimonio da Humanidade. E neste sentido patrimonial aparecen colectivos protectores das campás e dos toques (Llorenç Barber e os colectivos de campaners valenciáns) que loitan polo seu recoñecemento como patrimonio inmaterial, chegando incluso o tema da sua protección ata o Senado e a Unesco. O asunto, pois, semella chamativo e pode que encomiable... pero polo momento , teñen topado coa Lei.

Tempus fugit: a medición do tempo (I)

Tempus fugit: a medición do tempo (I)
Suscríbete para seguir leyendo
- La Guardia Civil desarticula dos grupos dedicados a la sustración de gasoil de camiones tras detectar un vehículo con garrafas en Moaña
- Evacúan de madrugada a un vigués de un velero fondeado en Arneles en la ría de Aldán
- Ataque de un hombre a varias mujeres en la avenida de Marín, en Cangas
- Retenciones en la Autovía do Morrazo a las playas debido al corte de un carril por las obras de conservación del viaducto en Meira
- Darbo alarga un día más su estancia en la Romaría
- Un grande y profundo socavón preside el paseo del frente marítimo de Cangas
- Un detector de humos evita que una casa arda en Bueu
- Trabajar a 50 metros de altura en la Autovía do Morrazo