Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

As misións pedagóxicas e os centros de colaboración no Morrazo (II)

Mestres como Torres Martínez sentaron as promoveron a avaliación continua e a cartilla de notas

A seguinte conferencia dos Centros de Colaboración tamén se celebraría en Bueu o 26 de xuño de 1932 no local do Pósito Marítimo-Terrestre e correría a cargo de José Torres Martínez, mestre na escola pública da Portela. Este mestre, natural de Marín, xa tiña exercido en Hermelo e posteriormente sería director da Graduada Anexa, profesor do Instituto e da Escola de Maxisterio de Pontevedra, director e profesor da Escola de Maxisterio da Coruña e xefe de Estudos da Escola do Profesorado da Universidade de Santiago ata a sua xubilación.

Torres Martínez é aínda unha figura moi recoñecida na sua vila natal polos seus traballos e libros sobre pedagoxía e historia local, destacando tamén o seu labor a prol do desenvolvemento e progreso de Marín, facéndoo acredor da medalla ao Mérito Docente. A sua disertación naquel día de finais de xuño de 1932 no Pósito, versaría sobre o tema "Un problema de actualidad, colaboración de los padres en la obra educativa" no que analizaba as causas da neglixencia dos pais na formación dos seus fillos, deixando esta só en mans dos mestres cando debía ser compartida. Tamén propuxo a creación dunhas fichas nas que constase, mediante un gráfico, o labor diario de cada alumno que semanalmente debían ser asinadas polos pais e así controlar o rendemento dos fillos, implicándoos así no proceso formativo. Sería este un precedente da avaliación continua e das cartillas de notas que xa estaban implantadas noutros países.

A seguinte conferencia en Bueu, tería lugar o domingo 3 de xullo do mesmo ano, outra vez a cargo de Joaquín Fernández Cambeiro e versaría sobre "El árbol en su aspecto industrial y geográfico".

A finais do curso do 1934, visitaría as escolas do Concello de Cangas o inspector de ensino José Gabaldón, quen convocaría aos mestres a unha xuntanza na Escola de Orientación Marítima para crear un Centro de Colaboración Pedagóxica cos compañeiros de Moaña. Pero non sería ata o mes de marzo de 1935 no que volveriamos a ter noticia de actividades dos Centros de Colaboración Pedagóxica, que esta vez, promovidos polo inspector José Gabaldón Navarro, reunen o día 7 aos mestres en Moaña para asistir á charla da mestra Jesusa Rodríguez, que presenta un xuízo pedagóxico sobre o libro de Arcaza "La niña bien instruida" e a sua conveniencia de incorporalo á biblioteca.

A esta charla seguiríalle outra do mestre José Couto sobre o tema "Impresiones sobre el libro 'Corazón' de Edmundo de Amicia". As charlas continuarían agora en Cangas, reuníndose os docentes na escola nº 3 de onde o seu profesor Francisco Mosqueira Manso disertaría sobre "Lectura expresiva y artística: La expresión oral y la necesidad de la lectura de los autores clásicos". Outra charla á que asiste todo o profesorado da zona, como era preceptivo, correría a cargo do mestre de Aldán, José María Quinteiro, que centraría o seu tema en "Como favorecer o intercambio de libros".

No mes seguinte, o 11 de abril, terían lugar dúas charlas simultáneas: unha ditada por Rosendo Novo Díaz, mestre do Pósito Marítimo-Terrestre de Darbo, que escollería o tema "Medios más adecuados para fomentar la asistencia escolar de Cangas" e outra en Moaña a cargo do mestre Santiago Barreira Paradela sobre o mesmo tema pero centrado agora nesta vila.

En maio volverían as charlas a Moaña, esta vez da man do mestre señor Cabirta que trataría sobre "Iniciación al estudio de la Geografía", centrada na aplicación desta disciplina nos estudos dos futuros mariñeiros e na utilidade das diferentes representacións cartográficas. Neste mesmo mes e no distrito de Cangas tamén se celebrarían outras conferencias sobre o preocupante e recorrente tema "Como fomentar la asistencia a clase" a cargo do mestre do Pósito de Darbo R. Novo. Na sua disertación incidiría na conciliación do horario escolar coas dispoñibilidades familiares, o desterro dos libros de texto usuais, unha organización máis racional da escola e a incidencia que tén na asistencia á escola, a propia conduta profesional e persoal dos mestres.

A seguir e nas semanas seguintes, disertarían no cine de Cangas a mestra do Hío Adela Palacios sobre "Los reinos de la naturaleza", Pío Cribeiro do Pósito de Aldán encol de "Aplicaciones del modelado en la enseñanza", rematando o ciclo a mestra, Elena Reboiras da escola de Balea cunha lección sobre "Los sentidos".

No mes de maio deste mesmo ano 1935 e aínda que fóra das actividades das Misións e dos Centros de Colaboración, tería lugar nas Escolas Graduadas de Marín a inauguración dun roupeiro para os nenos necesitados e unha Cantina Escolar, iniciativa pioneira no ensino español e precedente do que logo serían os comedores escolares. Ao primeiro xantar que se lle serviu aos nenos asistirían as autoridades educativas provinciais e a Miss Galicia dese ano, a señorita Filo P. Alcántara, acompañada de distinguidas señoritas da vila marinense.

As bibliotecas itinerantes

Á chegada da República non había a penas bibliotecas públicas en España e ningunha escola rural contaba con libros infantís, de aí que o labor emprendido polo Padroado das Misións iniciase a maior campaña de lectura que xamais se fixo no Estado, repartíndose bibliotecas para adultos e nenos polos pobos. En xeral, as coleccións de libros centralizábanse na escola solicitante e o Padroado enviáballa aos mestres solicitantes baixo a garantía de que o encargado faría xirar os libros e usalos con eficacia.

Entre as bibliotecas itinerantes solicitadas no Morrazo constan as enviadas a Bueu en abril e maio de 1933 ás escolas da Banda do Río e do Pósito, unha petición non executada para unha escola de Cangas, unha enviada á escola de Tirán e outra a Marín o 7 de marzo de 1935. Coa caída da República foron case 600 os "misionarios" colaboradores que sufriron toda clase de destinos: uns morreron asasinados, outros continuaron na guerra enrolados nas Milicias da Cultura ou nas Brigadas Voantes e moitos foron encarcerados, expedientados ou exiliados, dándose o caso de que tamén algúns se integrasen nas fileiras franquistas. Ao remate da guerra e no proceso de depuración do maxisterio, a Institución Libre de Enseñanza foi saqueada e declarada ilegal e "altamente perniciosa".

F. Martín-Sánchez Juliá, procurador nas Cortes franquistas e propagandista católico cualificaría en 1940 ás Misións Pedagóxicas de "verdadero apostolado del diablo, corruptor de pueblos, enardecedor de revolucionarios del surco y de la estepa. Repartiéndose 'bibliotecas populares' cuyos libros comprados en masa por sectarios antiespañoles del Ministerio de Instrucción Pública eran manuales de anarquismo (?) con los cuales se "ilustró" a pobres campesinos que sólo sabían leer o a jóvenes obreros con ambiciones políticas".

*Mestre e investigador

Compartir el artículo

stats