Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Os ecos da Institución Libre de Enseñanza (ILE) y A pegada das misións na comarca

As misións pedagóxicas e os centros de colaboración no Morrazo (I)

O autor aborda o intenso labor educativo promovido durante a época da II República

Carimbo ou sello das misións pedagóxicas.

Cabe apuntar que a orixe deste tema xurdiría ao nos ocupar da figura de Maruja Mallo e a sua presenza en Beluso, acompañada do seu compañeiro Alberto Fernández Martínez (a) O Mezquita, recoñecido militante e activista do POUM a quen coñeceu en Madrid. Unha das primeiras Misións Pedagóxicas levada a cabo en Galicia foi a realizada precisamente no concello ourensán da Mezquita de onde lle vén o alcume ao noivo de Maruja, o que nos deu pé a pensar que Alberto, curmán do coñecido xornalista Augusto Assía e máis a pintora viñeran a Galicia como colaboradores daquel padroado. Porén, a día de hoxe cabe ter por máis fiable que O Mezquita viñese continuar co seu labor de axitación política entre os obreiros do trazado do ferrocarril por Ourense e que a estadía en Beluso se debese ao convite que Federico Ribas lles fixese a Ana Mª Gómez González (Maruja Mallo) e ao seu compañeiro nas reunións que adoito celebraban en Madrid ás que tamén acudía Rafael Dieste, outro animador das Misións Pedagóxicas. Cara os anos vinte, o boucense Federico Ribas Montenegro (1890-1952) xa adoitaba pasar longas tempadas en Galicia e como fillo dunha importante familia conserveira entablaría amizade cos Massó que lle encargaron a creación da imaxe corporativa da fábrica e reclamos publicitarios para os seus produtos. Desta colaboración xurdiría a compra dunha casa en Beluso na que concorrerían os personaxes citados anteriormente e outros artistas e intelectuais como o fotógrafo Ksado ou o xornalista Johan Carballeira, difusor do labor das Misións Pedagóxicas e logo alcalde de Bueu executado no 1937 polos fascistas.

As misións pedagóxicas

Texto Crearíanse por Decreto de 29 de maio de 1931 co encargo de "difundir a cultura xeral, modernizar a orientación docente e a educación cidadá en aldeas, vilas e lugares con especial atención aos intereses espirituais da poboación rural", baixo a dependencia do Ministerio de Instrucción Pública e Belas Artes. Estas Misións estaban dirixidas por unha Comisión Central que se ubicaba no Museo Pedagóxico de Madrid, centro de investigación ligado á Institución Libre de Enseñanza que comezara a funcionar en 1884 como centro de investigación, inspirado por Francisco Giner de los Ríos e activadas agora baixo a República como un Padroado presidido por M. Bartolomé Cossío e outros intelectuais como Rodolfo Llopis, Marcelino Pascua, Antonio Machado, Pedro Salinas, Óscar Esplá, Ángel Llorca... As suas actividades habíanse converter en peza fundamental do proceso de renovación do ensino público e fomento da cultura mediante bibliotecas populares, lecturas, cines, sesións musicais de coros e orquestas, audicións de radio, museos itinerantes con exposición de catorce copias de obras de arte emblemáticas que servían para ensinar estilos e autores... Os cinco anos de actividade das Misións marcarían un tempo no que por primeira vez a cultura se entendeu como un ben común e non como algo reservado para as clases privilexiadas, onde os verdadeiros protagonistas foron os habitantes dos pobos e vilas colaborando nas mesmas mestres, intelectuais, artistas, etc. En Galicia, os principais animadores deste proxecto serían, Dieste, Otero Espasandín, Sánchez Barbudo, Ramón Gaya... destacando como colaboradores Osorio Tafall, Filgueira Valverde, Cruz Gallástegui, Díaz Rozas, Fernández Villamil, Iglesias Alvariño, Núñez Bua, A. Cotarelo, A Fraguas, Daniel de La Sota, Iglesias Alvariño, Odriozola, Cuevillas, Risco, Otero Pedrayo, Ben-Cho-Shei, Carlos Velo e os inspectores de ensino Couceiro Freijomil, Maria Cid, José Gabaldón ou Rogelio Pérez, entre outros. As Misións Pedagóxicas sobrancean ainda hoxe como a realización máis xenerosa da II Republica, distribuindo máis de 5.000 bibliotecas itinerantes e levando a cultura, a arte e o divertimento aos lugares máis alonxados do noso país, carentes de estímulos culturais.

Os Centros de Colaboración Pedagóxica

A pesar de que as actividades das Misións Pedagóxicas chegaron a moitas poboacións galegas, as vilas do Morrazo non disfrutaron das sesións de cine, dos museos, das exposicións fotográficas ou dos títeres que ofertaba este padroado. Esta ausencia de actividades hai que fundamentala na falta de demanda por parte dos mestres, a maioría na órbita dos pósitos ou pola propia dinámica da Galicia costeira na que xa incidían proxectos como o dos grupos Ultreya (v. Faro de Vigo 2-8-2016), fundados por Álvaro das Casas en febreiro de 1932 e na órbita das Misións, que coas suas xiras culturais xa puñan aos adolescentes en contacto con todos os aspectos do país. Incluso a acción das Mocedades Galeguistas que a nivel máis adulto interviñan con interesantes publicacións e maior presenza no mundo social e político estaban influenciadas polos proxectos didácticos das Misións Pedagóxicas.

Porén, a península do Morrazo si se vería beneficiada polas actividades dos chamados Centros de Colaboración Pedagóxica que baixo os auspicios da Inspección do Ensino se levaron a cabo en distintos puntos da nosa xeografía coa intención de potenciar o intercambio de experiencias pedagóxicas entre os mestres a través de reunións por zonas, tentando así unha actualización de cara a mellorar os procedementos educativos e docentes. As poñencias sobre a práctica escolar, os guións de traballos escolares, a crítica literaria, a análise sociolóxica, o desenvolvemento de centros de interese e incluso clases prácticas con debate final, foron os recursos máis empregados nestas charlas que adoitaban celebrarse os domingos para non perturbar o traballo cotiá de poñentes e asistentes.

En Bueu, desde xuño de 1931 xa se consolidaba o asentamento do Partido Galeguista coas visitas de Núñez Bua, Paz Andrade e Castelao que en abril do ano seguinte repetiría visita a esta vila para impartir conferencias nun ciclo promovido polo Centro Recrativo que tamén contaría na palestra con Bóveda, Otero Pedrayo, Filgueira Valverde, Paz Andrade, Álvaro Gil e Iglesias Vilarelle. E escasos meses despois destas conferencias, Bueu voltaría a ser pioneira nas Conferencias didácticas e pedagóxicas, organizadas polo Consello Local de Primeiro Ensino na escola nacional nº 2. Abriría o ciclo de charlas o mestre de Ons, Manuel Fernández Cambeiro que disertaría sobre "Influencia del medio ambiente en la educación del niño".

Este mestre levaba impartindo clases na illa desde 1926 nun local cedido por Manuel Riobó, que ao igual que a antiga rectoral na que vivía, estaban custeadas polo Concello de Bueu. De Fernández Cambeiro cabe destacar tamén o seu compromiso cos veciños e o labor social que realizou, impartíndolle clases a 72 alumnos de primaria e máis as aulas de Permanencia de Adultos con cuxos asistentes organizou un coro de trinta voces.

*Mestre e investigador

Compartir el artículo

stats