Camposantos e cemiterios (IV)
Salvo o novo de Darbo e a alegalidade do de Cangas, os demáis cemiterios do municipio están regularizados
Xerardo Dasairas (*) | Cangas
O artigo 33.1º do Estatuto de Autonomía de Galicia atribúelle á nosa Comunidade Autó¬noma o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior, incluindo a de policía sanitaria mortuoria. Xa desde 1982 a Xunta veu aprobando decretos normativos sobre modificacións e regulamentos de áreas relacionadas con este tema ata chegar ao Decreto 151 promulgado o 20 de novembro de 2014 que pretendía regularizar os máis de 2.000 cemiterios ainda alegais dos 3.788 existentes en Galicia. Destes, arredor duns 3.500 camposantos, a maioría rurais, ainda están baixo control da Igrexa e a maioría da parroquias obviaron a sua regularización polo que, a día de hoxe, foron moi poucas as que cumpriron co decreto pois son reticentes a que os concellos pasen a controlar o seu uso. Sobre isto, como referimos no artigo central, o Concello de Cangas, se exceptuamos o novo caso de Darbo e a actual alegalidade do de Cangas, conta cos demáis cemiterios regularizados desde hai xa uns cantos anos.
Concepto sanitario e eclesial
Sería imposible reflectir aquí a numerosa lexislación sobre este asunto que se veu xerando desde que Carlos III, á imitación de Francia, promulgase o 3 de abril de 1787 unha Real Cédula que recollía a severa prohibición de enterrar nas igrexas e no seu arredor en beneficio da saúde pública, iniciándose a construción de cemiterios, apartados dos núcleos de poboación e en lugares ventilados. Na mesma orde propúñase que estes espazos debían concibirse segundo o Ritual Ordinario da Igrexa, empregando os cartos dos fondos parroquiais e a axuda pública do correximento (Concello) nun terzo ou metade do presuposto e poñendo ademáis os terreos xa públicos ou comunais. Carlos IV voltaría a emitir en abril de 1804 unha circular a correxidores de cidades, vilas e lugares para axilizar a construción de cemiterios de cara á conservación da saúde dos seus vasalos e mesmo o respecto á casa de Deus pois os templos estaban convertidos en depósitos de podredumbre y corrupción. Diversas ordes posteriores estimularían aos concellos para a sua construción dándolles facilidades e axudas financieiras pero indicando que a sua custodia seguiría nas autoridades eclesiásticas.
Como persistisen as reticencias e incumprimentos por parte da Igrexa, Fernando VII insistiría neste tema dos cemiterios coa Orde de 8 de abril de 1833 que avivaría as fricións coas municipalidades en canto a sua financiación e titularidade pero tamén pola extrema confesionalidade destes lugares e pola mesma resistencia dos veciños a mudar os costumes de enterramento. Tras das fallidas disposicións anteriores, sempre aparece a compoñente católica, considerada como única relixión do Estado e o seu ritual que, incumprindo as leis, permitía que os notables (pagaban a sepultura) seguisen inhumándose nas igrexas, descartando o seu traslado aos novos cemiterios. Só nalgunhas épocas de gobernos liberais se conseguiría algún avance neste tema como aconteceu o 8 de xaneiro de 1845 que vai ser a data de inicio da lexislación municipal sobre os cemiterios, sinalándose no punto 8º do artigo 81 a competencia exclusiva dos concellos no tema. Contodo, as resistencias eclesiásticas ainda se deixarían sentir, alegando sempre ao carácter consagrado dos recintos, que os facía da sua exclusividade e de aí a resistencia aos enterramentos en sagrado de persoas disidentes (polución segundo a terminoloxía eclesiástica) que segundo o Código do Dereito Canónico, salvo sinal de arrepentimento, lle afectaba tamén aos apóstatas, integrantes de sectas heréticas ou cismáticas; masóns e similares; aos excomulgados; aos suicidas; aos duelistas; aos pecadores públicos e aos que decidisen queimar o seu cadáver, medida esta que, a parte da xeira republicana, non permitiría a Igrexa ata 1963, curiosamente ainda baixo o réxime franquista.
As disputas polos recintos tamén foron permanentes pois a Igrexa alegaba que o ámbito mortuorio era exclusivo dela pero asumindo que a creación e os gastos no coidado e mantemento dos recintos corresen a conta dos concellos. Deste xeito, non sen certas reticencias, ambas institucións chegaron a compartir as chaves para non incumpriren as leis sanitarias sobre os cemiterios.
Os avances pola, chamémoslle democratización dos camposantos, facíanse máis relevantes a nivel legal en épocas progresistas como a revolución de 1854 (Lei de 1855) que permitía a condución, depósito e enterro co debido respecto e a conta da municipalidade, dos restos dos que non eran católicos. A Ley Municipal de 21 de octubro de 1868, durante o Sexenio Revolucionario, relativa á Organización e Atribucións do Concellos, tamén volvería a crear controversias co estamento relixioso ao ditar normas sobre os cemiterios, o lugar axeitado, a duración dos enterramentos, as medidas das tumbas, muros de dous metros, portas de ferro con cadeado... As poboacións de máis de 5.000 habitantes (non era o caso de Cangas nesta data) debían contar ademáis con salas específicamente dedicadas a autopsias e embalsamamentos, a velorios, capela e habitacións para o cura e o enterrador.
A instauración do Rexistro Civil, segundo lei do 17 de xuño de 1870, sería outro paso legal que lle rabuñaría outra parcela ao poder monolítico relixioso. A partir de 1882 e logo en 1894 tamén se conseguiría un pequeno avance neste tema ao se adoptar definitivamente un marco científico e hixiénico-sanitario sobre os enterramentos. Como vemos, a vía sanitaria era a punta de lanza nestes anos de cara á municipalización e incluso na ditadura de Primo de Rivera promúlgase o 9 de febreiro de 1925, un agardado Regulamento de Sanidade Municipal que implicaría o control e seguimento dos puntos que as leis van poñendo ao alcance dos municipios como a intervención e vixilancia sanitaria e hixiénica de todos os camposantos e cemiterios sobre os que os dereitos eclesiásticos xa non poderían interferir. Contodo, a secularización total e municipalización real dos cemiterios non chegaría ata a II República pero pouco duraría pois co réxime franquista volvería a estar na man da Igrexa. El Fuero de los Españoles, de 17 de julio de 1945, en su artículo 6º señala: La profesión y práctica de la Religión Católica, que es la del Estado español, gozará de la protección oficial e igual que en 1870 engade que nadie será molestado por sus creencias religiosas ni por el ejercicio privativo de su culto pero segue sen atender o momento do falecemento, pois engade: No se permitirán otras ceremonias ni manifestaciones externas que las de la Religión Católica.
A chegada da democracia volvería a recuperar o carácter municipal dos cemiterios e desde 1996 as leis estatais veñen eliminado o carácter de monopolio municipal destes servizos, liberalizando o sector funerario cuxos permisos de funcionamento seguen a ser responsabilidade dos concellos en coordinación coa Xunta de Galicia cuxa normativa (Decreto 134) data de 1998. Contodo, ainda queda por resolver, como xa dixemos, a regularización dos miles de camposantos alegais existentes, podendo engadir como última disposición en Galicia a que xa lle permite aos islamistas o enterramento só con sudario como esixe a sua relixión pero o traslado do cadáver ao cemiterio debe facerse en ataúde.
Exhumación de Franco
O proceso de exhumación de Franco coa negativa do prior de Cuelgamuros vén reflectir na actualidade algunhas das cuestións legais das que vimos falando e que colisionaron co Concordato vixente coa igrexa, ao considerar de xeito moi particular o prior da abadía do Valle de los Caídos que a tumba do ditador está nun locus sacrum (cripta) e que só a el lle compete a negativa á exhumación á que tamén se opón a familia. De aí a demora e os recovecos legais que houbo que superar, ainda que finalmente as duas grandes instancias, o Vaticano (e por tanto o superior da orde beneditina) e sobre todo o Tribunal Superior de Xustiza español, lle deron o seu consentimento ao traslado xa efectivo.
(*) Mestre e historiador de Cangas)
Suscríbete para seguir leyendo
- El conductor de un vehículo persigue al de un autobús hasta la estación de Cangas y le rompe una puerta y el limpiaparabrisas
- La isla de Ons pierde parte de su luz: adiós a Áurea Reiriz Otero, farera, percebeira, cantadora y pandeireteira
- Nudistas en la playa de Barra increpan con aplausos a quienes utilizan el bañador
- «Valoria B» y «Tumberry C», duelo de titanes en la ría de Aldán
- Aparece abandonado un coche en A Fraga, en Moaña, con los airbags disparados y con vertido de aceite
- El gobierno cangués programa un cambio estructural en la cúpula de la Policía Local
- Adega denuncia la tala en la isla de Ons de plantas protegidas y en peligro de extinción durante los trabajos de la Xunta
- La Mancomunidad de O Morrazo refuerza la inspección de los composteros domésticos con 157 visitas a hogares