Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Camposantos e cemiterios (I)

Ás portas do mes de difuntos, Dasairas fai un recorrido en tres capítulos pola historia dos cemiterios de Cangas

Inhumacións de distintos periodos en Galicia. // Arquivo do autor

Inhumacións de distintos periodos en Galicia. // Arquivo do autor

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Xerardo Dasairas (*) | Cangas

"Hai que facer unha campaña

na ONU, ou onde sexa, para

Camposantos e cemiterios (I)

Camposantos e cemiterios (I)

declarar xenocida ao tempo"

(Guillermo Cabrera Infante)

Camposantos e cemiterios (I)

Camposantos e cemiterios (I)

A través dos achados, calcúlase que o ser humano leva uns 100.000 anos soterrando aos mortos pero en Galicia só podemos remitirnos á época megalítica, ás mámoas e as cistas, que se poden datar desde o ano 4.500 a. C. As seguintes evidencias de restos xa nos remontan á época romana e posteriormente aos enterramentos paleocristiáns e altomedievais, aos que xa lle dedicamos unha reseña específica, todos eles relacionados tamén coa importancia dos seus ocupantes: dirixentes, adiñeirados, alto nivel social, cregos... O resto das persoas serían soterradas en fosas illadas ou comunais das que, salvo casos extraordinarios, non temos moitas noticias polas condicións ácidas do noso solo.

Moitas relixións antigas xa tiñan divulgado a crenza nun máis alá despois da vida e por esta razón se teñen atopado nalgunhas tumbas paleocristiás botellas con viño ou aceite, din que para agasallar a San Pedro, o aduaneiro do ceo. Idéntico costume funerario e co mesmo fin aparece incluso en enterramentos do século XV pero as especies sustituidas por moedas. Foi a expansión e proxección do cristianismo e a crenza na alma quen xeraría o costume dos enterramentos nas igrexas, reservados estes a xentes notables, e nos terreos anexos cuxos recintos estaban consagrados a aquel fin. E así, baixo responsabilidade exclusiva da igrexa católica, veladora das almas, as inhumacións seguirían a facerse nestes lugares, chamados logo camposantos, nome que provén da gran capa de terra que as galeras pisanas tiñan traído dos Santos Lugares de Xerusalén para o novo cemiterio da cidade. A verba cemiterio (do grego koimetérion= dormitorio) comezaría a usarse a partir da construción destes, seguindo as normas hixiénico sanitarias de finais do século XVIII. Con maior arraigo que noutras partes, en Galicia o mundo dos vivos e dos mortos sempre gozou de certa armonía e connivencia segundo podemos comprobar polos costumes e rituais antigos, moitos deles reflectidos logo no corpus cultural inmaterial (F. de V. 1-11-2015). Mais, en realidade, esta tamén "convivencia" comezaría a cuestionarse cando os ilustrados e médicos hixienistas do século XVIII deduciron unha relación coas epidemias (a peste) e as emanacións das sepulturas. Atribúeselle a un protomédico do papa Clemente XI, a comezos do citado século, a construción de cemiterios fóra da cidade de Roma, proposta que non chegou a materializarse pero que xa veu cuestionar os enterramentos nas igrexas. Contodo, este tema ainda había de ter un longo percorrido legal ata a municipalización dos cemiterios.

Camposantos e cemiterios (I)

Camposantos e cemiterios (I)

Todos os cemiterios do Concello sufriron grandes modificacións pasando desde o simple soterramento e o panteón ao sistema de nichos ou nícharos como se di aquí, que veu resolver desde comezos do século pasado, os problemas de espazo que xeraron uns recintos pequenos. Non quedan moitos daqueles antigos panteóns que iremos reseñando polo seu valor artístico nos que quedou a arte e a pericia dos nosos mestres canteiros, a maioría chegados doutras terras. Contodo, tamén nos nichos de pedra posteriores, algúns máis que centenarios, se pode admirar a impronta e magnífico traballo en pedra dos arxinas, sobre todo nas columnatas, nos frontispicios, nas esculturas e nas figuras de vulto que os coroan.

Cemiterio de Coiro

Camposantos e cemiterios (I)

Camposantos e cemiterios (I)

As referencias máis antigas a un enterramento nunha igrexa reférense á de Coiro pois así se recolle na manda testamentaria de Sancha Yañez de Cortegada feita en 1318, ainda que os restos dunha lápida atopada no presbiterio xa nos retrotraen a unha sepultura, quizáis dun eremitorio, que pode datarse arredor do século VI. Non sería ata xuño de 1905 en que se abordase a construción dun novo cemiterio en Coiro por saturación do espazo no vello camposanto. Como todos os recintos mortutorios que se fan nestas datas era preceptiva a sua legalización coa presentación de planos e a execución por un mestre de obras que neste caso vai ser o logo recoñecido arquitecto vigués Genaro de la Fuente que ergue a capela e anexos esixidos pola lei. Durante case un ano que duraron os traballos, os veciños de Coiro que falecían tiñan que ser enterrados en Cangas, destacando estas circunstancias no falecemento de Manuel Soage Núñez, ex xuiz de paz e concelleiro que con certas reticencias, foi o primeiro coirense en ser soterrado en Altamira. Entre os enterramentos sobranceiros podemos destacar o humilde nicho do contraalmirante Félix Ozámiz. As posteriores ampliacións deste cemiterio tamén pasaron por recentes episodios de legalización que logo foron subsanados.

Cemiterio de Darbo

No referente á igrexa de Darbo temos constancia das inhumacións no seu interior pois consta que nos primeiros anos do século XVI xa se establecían os prezos do enterramento na mesma de menor a maior contía segundo a proximidade ao altar (M. Rodal 1999). Loxicamente, estas sepulturas só eran accesibles aos nobres, fidalgos, cregos e persoas podentes que eran quen basicamente ocupaían estes espazos ata a sua prohibición. Entre as sepulturas existentes só hai unha cun escudo que polos símbolos que mostra, cálice, corazón, chaves San Pedro, alfa e omega, polo que deben pertencer a un crego. Tamén sabemos que cara a 1773 a igrexa de Darbo estaba ruinosa e grazas a axuda da emigración mexicana faise a sua reconstrución, aproveitando tamén para facer un osario que acollese as exhumacións. Temos coñecemento documental de que ata finais de 1888 non se aprobaría a construción do novo cemiterio inhumándose aínda no camposanto o último falecido o 7 de marzo de 1890. Oito días despois, o 15 da mesma data, faise o primeiro enterramento no cemiterio polo párroco José Martínez, correspondente a unha veciña de 54 anos que morrera de atropía del corazón que vén sendo a parada cardiaca de hoxe. Como acontece cos outros cemiterios locais, os primeiros nichos tamén datan de comezos do século XX constatándose a existencia de tumbas e panteóns anteriores.

O conflito do novo cemiterio

A construción dun novo cemiterio no ano 1993 a instancias do párroco José Duro e da construtora Pouba acabaría xerando un conflito de legalización por parte do Concello e Sanidade que xa dura máis de vintecinco anos sen se resolver. Este recinto, a pesar de contar cos preceptivos permisos de obra e estar, obviamente, sacralizado, segue a ser privado pois ao non ter comunicación co recinto vello non se pode considerar unha ampliación. Por outra banda, a empresa construtora vendeu nichos e seguiu construindo e vendendo máis sen ter en conta a lexislación autonómica sobre este tema. A solución pasaría por constituilo como cemiterio privado como fixeron co de San Tomé de Freixeiro, encargándose do seu mantemento e gastos pero os propietarios dos nichos non se poñen de acordo co que a vía para regularizalo sería a cesión municipal co que isto conleva, é dicir pasando a ser un ben demanial público que non se pode allearse, venderse... podendo ser usufrutuado por 99 anos e renovado, de persistir o uso familiar, como marca a Lei. Esta renuncia á propiedade e o sentimento de perda dos cartos investidos é o que lle desgusta aos actuais posuidores de nichos pero de seguir esta vía non queda outra saída. A día de hoxe, semella que xa se vislumbra un acordo e solución definitiva.

Xa comentáramos tamén (F. de V. 26-5-2019) a existencia en Darbo da capela de San Antonio que Juan Mariño de Romay y Sotomayor, prior da colexiata de Cangas, tivo que erguer ao recibir a fortuna do seu tío Juan de Romay, tamén racioneiro da mesma. Cando faleceu, foi sepultado na mesma pero un século despois, cara a 1742, a capela xa estaba en ruinas e as suas cinzas foron trasladadas á colexiata e depositadas nunha sepultura reservada aos priores.

(*) Mestre e historiador de Cangas

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents