Faise memoria de que antano esta festa contaba con máis asistencia que hoxe e que as ringleiras de devotos facíanse patentes desde Bueu avanzando monte arriba, lentamente, empanadas á cabeza e queipo ao brazo, a través da canella da Ramorta. Uns accedían ao recinto polo portalón principal do pazo, entrando no adro da capela por unha porta sobre cuxa lumieira se erguen unhas figuras de pedra que representan graciosamente a catro músicos de antano en comparsa. Outros subían polo empinado camiño da Carrasqueira accedendo directamente á carballeira do adro por unha porta lateral arcada que exhibe duas figuras a ambos lados e un cristo crucificado, acompañado da Virxe e de San Xoan no alto da lumieira.

Nos anos en que o mar acompañaba cunha boa ceifa do xeito, a festa enriquecíase en asistencia, xenerosidade de viandas, ledicia e ofrendas devotas. As rosquiñas, os melindres, os caramelos e sobretodo o mel, levado en tarros e oliñas, eran os produtos que máis se demandaban. As meleiras sufrían o indicible para protexeren os seus recipentes dos rillotes nos que untaban pan ás agachadas, entanto se tiñan que defender con abanos das nu-merosas moscas e abellóns que tamén pretendían chuchar no dóce mel da terra.

Agora xa case ninguén para a xantar baixo as árbores do adro e son os postos de sidra e as racións e pinchos que ofertan, os que en aperitivo alivian as horas de xexún ata as tres da tarde en que remata a romaría.

Só a poxa do aceite bendicido e o desfile dos devotos ante a Santa Ifixenia, acompañada neste día de exvotos de cera e donativos en metálico, parecen ter unha certa continuidade dos ritos e crenzas de antano.

Cando xa a banda entoa para os presentes a última peza da sua música, os máis crentes amosan no retorno, a súa ledicia por terse feito co aceite bendicido e levar para casa o pano branco pasado pola face da santa para combater as espullas e as doenzas da pel, de aquí a un ano.