Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Lembranza da Santa Ifixenia e das festas da sidra (II)

Pola súa face negra, esta santa que venera Bueu non tivo moita difusión en Europa

A procesión arredor da capela. // Arquivo do autor

Un abade dunha parroquia remota, afeccionado ao xogo, adoitaba achegarse por esta casa do abade de Bueu para xogar interminables partidas de tresillo. Nunha destas chegou a perdelo todo agás a cabalería que precisaba para retornar. Pretendendo recuperar o perdido, puxo en xogo unha partida de santos que tiña apartados na sua sacristía, figurando entre eles a efixie da santa negra. E perdeu de novo, polo que a imaxe da Santa Ifixenia, ao ser exposta, pasou a ocupar non só un lugar na pequena capela do pazo senón un lugar de importancia no devocionario popular das xentes de Bueu e arredores. Nin que dicir tén, que o predicador considerou o relato como apócrifo e lendario, obviando a súa proclama ao público. Sobre este aspecto tamén se conta que a imaxe procedía dunha igrexa da zona de Vigo, diócese de Tui en cuxa catedral, por máis señas, tamén se venera unha reprodución desta Santa. Pola sua face negra, esta santa non tivo moita difusión en Europa, destacando a mencionada de Tui e a Santa Efigénia do Porto, mais nos séculos XVII e XVIII o seu culto propagouse por América entre os mulatos e negros do Brasil, Perú e Cuba, destacando nesta illa o cemiterio de Santa Ifixenia en Santiago onde xacen os pais da patria, incluido Fidel Castro.

Santa Ifixenia era unha princesa que procedía da familia real de Etiopía alá polo século primeiro da nosa era. Segundo o relato lendario, San Mateo que andaba a evanxelizar este país fixo resucitar a un irmán de Ifixenia provocando a inmediata conversión desta, da súa familia e do pobo ao cristianismo. Querendo levar unha vida máis achegada a Deus e aconsellada polo apóstol, Ifixenia decidiu adicarse por completo á vida relixiosa. Mais, Hitarco, irmán seu que sucedeu ao seu pai pretendía desposarse con ela, encontrando sempre a negativa e resistencia da princesa ante o que estaba vedado polo cristianismo. Anoxado e despeitado o novo rei, ordenou prenderlle lume ao local onde se albergaba Ifixenia. Mais a pesar da rapidez e voracidade do incendio, o edificio, por intervención divina, non quixo arder e a princesa e as suas compañeiras sairon ilesas. A fe en Cristo e a consideración de Ifixenia como precursora do monacato feminino elevaríana á categoría de santa. Destes feitos proceden os símbolos que loce a santa nas suas mans, unha cruz e unha igrexa ardendo, e tamén as virtudes sanatorias que se lle atribúen nas doenzas da pel, as queimaduras e na eliminación das espullas.

Na víspera da romaría tén lugar unha misa vespertina na capela á que asisten os veciños dos arrredores, os vigairos e algunhas rosquilleiras e sidreiros que madrugaron para coller sitio nas aforas do pazo, frente a porta da Carrasqueira. O domingo, moi cedo, van chegando os romeiros e devotos á primeira misa das once. Logo, duas horas despois, tén lugar a misa solemne que se fai de campaña pola estreiteza da capela e sempre que o tempo acompañe. O altar, ubicado frente a porta principal da mesma está presidio polas imaxes de Santa Ifixenia e da Virxe do Carme que logo serán levadas en curta procesión pero con banda de música, ao redor do adro. A fachada luce campanil no alto e aos lados, a xeito de pináculos duas figuras que semellan o Pai Eterno e un santo. A porta de entrada en arco, aparece enseñoreada polo brasón cos apelidos do pazo e da Inquisición e nun recanto da esquerda sobresae un púlpito circular, balconado en ferro, desde o que noutrora se botaban os sermóns e ainda se celebran as poxas. O sostén do púlpito é unha pedra circular que mostra un tamborileiro e un gaiteiro que loce saia ao xeito antigo. O cruceiro do adro e as figuras descritas semellan ser dun estilo gótico tardío pois a ausencia de datas e o anonimato dos autores non permite unha cronoloxía máis exacta.

(*) Mestre e historiador de Cangas

Compartir el artículo

stats