Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A arquitectura da auga (II)

O historiador Xerardo Dasairas prosigue a súa colaboración sobre as fontes coas de Darbo e Cangas

Fonte de Santiago. // A.do A.

Fonte de Santiago. // A.do A.

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Xerardo Dasairas | Cangas

Con intencións votivas semellantes á de San Amaro temos a da igrexa de Darbo, manancial que xa debía existir cando se menciona a parroquial por primeira vez no ano 1318 xa que é o único lugar de abastecemento de auga próximo. Porén, pouco sabemos da fonte actual, mais pola sua traza e a advocación da Virxe que a preside, cabe supoñer que a sua estrutura non fose levantada ata as reformas exteriores da igrexa no 1771 pois, ainda que de elementos barrocos, é perceptible xa unha certa influencia neoclásica. Ainda que máis baixa que o terreo, a procedencia da auga vén de máis arriba pois non cabería o seu consumo nunha zona que era camposanto de enterramentos. A existencia de dous chorros que manan da boca de duas figuras, remítennos, como noutras partes, á idea de teren unha doble finalidade na sanación de males diferentes.

San Leonardo

A arquitectura da auga (II)

A arquitectura da auga (II)

Esta fonte, situada entre as ruas Antonio Graña e Subida a Síngulis, foi botada de menos por algúns lectores nas entregas anteriores pero decidíramos incluila neste apartado pola sua fasquía construtiva que inclúe duas cartelas co seu nome e a data de 1880. Chama moito a atención, o aproveitamento do desnivel para engadirlle unha escaleira de pedra con varanda de ferro que permite o acceso directo á mesma desde a rua superior, evitando o rodeo, aspecto que lle da un ar distintivo das demáis. Ata hai uns anos contaba con duas artísticas billas (ver foto) que incrementaban esa fasquía á que nos referiamos. Foi construida para paliar os problemas de abastecemento dos barrios do Costal e Outeiro debido á perda de caudal e á contaminación que sufría con frecuencia a antiga e cercana Fonte Garrida. Para moitos resulta chamativa esta advocación de San Leonardo, santo sen referentes en Cangas, pero obedece ao nome do médico Leonardo Arnaud que custeou o material. Ademáis disto, a fonte aparece tamén indirectamente como unha homenaxe que, o duas veces alcalde de Cangas, César Arnaud, lle fixo ao seu irmán, primeiro médico municipal da vila que residía nesta rua, chamada anteriormente Álamos.

Fonte Nova do Señal

A arquitectura da auga (II)

A arquitectura da auga (II)

Non cabe dúbida que esta obra tivo moito que ver na demanda que no mesmo ano fan os veciños do barrio do Señal, en expansión, para que se lles fixese outra fonte. Como o presuposto da mesma alcanzaba as 2.223 pts. pois incluía a traída desde o manancial do Campo do Galo de propiedade parroquial, solicitarían financiación da Deputación que contribuiría á obra coa metade do presupostado. Esta fonte, situada na saída da vila, no descampado que logo foi o Eirado do Señal, foi realizada polo canteiro P. Cons Argibay (apelidos da contorna pontevedresa) e inauguraríase en 1881, sendo alcalde M. Ventura Sequeiros Matos, parente do daquela presidente do organismo provincial. Por esta emblemática fonte, o Eirado do Señal pasaría a chamarse plazuela de la Fuente Nueva que como xa comentaramos anteriormente ao falar das fontes, tiña un pilón abrevadeiro ao redor e que, poucos anos despois, sería retirado por antihixiénico ao se utilizar para limpar e lavar o peixe.

Fonte de Santiago

A arquitectura da auga (II)

A arquitectura da auga (II)

Foi levantada durante o mandato do alcalde e farmacéutico Francisco Martínez Budiño por acordo de 1887, ano no que tamén se van emprender outras obras como o alumado público a petróleo ou a restauración do reloxo da excolexiata. Esta fonte, na sua primeira ubicación, ergueuse máis ao norte no lado contrario ao que ocupa hoxe por frente da fachada da excolexiata e dentro do espazo do antigo camposanto. A auga procedía dun manancial ou mina existente nun terreo propiedade do cura Alejandro Díaz Arce que foi expropiado. O deseño e a obra da fonte son da autoría do mestre canteiro Ignacio Cerviño e contaba cunhas efixies de golfiños, rematando a estrutura a estatua ecuestre de Santiago polo que foi popularmente coñecida como a Fonte do Cabalo. A fonte foi inaugurada no 1890 tal como figura na cartela lateral na que se recolle tamén o nome do concello. A condución da auga desde a mina facíase por unha canle de pedra realizada polo mesmo Cerviño o que non evitaría protestas dalgúns veciños pola sua mala construción que xeraba asulagamentos nas suas propiedades.

En xullo de 1906, o canteiro de Coiro Juan Fontán remata co derrubo do muro que pechaba o adro da igrexa e a fonte trasládase para o lugar actual, cedido polo cura, pero sen os golfiños que non lle acaían ben ao tema ou non cabían no espazo destinado a ela.

A arquitectura da auga (II)

A arquitectura da auga (II)

Esta fonte non só foi lugar de latriqueo feminino senón que destas rexoubas xurdiu que o taberneiro José Pereira, por facerlle "un favor" aos clientes, adoitaba rebaixar coa auga da mesma o viño pelexón de Cacabelos que adoitaba dispensar no seu local. E é que esta fonte, na sua primeira ubicación, estaba situada perto deste establecemento pero estorbaba o tránsito dos carruaxes pola rua Real polo que foi trasladada posteriormente, quizáis en marzo de 1906 cando con permiso do arcebispo se procedeu ao derribo do muro que rodeaba a excolexiata.

Tamén as partes pudendas do cabalo foron obxecto de controversia entre o beaterío pola visión "en contrapicado" que ofrecían e que segundo se contou nos mentideiros da vila, foron rebaixadas a golpe de cincel. Durante a etapa republicana, a estatua de Santiago foi privada da espada coa intención de que lucise o puño en alto pero como o que quedou desta acción fose un muñón que deslucía a imaxe do apóstol, encargouse da sua reparación o coñecido canteiro e líder político e sindical, Lorenzo Corbacho. Nos convulsos e tristes dias do golpe militar de xullo do 1936, esta fonte era adoito usada como punto de vixilancia e control falanxista, perto do seu local e por situarse na rua principal e a carón da igrexa, do concello, do cine e do Centro republicano.

A arquitectura da auga (II)

A arquitectura da auga (II)

As fontes de Massó

En estado visible de deterioro, como o resto dos inmobles, atópase frente ao que foi o parvulario, a chamada Fonte do Tritón de Massó que antano contribuía a dulcificar a voráxine fabril que se desenvolvía a poucos metros dela. Ainda que está realizada en cemento, pola sua traza non nos extrañaría que detrás do seu deseño estivese a man de Lugrís. O chorro de auga saía da boca do tritón e non sabemos se esta aproveitaba o antigo manancial de Lavapés ao que se lle atribuían propiedades sanatorias.

O conxunto da fontana merecería unha mellor atención da escultura e do seu entorno, ainda que foi mágoa non xestionar o seu traslado aos novos xardíns onde luciría mellor que no emprazamento actual.

As novas fontes artísticas, como a do xardín da Ribeira do Señal (Alameda Nova) ou a da praza da Palma, pouco teñen que aportar á arquitectura da auga na sua estrutura, primando sobre esta o aditamento tecnolóxico moderno como os chorros a presión e os efectos lumínicos, ambos de custoso mantemento pola atención e operatividade que precisan.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents