Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A presenza monástica no Morrazo (II)

As ordes cisterciense e sanxoanista tiveron unha importante pegada na comarca

Convento en Tirán. Mapa francés do ano 1764.

Nos primeiros anos do século VI, o labor evanxelizador iniciaríase da man dos bispos bracarenses San Martiño de Dumio primeiro (séc. VI) e de San Frutuoso (séc. VII) instalándose monxes eremitas para combater as supersticións e o sincretismo priscilianista, medrando pequenos cenobios por onde ían realizando a sua misión cristianizadora. As invasións normandas do século VIII e as posteriores dos piratas árabes, levarían ao abandono das zonas costeiras, asentándose a poboación en lugares montuosos e mesmo reocupando, como cando das invasións xermánicas, os antigos castros.

Por outra parte, e como elemento favorecedor da expansión relixiosa, aparece a pronta expulsión dos árabes dos territorios do sur galaico e as doacións reais aos nobres que participaban na reconquista e que logo revertirían en mosteiros e bispados. O interese destes estamentos relixiosos polas posesións perto do mar proviñan da necesidade de peixe e de sal para a sua conservación. As longas tempadas de vixilia (Coresma) ás que estaban sometidos os numerosos mosteiros e igrexas, demandaban o consumo destes produtos, sobre todo nos do interior, cuxo excedente se comercializaba nas feiras.

OS CISTERCIENSES

O Mosteiro de Armenteira

Os cistercienses de Armenteira tamén contaron con diversas propiedades e dereitos de presentación no Morrazo, destacando as de Beluso, San Martiño de Moaña, a metade da igrexa de San Xián de Marín (compartida con Santiago), a metade das rendas da igrexa de Bueu, a presentación da igrexa do Hío (logo compartida polos Aldao, Soutomaior, Valadares e Castelar) ou diversas terras en Cangas, Aldán, Coiro e Barra (Hío), estas últimas compartidas con seis propietarios leigos. No século XVIII, este mosteiro aínda percibía numerosos foros na vila de Cangas.

O Mosteiro de Melón

Os cistercienses de Oseira instálanse en Marín no ano 1151 ao recibir de Didacus Arias de Deza, cabaleiro templario, o couto de Marín que recibira por mercedes reais anos antes con todos os seus términos, pertenzas e dereitos. Oseira nomeou aquí un prior e un granxeiro, construindo unha igrexa con outras dependencias e servos que se instalan como colonos.

Ao redor dos peiraos da Lameira e de Cantoarea, o priorado fomenta o comercio, dita ordenanzas para a pesca e constrúe unha defensa no lugar da Mouta. A longuísima existencia deste priorado non estivo exenta de pleitos cos sanxoanistas (1158) que pretendían recuperar para si o couto ao se mudar de orde o devandito Diego de Deza. Na mesma liña litigante, mais por cuestións de pesca, ten numerosos enfrentamentos coa mitra santiaguesa, posesora do veciño San Xián de Encoirados. Contodo, os congros, pixotas e outros peixes seguirían chegando á casa matriz de Oseira e outros mosteiros, sobranceando entre eles o polbo ó que os monxes conseguiron darlle esa gastronomía tan especial que aínda conserva hoxe da man das polbeiras con orixes no entorno do mosteiro. Este mosteiro tamén tiña xurisdición sobre o couto de Domaio ( Dominio) desde onde se enviaban as sardiñas, polbos, pescadas, ollomoles... cara Redondela, vila desde a que por terra, chegaban a Ourense.

O Mosteiro de Oia

Desde 1376 e por real provisión do rei Enrique II, este mosteiro gozou da posesión do couto de Vilela en Tirán e outros bens en Cangas e Moaña. Esta xurisdición, porén, estaría moi discutida por un propietario leigo pero prolongaríase ata o século XVIII.

Os Sanxoanistas

Esta orde, que algúns fan en parte herdeira dos templarios, foi coñecida en diversos periodos como dos cabaleiros de Rodas, de Malta e dos Hospitalarios de San Xoán de Xerusalén. A sua implantación en Galicia foi tardía e suponse que aproveitou moitos dos antigos establecementos e bens dos templarios ao ser disoltos estes. Quizais para evitar incautacións, os Hospitalarios de San Xoán tamén procuraban non acreditar como de templarios as suas numerosas posesións entre as que Filgueira Valverde cita a illa de San Simón. Como fose, os bens desta orde no Morrazo dependían en inicio da encomenda de Mourentán (Arbo), logo de Beade (Ourense) e máis tarde do Priorado de Castrelos (Vigo), tendo o seu centro espiritual e económico na igrexa de Santa María do Campo, fundada no século XII. Hai que dicir que esta parroquia sempre estivo adscrita xurisdicionalmente a Cangas ao igual que San Tomé de Piñeiro e Ardán, pasando cara a 1833 a Marín cando se constitúen os novos concellos.

Esta orde tiña os seus propios visitadores non permitindo recibir nas suas igrexas a ningún prelado, nin bispo, nin arcebispo e non só contaba con numerosas posesións no Morrazo senón que, asemade, dispuña da protección da casa de Soutomaior, inimigos acérrimos dos arcebispos de Santiago. Ademais da citada igrexa do Campo, os bens da orde do Hospital no Morrazo estendíanse por Darbo, Hío, San Tomé e Santa María de Piñeiro, Ardán, Cela, San Martiño de Moaña, Tirán, Marín, Lourizán, Salcedo, Tomeza, Marcón... que aportaban diversos impostos e foros sobre casas, viñas, frutas, veigas, gando... No Hío, o lugar de Santiás (Sant Ioannis) tamén podería aludir a un primitivo eremitorio desta orde.

Estes bens estiveron aforados a Gil de Barragán, escudeiro de Redondela que rendía contas en Vigo na bailía sanxoanista de Coia-Castrelos e entre 1506 e 1548 era Juan de Sequeiros o encomendeiro de Beade na zona. Os veciños con terras, dependentes da Encomenda noutras parroquias, pagaban por metade para esta e metade para a sua igrexa.

A denominada capela da Magdalena pode ser a referenciada en 1169 cando o rei Fernando II lle fai donación a Pedro Arias, prior da Orde do Hospital en Galicia e Portugal, dunha herdade denominada Pamala en Daravo (sic). Tamén un do apelido Arias, chamado Fernando, é o que recibe en 1184 a herdade de Sabaceda do rei Fernando II na que se consagraría en 1197 a igrexa de San Martiño, que seguiría baixo a tutela dos descendentes daquel, Fernando e Paio Arias, antes de cederlla en parte a Armenteira. Aquí, a cruz gravurada na igrexa semella a de Malta, tamén relacionada cos cabaleiros sanxoanistas.

Volvendo á capela da Magdalena, cabe apuntar que polos símbolos que aínda exhibe (cruces potenzada e entrelazada sobre agnus dei), pode acreditarse a sua pertenza á Orde do Hospital, igual que Santa María do Campo, centro das posesións e do encomendeiro e incluso tamén Santa María de Cela onde, segundo o seu nome, existiría un pequeno cenobio.

A teor disto cabe mencionar o pleito que en 1611 mantén o presbítero de Coiro cos Mondragón de Santiago sobre a pretensión destes de facerse coas posesións da igrexa de Coiro. O cura desta parroquia alegaba que a mesma era de presentación real por ser de Templarios coas súas portas dobradas e cruz e carneiro desta orde. Os Mondragón, que acabarían posuíndo o beneficio e reedificando a igrexa parroquial, negarían tal procedencia, dicindo que antes só era unha igrexa moi pequena e estreita.

Ante isto, cabería preguntarse se a alusión aos templarios nesta zona, viría dada pola existencia da pequena igrexa da Magdalena que deu nome á serra e ao barrio na que se ubica, recibindo na Idade Media importantes doacións nobiliarias (Sancha Eannes de Cortegada en 1318 e María Sánchez de Aldao en 1397) a súa confraría á que pertencía Paio Gómez de Soutomaior (1454), linaxe, como dixemos, moi relacionado cos sanxoanistas. A favor desta tese hai que anotar que os templarios adoitaban abrir capelas exclusivamente adicadas a esta advocación e habilitar leproserías cuxa presenza tamén se documenta nun edificio ubicado á beira da capela da Magdalena, derrubada a finais do XVI por orde do arcebispo, sendo reedificada cara a 1618 con reaproveitamento dalgúns elementos.

Outras ordes relixiosas

O mosteiro beneditino de Poio, ademais de Ermelo, administraba tamén a igrexa de Beluso (Beluz, Beluço), o convento de Santa Clara (clarisas) recadaba as maiores rendas no Morrazo e San Domingos (dominicos) de Pontevedra como casa matriz contaban tamén con posesións neste territorio e con numerosos foros e doacións en Cangas desde a Idade Media.

A confraría do "Sancti Spiritus" de Santiago aparece con bens en Tirán, parroquia na que nun mapa de 1764 se sinala un "Convent de Cordeliers", que equivalen aos nosos franciscanos ou franciscanas dos que non temos referencias escritas. E falando desta zona, compriría indagar se en San Martiño de Moaña, antes da erección da igrexa en 1197, tamén houbo monxas pois aínda que non dubidamos da orixe toponímica nunha molania (terra mol) queremos engadir, por xogar cos conceptos evolutivos, a especulativa procedencia de Mea domina.

Desta designación das abadesas e freiras medievais quédanos a parroquia de Santa Baia das Donas (Gondomar), onde houbo un convento feminino e deste "domina" faise provir a forma apocopada Ona que aparece nalgúns documentos (Ona Fernández, Ona de Ramirás...) e que foi relacionada con formas como a francesa madame, a italiana madonna e a do español antigo mionna>mioña.

Porén, no caso francés, país do que chegaron moitos frades, máis que o madame que sería mea dama cremos que deu "moanna", que significa monxa no francés antigo e que se asemella máis ao noso topónimo. Eis aquí, unha nova referencia a indagar, ao igual que a mención dun convento de monxas en Cangas no século XVI do que nada sabemos pero "que se suprimiu á morte da abadesa Dona Inés López", segundo referencias de Álvarez Limeses. Contodo, cabe poñer en dúbida a fiabilidade documental desta noticia pois o mesmo autor xa confundira Cangas de Onís coa nosa vila, ao facer residir aquí a dona Luz, condesa de Cantabria. De seguro que o convento feminino tamén se ubicaría en calquera da decena dos outros Cangas, galegos ou asturianos.

*Mestre e investigador

Compartir el artículo

stats