Xa queda nada para que a variedade musical do Festival SonRías Baixas inunde Bueu. O certame, que arranca o xoves, cumpre xa dezasete anos e vén de celebrar o acto de presentación de toda a súa programación. Ao fronte da dirección están Jordi Lauren e Berta Domínguez, que explican para FARO como foron estes anos.

- Como viven estes últimos días antes desta nova edición do SonRías Baixas? Nótase unha maior tensión á medida que se achegan as datas?

-Pois a verdade é que si, quizais se parece á adrenalina dos artistas xusto antes de subir ao escenario. Estamos a traballar todo o ano para unha inmensa explosión de emocións concentrada no tres primeiros días de agosto. Pero no fondo esa "tensión" encántanos porque gozamos moito organizando o SonRías Baixas e conseguindo que un pobo como Bueu e un destino como a comarca do Morrazo se convirtan en referencia musical durante eses días.

- Como valoran o cartel que conseguiron configurar para esta edición?

-A contratación artística sempre é un verdadeiro reto, pero sempre traballamos sobre a premisa de non limitarnos por estilo e buscar directos que teñan enerxía e sobre todo que fagan que o público o pase ben. Por iso é polo que somos capaces de programar nun mesmo cartel a grupos como La Pegatina, La M.O.D.A., SÉS ou Dubioza Kolektiv, que a priori son estilos bastante diferentes. Doutra banda, sempre tratamos de que o público do SonRías descubra novas formacións ou que pasan moi pouco por Galicia, como é o caso de Zea Mays, Segismundo Toxicómano, Hakuna Tanaka ou Muyayo Rif.

- Falando en grandes cifras, como se pode resumir este SonRías?

-Unha das cifras das que estamos máis orgullosos é a do retorno económico na comarca do Morrazo, que supera o 1.100.000 de euros. Ver como a nosa veciñanza, amizades, familias e empresarios en xeral son capaces de xerar moitos ingresos facendo que as preto de 22.000 visitas que recibe o Festival SonRías Baixas gocen da contorna e dos negocios locais é unha marabilla. O orzamento do Festival SonRías Baixas xa supera con fartura os 500.000 euros e traballamos varias persoas todo o ano en Bueu para poder facelo realidade. Durante o festival, os traballadores e traballadoras rondan os 300. A modo de curiosidade, podemos dicir que de proveñen de sectores tan diversos como a enxeñaría, a hostalaría ou a pesca.

- Botando un pouco á vista atrás, era posible imaxinar que aquel festival Troula na Banda que arrancou na pista da Banda do Río acabaría por converterse no que hoxe é o SonRías Baixas?

-Pois a verdade é que é verse cumprir un soño, pero naquel momento non o imaxinabamos nin moito menos. Pasaron moitos anos e polo camiño fomos evolucionando, pero sempre paso a paso e, sobre todo, formándonos e rodeándonos de moitos profesionais para que fose posible. É un orgullo enorme pensar de onde vimos e o que estamos a conseguir.

- Cal cren que foi o punto de inflexión que permitiu ese crecemento e salto exponencial?

-Pois a verdade é que o crecemento foi moi pausado e orgánico. Nunca pretendemos medrar demasiado nunha soa edición porque somos conscientes do grandísimo risco que corremos xogándonos poder seguir organizando o SonRías e o traballo de todo nun ano nuns poucos días. De todos os xeitos, o cambio de localización permitiunos organizar un festival con moito maior aforamento, seguridade e servizos.

- Supoño que non todo mundo que empezou na organización estivo dacordo coa evolución do festival e que houbo xente que foi quedando no camiño. Como viviron ese proceso?

-Por suposto que non, é a vida mesma. Pero estamos seguros de que, como se adoita dicir, a perspectiva do tempo permitiunos recoñecer os nosos propios erros.

- Outro momento importante foi o (non)festival de 2014, no que estaban confirmados Ska-P ou Goran Bregovic, por culpa daquel temporal de fins de verán e a necesidade de tomarse un descanso en 2015. Aínda se "tiran dos pelos" polo cambio de data que decidiron aquel ano? Temeron que aquel fose o final do SonRías ou pode aplicarse o dito de que 'o que non te mata faite máis forte'?

HA verdade é que criamos que se acababa o SonRías para sempre. Foi moi duro saír adiante e conseguir volver, pero ao final aquí estamos e volvemos con forza. Botarlle a culpa ao cambio de data? pois pode ser. Pero, sendo realistas, fagamos cando o fagamos nunca temos asegurado o bo tempo e durante todos estes anos pasamos por vagas de calor, choiva fina e o citado temporal. Esperemos que este ano teñamos un clima suave e todos contentos! [risos]

- Tal como dicía antes, nestes últimos anos fixeron moito fincapé en analizar o impacto económico do festival na vila, chegando incluso a formar parte dun estudo coa USC. Como lle explicarían á veciñanza o que supón o SonRías para Bueu e O Morrazo?

-Organizar un festival de música das características do SonRías Baixas é moi complexo, pero aínda o é máis analizar o impacto no territorio no que se celebra. Grazas á Universidade de Santiago (USC) e á Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), conseguimos realizar cun estudo científico e cunha marxe de erro moi baixa o impacto económico, social e comunicativo do SonRías Baixas. Algunha das cifras acabamos de mencionalas antes e o propio estudo pódese consultar na web de Fest Galicia. É difícil destacar unhas poucas cousas, pero si que estamos moi contentos de poder levar o nome de Bueu por todo o Estado e conseguir non só que veña cada vez máis xente ao SonRías, senón que moitos retornen noutras épocas do ano.

- O SonRías forma parte da Asociación Empresarial de Festivais de Galicia, o que fala da profesionalización deste sector. Cal é o balance deste primeiro ano de traballo?

-Como somos inquietos por definición, en Play Plan [empresa organizadora do SonRías Baixas] lanzámonos nesta aventura de tentar profesionalizar e mellorar o sector dos festivais e niso estamos. Temos moito que mellorar e o mellor de todo é que somos conscientes diso. Nesa liña estamos a reunirnos con frecuencia con estamentos públicos para traballar todos xuntos e mesmo publicamos un manual de xestión para empresas de produción de festivais de música (pódese consultar na nosa web) para lograr festivais de calidade, seguros e sustentables.

- Nun momento no que parece que volven a xurdir festivais por moitos pobos e vilas, temen que volva a producirse unha especie de burbulla como a de hai uns anos?

-Non cremos que haxa ningunha burbulla, pero si é certo que se está facendo un uso incorrecto da palabra "festival", que non é unha simple sucesión de concertos. E, como non se lle pode chamar festival só a iso, non hai tantos festivais como parece. Un festival é moito máis que música: é unha experiencia, unha forma de comunicar e entender a programación dun evento e a conexión co territorio no que se celebra é fundamental.