Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A presenza monástica no Morrazo (I)

O investigador Xerardo Dasairas afonda no legado artístico e cultural das ordes relixiosas na comarca

O tímpano románico situado na igrexa de Santo André do Hío.

O tímpano románico situado na igrexa de Santo André do Hío.

Se damos por certo que o culto ao Deo Laris Berobreo se estendeu ata o século V, cabe que fose nesta época cando se ubicase xa un eremitorio cristiano en Santiás (Centeás) no Hío, como acreditan as sepulturas excavadas na rocha e unha vaga referencia a unha capela que posiblemente fose a cripta da que falaremos noutra ocasión. Tamén hai que facer notar a concomitancia existente entre as referencias hídricas a San Xoan Bautista (lenda de Barra) e o poder sanador de Berobreo cuxas aras levan a inscrición per salutem.

Segundo referencias arqueolóxicas, coméntase que a primitiva capela da advocación parroquial estivo ubicada primeiro en Santarandel (Santo André) pero semella que non estaba no lugar idóneo para evitar o fluxo peregrinatorio cara o Facho e a nova igrexa trasladouse a O Hío (O Illó ou Ulló> D´Huyo), lugar asulagado que serviría como aduana natural no camiño ao Facho. Esta igrexa de Santo André exhibe no tímpano da portada claros elementos da arte paleocristiá e un entrelazado que representa a X do Xristus constantiniano, o que acredita a súa antigüidade. Porén, hai quen ve nesa cruz entrelazada do tímpano da porta principal, unha de Santo André, mais este motivo tamén aparece noutras igrexas como a de Cela ou Bembrive, sen estaren baixo esta advocación.

Nos anos seguintes, a zona aparece sumida nun baleiro documental, a penas iluminado polas referencias, como pertencente a un territorio designado Terra Morratium no Concilio de Lugo do ano 569 e dependente do arcedianado iriense do Salnés. Só através de topónimos xermánicos como Aldán, Gandón, Gondarán, Romarigo, Lubrei... e de restos altomedievais podemos acreditar o asentamento humano nestas datas.

O carácter campesiño dos invasores xermánicos, non cabe dúbida que habería de influir no desinterese e abandono de moitas das explotacións pesqueiras da época romana e por tanto das villae costeiras. A futura expansión do cristianismo sería a que activaría de novo a explotación do mar como necesidade do consumo de peixe no longo periodo coresmal e da necesidade do sal para a sua conservación.

Os Bieitos

Mosteiro de Celanova

Un dos primeiros documentos referente a terras do Morrazo é o da donación da Illa de Ons cum ecclesia Sancti Martini (Bueu?) que lle fai o rei Afonso III ao bispo Sisnando Diaz de Iria Flavia o 6 de maio de 899. Máis tarde, o 23 de decembro do ano 927 van ser os pais de San Rosendo, o conde Gutier e a súa muller Ilduara (santa Aldara) quen lle fagan donación ao mosteiro bieito de Loio (Paradela-Lugo), da vila de Fegariola (Figueirido?) "no val de Morraços, çerca do mar", cos seus vasalos e escravos. Posteriormente, o 3 de novembro do ano 934, San Rosendo de Celanova e os seus irmáns fan unhas partixas ( colmellum divisionis) do seu patrimonio e Bellucio (non se menciona igrexa) tócalle a Froila xunto co pumar de Mauron e terras e pumares de Gienesto que herdaran dos seus pais. O 27 de febreiro de 938, de novo a condesa Ilduara vaille donar ao mosteiro bieito de Celanova numerosas posesións en toda Galicia, entre elas, in Morratio, a metade da vila de Boeo (Boedo) coas súas casas e pertenzas.

Serían estes os alicerces do mosteiro de Ermelo, tamén benedictino, erguido lonxe da costa polos perigos que daquela chegaban por vía marítima. Finalmente, no último día de marzo de 1105, dona Urraca e o seu home, Raimundo de Borgoña, vanlle donar ao mosteiro de Poio a metade da vila de Beluso co que a presenza dos bieitos nesta zona semella importante.

Mosteiro de Hermelo

Non sabemos se as razóns expostas anteriormente, confluiron na fundación do mosteiro de Ermelo, mais a sua pertenza á orde benedictina está acreditada incluso co seu paso como priorado ao mosteiro de Poio a comezos do ano 1491. Como xa dixemos, o territorio do Morrazo estivo sempre baio a tutela da mitra santiaguesa e nel recibiu numerosas donacións reais e señoriais, promovendo a instalación de ordes relixiosas nuns casos e pleiteando con elas noutros. Segundo algunhas fontes, dise que este mosteiro foi fundado cara o século X polo abade e logo bispo de Iria, Pedro de Mezonzo, e que arruinado polos invasores normandos foi reconstruído no ano 1104 polo bispo Diego Xelmírez, segundo consta nas laudas que aínda se conservan na igrexa. Como pertencentes a este mosteiro figuran propiedades no couto de Meiro, en Bueu (metade da igrexa de San Martiño), Cangas (contaba cunha casa), Marín, Beluso, Ons, Aldán, Hío, Coiro, Moaña, Tirán, Meira, Domaio... e outras fóra do Morrazo que desde finais do século XVI pasarían a Poio. A mediados deste século consta que algunhas parroquias da zona adoitaban acudir en procesión a rezar a Hermelo coas súas cruces á frente e agardaban unhas por outras no denominado Pouso das Cruces.

Nos primeiros tempos, a Mitra santiaguesa contaba con numerosas igrexas como San Tomé de Piñeiro (1154) e a veces compartidas como a de San Xian de Encoirados en Marín. A expansión do dominio santiagués sobre as terras do Morrazo vaise asentar no ano 1184 cando o rei Fernando II lle dona o castelo de Darbo con todas as súas terras e vasalos e que culminaría coa segregación e creación pola Mitra da nova parroquia de Cangas para servir ao Porto que se creara a rentes da herdade que fora do milites Monio Varela Fernández. Desta linaxe pasaría á Casa de Soutomaior (noméase un divisorio Valado de Soutomaior) e a usurpación polo arcebispo con apoio real, daría lugar a un longo pleito e mesmo enfrentamentos.

Os bieitos de Ermelo exercían en varias igrexas os dereitos de presentación e incluso xa baixo a dependencia de Poio reclaman esta prerrogativa na primeira igrexa do Porto de Cangas (1493) cando do nomeamento do primeiro prior e dos racioneiros da nova colexiata. Esta esixencia proviña, sen dúbida, do dereito de presentación que a orde bieita, tiña xa na parroquia de Darbo como acredita a presenza como titular da mesma do crego Estevo Martínez que aparece en documentos dos anos 1468 e 1472.

Neste último documento, a cita "clérigo del dicho puerto" (Cangas) apunta a posibilidade da existencia xa dunha igrexa neste lugar que de non haber erro, se ve apoiada por outra referencia nun documento de aforamento de Armenteira que menciona as herdades que están na freguesía de Cangas, pertencentes ao devandito mosteiro. Pero posteriormente, a documentación de 1493, cando se inicia a construción da nova igrexa de Cangas, dá conta da presenza de Fernando Mouriño, luminario da igrexa de Darbo (cargo menor que presbítero) "parrochya del dicho puerto" que desmente o anterior.

En 1496 xa aparece nomeado como titular e beneficiario da parroquia de Darbo, o canónigo Andrés de Ortega y Cerezo que vai disputar os dereitos de presentación da igrexa de Cangas cos bieitos de Santiago de Hermelo, advocación santiaguista que curiosamente tamén se repete na de Cangas a pesar da proximidade de ambas. A existencia na zona de propiedades do mosteiro de Armenteira, de Oia, de Poio, de San Domingos ou de Santa Clara tamén habería de aportar tensións e disputas pola sua pertenza ou posesión coa nobreza de por medio.

*Mestre e investigador

Compartir el artículo

stats