Os Galos pecha hoxe o seu XXIII Encontro de Embarcacións Tradicionais, que onte reuniu na vila a cerca de vinte barcos chegados desde distintos puntos da ría de Pontevedra e de Vigo. A previsión inicial era contar cunhas 25 embarcacións, pero a choiva e o vento do sur puxéronlle as cousas moi difíciles aos navegantes que viñan da parte norte, sobre todo desde a ría de Arousa. Aínda así, esta o encontro de Bueu logrou reunir a unha flota que era un bo expoñente da navegación tradicional, con gamelas, galeóns, racús, traiñeiras, dornas e botes polbeiros procedentes de Portonovo, O Grove, Bouzas e as propias costas de Bueu e O Morrazo.

A meteoroloxía que non acompañou pola mañá si que se portou ben pola tarde e os participantes puideron desfrutar dunha gozosa travesía pola ría de Pontevedra, que estiraron ata ben entrada a tarde. Un dos momentos máis agardados foi a largada dunha rapeta na praia da Banda do Río. O emprego desta arte de pesca necesita do esforzo e da colaboración de moitos voluntarios para arrastrar a rede. A de onte foi unha recreación de como se empregaba esta arte, que hoxe en día está prohibida debido ao seu nulo carácter selectivo nas capturas de peixe que entra na rede. A demostración estaba autorizada pola Consellería do Mar, coa obriga de devolver o capturado ao mar.

Un dos puntos neurálxicos deste encontro estivo situado na nave de Petís, onde a asoiación Os Galos agasallou cunha comida e cea aos participantes no encontro. Outro dos puntos clave era o Museo Massó, que dentro do seu programa "Noites de verán" abriu as súas portas ata a medianoite. Os amantes das maquetas podían acudir a sala de exposicións Amalia Domínguez Búa, onde estaban as réplicas elaboradas polo presidente de Os Galos, Víctor Domínguez.

Esta edición do Encontro de Embarcacións Tradicionais péchase hoxe cunha navegación de despedida a partir das 11.00 horas, ao final da cal os barcos porán rumbo aos seus respectivos portos de orixe.