María Soliña, Xohán de Cangas e Bernardino Graña. Son as "tres iconas culturais" do concello nos últimos séculos, segundo proclamou onte o alcalde, Xosé Manuel Pazos, diante dunha nutrida representación da cultura e a política do país encabezada polos presidentes da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, e do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, para render homenaxe ao poeta do mar de Cangas. O homenaxeado fixo unha inédita escapada desde a residencia de Panxón, donde vive desde hai anos, para asistir á presentación do documental "O home que quixo vivir", audiovisual dirixido por Xan Leira que recupera parte da memoria histórica e do personaxe a través dos seus testemuños e de persoas que compartiron e comparten a súa traxectoria literaria e vital. O encontro no Auditorio rematou cun prolongado aplauso a "un dos grandes autores de Galicia", segundo coincidiron en sinalar varios intervintes no acto.

Xesús Alonso Montero, Fina Casalderrey, Alexandre Ripoll, Xosé Manuel Millán, Henrique Harguindey ou Camilo Camaño son algunhas das persoas de letras e de artes vencelladas a Bernardino que asistiron en primeira liña a unha proxección que presentou Xan Leira, quen lle adicou unhas palabras de agradecemento a Héitor Mera, como biógrafo de Bernardino e como exconcelleiro de Cultura que alentou o documental. Logo Ripoll, "moi próximo ao quefacer" do homenaxeado, lembrou que hai nove anos, o 12 de xuño de 2010, celebrouse no mesmo escenario o acto de ingreso de Bernardino Graña na Real Academia Galega. Tamén que o título do documental remite ao "Poema do home que quixo vivir", primeiro libro do autor, publicado pola editorial Brais Pinto en 1959, ao que seguirían outros da talla de "Profecía do mar".

Víctor Freixanes comezou por agradecer ao presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, que fixera todo o posible para que Bernardino Graña estea vivindo "dignamente" na residencia de Panxón, en Nigrán, pois non tiña outros medios para ser atendido, lembrou episodios co poeta e tamén anécdotas familiares, como as historias de "Xan Quintán" que compartía cos seus fillos nas viaxes en coche. "Gracias por esta homenaxe a por facer feliz ao noso compañeiro Bernardino", rematou o presidente da Real Academia Galega, que quixo evocar algúns dos versos máis coñecidos do "amigo querido e autor admirado": "Como hei vivir mañán sen a luz túa".

Logo subiu ao estrado Xosé Manuel Pazos, que tamén aparece entrevistado no documental: "Este é para min un acto moi emotivo porque antes de ser alcalde de Cangas son amigo e discípulo de Bernardino, grandísimo poeta, narrador e autor de teatro", xénero este último do que destacou o libro "20.000 pesos crime". Abundou en que Graña é unha "das tres iconas culturais de Cangas" vencelladas á literatura e que na época contemporánea está "á altura de calquera creador galego. É unha figura fundamental e seguirá séndoo sempre".

O encargado de pechar a cerimonia foi o presidente do Parlamento de Galicia. Santalices defendeu que a institución "ha estar en actos coma este, honrando a un home grande e co que temos unha débeda". Remontou no tempo ata 1979, ano no que foron á súa casa persoeiros como Celso Emilio Ferreiro ou Suso Vaamonde, este último para cantar algunhas pezas dun disco que se gravara en Moaña no ano 1977 con poemas de autores galegos, entre eles o recoñecido "Como hei vivir mañán sen a luz túa" de Bernardino Graña. "Alí foi a miña toma de contacto" co poeta do mar do Morrazo, entre outros coetáneos, "e hoxe tiña que estar aquí para celebrar a un gran autor e a un gran home que desexo que estea moitos anos máis con nós".

Testemuños de vida

Bernardino atendeu con interese á proxección do documental, no que participa desde gravacións históricas e presentes, como tamén algunhas das persoas presentes no acto de onte e outras que non puideron asistir. Héitor Mera, Xosé Manuel Millán ou Asun Sóñora como exalumnos, estudiosos da súa obra e discípulos seus; Alonso Montero ou Bautista Álvarez, como compañeiros e testigos das súas andanzas literarias; Xosé Manuel Pazos, Camilo Camaño ou Xosé Manuel Álvarez como veciños achegados ao seu quefacer... Xan Leira animou ás persoas que aprecian a Bernardino Graña a visitalo na residencia de maiores de Panxón, adonde foi trasladado ao rematar o acto de homenaxe nun coche adaptado, porque a súa mobilidade foi menguando co tempo. No curto traxecto de cruzar o Auditorio, ducias de persoas quixeron acompañalo e compartir foto co home que quixo vivir.