O actor Luís Zahera recibirá este ano o Premio Cinema Galego que concede o Festival Internacional de Curtametraxes (FIC) Bueu. Desta maneira o certame bueués quere recoñecer a "intensa" carreira do intérprete compostelán, que se fixo coñecido a finais da década dos 90 grazas ao seu papel de "Petróleo" na serie "Mareas vivas", dirixida por Antón Reixa e na que tamén se deu a coñecer Luís Tosar. Unha traxectoria que culminou este mesmo ano co Goya ao mellor actor de reparto por "El reino", unha película dirixida por Rodrigo Sorogoyen. Deste xeito Zahera recolle a testemuña da actriz Mabel Rivera, premiada o ano pasado no festival bueués.

A entrega do premio será o sábado 7 de setembro no Centro Social do Mar, nun acto ás 18.00 horas e que servirá para manter un encontro co actor. A asistencia é gratuita, mais debido ao limitado do aforo é preciso retirar o mesmo día un convite na billeteira do centro social, en horario de 10.00 a 12.30 horas e a partir das 17.00 horas. Desde o FIC Bueu destacan algúns dos "memorables" papeis de Luís Zahera como actor de reparto, como "Concursante", "Celda 211" ou "Que Dios nos perdone", xunto a súa participación en series como "Sin tetas no hay paraíso" ou a máis recente "Vivir sin permiso". Nestes intres ten pendente de estrea "Mientras dure la guerra", de Alejandro Amenábar.

Desde o FIC destacan que este encontro servirá para poñer en valor unha das facetas máis descoñecidas de Zahera: o seu traballo en curtametraxes. Así, durante esta homenaxe vanse proxectar tres dos seus traballos: "O matachín", de Jorge Coira, rodada en 1996 e na que aparece xunto a un novísimo Luís Tosar; "Marina", de Álex Montoya, de 2010; e un capítulo da webserie "Entre pipas", que protagoniza xunto a Xúlio Abonjo.

Despois de recibir o premio Goya por "El reino" nunha entrevista con FARO recordaba o que supuxo para el a coñecida personaxe de "Petróleo" na serie de "Mareas vivas": "Huobo outro que morreu como Chanquete [Antonio Ferrandis] e eu morrerei como Petróleo. Débolle todo a Petróleo, é unha honra para min. Esa serie foi unha marabilla, un fenómeno social. Miguel de Lira morrerá como Currás e eu como Petróleo. Poucas veces acontece algo así".

O FIC Bueu inaugúrase o venres 6 de setembro no Centro Social do Mar e neste ano chega a súa duodécima edición, na que proxectara un total de 111 producións, 23 delas na Sección Internacional.