O actor Luís Zahera recibirá este ano o Premio Cinema Galego que concede o Festival Internacional de Curtametraxes (FIC) Bueu. Desta maneira o certame bueués quere recoñecer a intensa carreira do intérprete compostelán, que se fixo coñecido a finais da década dos 90 grazas ao seu papel de "Petróleo" na serie "Mareas vivas", dirixida por Antón Reixa. Unha traxectoria que culminou este mesmo ano co Goya ao mellor actor de reparto por "El reino", de Rodrigo Sorogoyen.

A entrega do premio será o sábado 7 de setembro no Centro Social do Mar, nun acto ás 18.00 horas e que servirá para manter un encontro co actor. A asistencia é gratuita, mais debido ao limitado do aforo é preciso retirar o mesmo día un convite na billeteira do centro social, en horario de 10.00 a 12.30 horas e a partir das 17.00 horas. Desde o FIC Bueu destacan algúns dos "memorables" papeis de Luís Zahera como actor de reparto, como "Concursante", "Celda 211" ou "Que Dios nos perdone", xunto a súa participación en series como "Sin tetas no hay paraíso" ou a máis recente "Vivir sin permiso". Nestes intres ten pendente de estrea "Mientras dure la guerra", de Alejandro Amenábar.

Desde o FIC destacan que este encontro servirá para poñer en valor unha das facetas máis descoñecidas de Zahera: o seu traballo en curtametraxes. Así, durante esta homenaxe vanse proxectar tres dos seus traballos: "O matachín", de Jorge Coira, rodada en 1996 e na que aparece xunto a un novísimo Luís Tosar; "Marina", de Álex Montoya, de 2010; e un capítulo da webserie "Entre pipas", que protagoniza xunto a Xúlio Abonjo.