Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Traiñeiras: pesca, embarcacións e deporte (III)

Unha proba da expansión deste deporte está no anuncio dunha regata nas Festas do Cristo de Cangas de 1943

Tirán campeoa de España 1961 con remeiros da Pedreira. // Arquivo autor

Ao iren desaparecerendo as antigas traiñeiras de pesca, algúns portos e confrarías como Bueu, por falar dun caso, non tiveron quen asumise o rol e adaptacións esixidas para a competición, celebrándose as regatas locais e festivas con lanchas do xeito, racús, botes polbeiros... optando Cangas por promocionar as piraguas como deporte de remo desde o Club Rodeiramar como xa dixemos e que actualmente tén unha exitosa continuación no Club de Mar Ría de Aldán que comezaría a sua andadura en 1978. Porén, Moaña asumiría esta adaptación deportiva e nas competicións da xeira republicana xa mostrarían un enorme potencial con trunfos alternos das embarcacións moañesas nas competicións celebradas na ría de Vigo e máis tarde nas competicións do franquismo na Coruña, podendo asegurar que os éxitos obtidos nestas regatas foron, sen dúbida, os alicerces para que estas tripulacións ostentasen a hexemonía galega do remo de banco fixo durante tantos anos.

Cando se inicia o periodo da II República, as regatas de traiñeiras van perder presenza en Bueu sustituíndoas polas de botes polbeiros e gamelas durante as festas. Porén, en Vigo van alcanzar grande auxe nesta época destacando a participación e trunfo histórico dos remeiros de Meira nas regatas de setembro de 1933 cunha traiñeira de oito remos patroneada por José González en competencia coas de Chapela, Baiona... Nas celebradas no ano 1934 xa se evidencia a competencia entre a traiñeira de Meira, patroneada por Enrique Paz e a de Tirán, mandada agora por José González. Despois das quendas eliminatorias, tamén con participación de remeiros de Cangas (patroneados por Manuel Rodal), Chapela e Espiñeiro con duas embarcacións, disputaríase a final entre Meira e Tirán, levándose o primeiro premio esta última. Nas celebradas en agosto do 1935 voltaría a trunfar a traiñeira de Tirán, seguida das de Meira, Rodeira, Espiñeiro, A Guarda e Chapela por esta orde. Nin Cangas, nin Bueu aparecen competindo nestas regatas e só nas festas do Carme desta última localidade adoitaban celebrarse cara os anos corenta unhas regatas de botes polbeiros a vela e de lanchas do xeito a remo.

Xa pasado o periodo bélico da guerra civil, Tirán volve a gañar en Vigo en 1939, sendo Espiñeira a segunda e Meira a terceira. Nas regatas celebradas en Vigo en agosto de 1940 só participaron traiñeiras (de oito e nove remos) do C. N. de Pontevedra e do C. M. de Vigo pero no ano seguinte xa compiten tres traiñeiras procedentes das confrarías de Meira, Tirán e Arcade ás que en anos posteriores se irían sumando as doutras localidades. Unha proba da expansión deste deporte témola no anuncio da celebración dunha regata en Cangas durante as Festas do Cristo de 1943 ainda que descoñecemos os participantes. No ano 1946 Tirán gañaría as regatas de Vigo (Club Náutico) seguida de Canabal, Meira e Samertolameu e no ano seguinte, con tripulacións reguladas de trece remeiros, patrón e tres suplentes, desbórdase a participación, concorrendo ás eliminatorias, traiñeiras de Tirán, gañadora da proba, Meira de Arriba, Meira de Abaixo, Vilela de Tirán, Samertolameu de Meira, Espiñeiro, Canabal, Espíritu Santo, Bueu, Coruxo, Redondela, A Guarda, Marín e Chapela. No 1948 volvería a gañar Tirán, seguida de Meira, competindo traiñeiras de Redondela, Bueu, Arcade, Bouzas, Portonovo, Moaña, Lagoa, Coruxo, Canabal, Combarro, Cangas, San Francisco, Domaio e Espiñeiro. No ano seguinte sería Meira a gañadora, seguida de Canabal, Tirán e Coruxo participando tamén os do Con cunha traiñeira. O ano 1951 marcaría un punto de inflexión nestas regatas ao participaren en Vigo unha ducia de traiñeiras procedentes de Portonovo, Cambados, Bouzas (S. Miguel), Guixar e Arcade, mostrando xa as oito restantes o potencial que se desenvolvía arredor de Tirán coas embarcacións de San Domingos, Canabal e o Con e de Meira coas de Meira de Arriba, Meira, A Borna e Samertolameu que foi a campeoa seguida do Canabal.

Como viña acontecendo que as tripulacións das áreas de Meira e Tirán dominasen alternativamente estas regatas do Campionato Ria de Vigo ata o ano antedito, ambas zonas serían convidadas, unificando e seleccionando as tripulacións, a competir na "Copa de S. E. el Generalísimo", antes do "Caudillo" e logo do "Jefe del Estado" celebradas na Coruña desde 1941 a mediados de agosto. Desde este ano, os competidores procedían maioritariamente do Exército ou da Mariña con algunhas tripulacións de confrarías e sindicatos pesqueiros. Non sería ata 1948 cando a presenza de confarías da zona coruñesa sería maioritaria nesta competición e no ano 1949 xa se presentan a través de Educación y Descanso (área do Sindicato vertical do mar) unha tripulación de Vigo e outra de Moaña que alcanzan o terceiro e cuarto posto, respectivamente. Ata 1951, a participación moañesa tería que contentarse con postos meritorios, mais en 1952 a Confraría de Moaña xa conquistaría tan cobizado trofeo frente aos imbatidos de San Pedro. En 1953 xa se presenta tamén Tirán, xunto con Moaña, ambas baixo o nome de Confraría de Pescadores, conseguindo a veces dispares posicións como en 1955 no que a "Virgen del Carmen" de Tirán quedou de terceira e a "Virgen de la Roca" de Meira a última de sete.

O novo nome

No ano 1956 a tripulación de Moaña pasa a denominarse xa como Meira e ambas volven a denominarse como de Educación y Descanso sendo que ata 1959 non se volven a presentar nesta competición. Logo chegarían os anos 1960 e 1961 cando Meira e Tirán, esta con remeiros da Pedreira e do Canabal, conseguirían traer, respectivamente cada ano, os títulos de campións de España para o concello de Moaña. A partir de 1962 a competición faise máis forte ao interviren tripulacións vascas, cántabras e asturianas, mais en 1963 voltaría a gañar a de Meira. Desde esta data e ata 1975, as traiñeiras da Moaña participarían de forma alterna nesta competición que desaparecería no ano seguinte, presentándose á mesma unha soa tripulación xa co nome de Tirán, xa co de Meira. Coa chegada da democracia e a partir de 1979 vai ser cando o remo tamén se encadre en clubes, nacendo así o C.R. San Xoan de Tirán e o Nosa Sra. Dos Remedios de Tirán que acabarían fusionándose en 1993 baixo o nome de S. D. Tirán. Na mesma data que os anteriores tamén nacería a S. D. Samertolameu con seccións de fútbol, atletismo e remo que co tempo se irían separando quedando independente desde 1998 o club de remo.

Na actualidade estes clubes moañeses seguen a manter moi alto o nivel do remo galego nestas competicións, igual que os de Bueu nos últimos anos e Cangas que ainda que máis modestamente, contribúen a facer sen dúbida dun área pequena como o Morrazo, unha potencia neste deporte, a pesar das dificultades de promoción e financiación, dos altibaixos nos relevos xeracionais e incluso da baixa bravura das augas da ria que esixe entrenamentos adicionais para competir cos homólogos do Cantábrico. O remo en Bueu, hoxe na categoría A da LGT, ainda tería que agardar ata mediados dos oitenta para competir nesta modalidade, promovido coa creación do Clube do Mar en 1982. O Club de Remo Vila de Cangas nacería en 1986 e compite no grupo B da LGT, obtendo os seus principais éxitos nas categorías de traineriñas e bateis que funcionan como canteira deste deporte. Na actualidade vén exercendo de patroa da traiñeira canguesa, África Nores, unha das seis mulleres que cubren hoxe este posto na LGT, aparecendo Galicia como pioneira no proceso de integración feminina, iniciado sen éxito en 1986 pola obsolescencia do regulamento da Federación Internacional. Habería que agardar ata o ano 2008 en que se modificase a normativa, permitindo a participación feminina grazas ao tesón da canguesa Vicky Piñeiro que lograría grandes éxitos neste deporte e conseguiría o Campionato do Mundo de Remoergómetro en Boston no 2009. Neste mesmo ano, a traiñeira femenina galega, integrada por remeiras de tres clubes, gañaría por amplo marxe de puntos a Liga Euskotren (ACT). Agora, a equiparación nos premios cos homes xa é unha realidade despois de anos vindicando as remeiras este dereito igualitario.

Como todos sabemos, os logros dos nosos remeiros en augas atlánticas, precisarían xa dun extenso relatorio que enchería páxinas de logros nas competicións da ACT (Asociación de Clubes de Traiñeiras) nas que agora só participa a galega Cabo da Cruz e que engloba ás comunidades do Cantábrico. A LGT é a Liga Galega de Traiñeiras, de ámbito autonómico, que a día de hoxe xa conta coas categorías A e B e máis unha feminina, ademáis das seccións de traineriñas e bateis que teñen as suas respectivas competicións de diferentes idades. Cabe insistir, asemade, na prolongación do potencial do noso remo, pois incluso, aida que de xeito puntual, xa estende as suas competicións ás augas mediterráneas mesmo con embarcacións alleas á nosa tradición como son os llauts (laúdes) que andan a adaptar ás regatas modernas naqueles ámbitos do Levante.

Compartir el artículo

stats