Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Domingo Villar Escritor

"Para as historias de Leo Caldas sempre parto de espazos emocionais para min, como Tirán"

O autor presentou en Moaña "O último barco", que ten entre os seus escenarios principais lugares da vila do Morrazo

Domingo Villar, segundo pola esquerda, onte durante a presentación en Moaña. // Santos Álvarez

"O último barco" é a terceira novela de Domingo Villar protagonizada polo inspector Leo Caldas, unha historia que ten entre os seus escenarios principais a Moaña e a parroquia de Tirán. Con eses ingredentes era imprescindible que o autor vigués acudise a Moaña a presentar este agardado libro. Foi onte, no salón de plenos do Concello, e Villar chegou á vila a bordo dese barco que centra parte das pescudas na novela. Estivo acompañado polo presidente da asociación de veciños de Tirán, Paco Ferreira; pola presidenta da Lonxa Literaria de Moaña, Soledad Ríos, e polo director de edicións de Galaxia, Carlos Lema. O salón de plenos estaba onte ateigado de público, boa proba da expectación sobre as andanzas de Leo Caldas en Moaña.

-Vir a Moaña co "O último barco" era unha parada obrigada?

-É unha das presentacións que máis ilusión me fai. Moaña e Tirán forman parte dos escenarios principais e estaba desexando compartir tempo coa xente de Moaña. Agardo que os lectores da vila estén contentos por como aparece reflectida.

- Por que pensou en Moaña e Tirán? Forman parte dalgún pasado persoal?

-Non, pero son lugares que me gustan. Cada vez que vemos desde Vigo á costa do Morrazo sempre vemos esas linguas brancas de area que son as praias de Tirán, pero que quedan un pouco ao marxe do resto. Cando a xente de Vigo vai as praias do Morrazo pensa en Liméns, Melide, Barra ou Aldán, mentras que Tirán queda como esquecida pese a estar máis preto da cidade Ademais encántame a vista que hai de Vigo desde Tirán, a súa tranquilidade, escoitar o canto dos paxaros e como a vida discurre con calma.

-De todos modos O Morrazo xa é un espazo recurrente na súa obra. Na primeira novela de Caldas, "Ollos de auga", un dos escenarios era Bueu.

-A casa dos meus pais en Vigo mira ao mar e mira ao Morrazo. Forma parte da paisaxe da miña vida e para min O Morrazo non deixa de ser como un apéndice bonito da miña cidade.

-Con independencia desas localizacións, nas novelas de Caldas mostra un coñecemento a fondo deses lugares que reflicte. Axuda a darlle verosimilitude á historia e a que o lector síntase identificado?

-Son lugares aos que teño ido en moitas ocasións. Nos que teño camiñado moito para documentarme, falando cos veciños e pasei moitas horas nas praias. Pero ao mesmo tempo, cada vez que voltaba para Madrid levaba o recordo emocional dese lugar calmo e cunha vida un tanto á marxe da cidade. Encántame a sensación de estar deitado nunha praia e coa cidade en fronte, é como estar nunha burbulla. Non sei se os lectores se sinten identificados: o meu non é un retrato topográfico dos lugares, senón emocional. Hai referencias reais e outras emocionais, pero as emocións son comúns a lectores e autores.

-Nesta novela hai incluso personaxes reais. Sen ánimo de facer un "spoiler", como se tomaron os implicados a súa aparición xa que nalgún caso hai sombras de sospeita?

-Todos foron enormemente audaces e tiveron a valentía de deixarme escribir, de entender que a literatura ten os seus propios camiños. Dicíanme que escribise e que tirase para diante, que seguro que lles ía gustar. Creo que todos están razonablemente satisfeitos.

-Desde "A praia dos afogados" ata "O último barco" pasaron dez anos. Esta novela fíxose agardar e polo que ten contado non foi porque vostede quixera. Chegou a temer que ese bloqueo chegase a provocar que a historia non vise a luz?

-Houbo un tempo no que pensei que o barco ía contra as pedras. Cando un afronta a escritura dun libro sabe cando comeza, pero non cando vai rematar nin en que condicións. Tiven un manuscrito que cando o rematei e relín non era como eu quería. Pareceume que o máis honesto era empezar outra vez e esa é razón da tardanza.

-Desde as primeiras páxinas percíbese un ritmo diferente ao das anteriores entregas, cun maior detemento ao redor das personaxes e lugares, que fai intuir unha novela máis extensa.

-Quizais, aínda que o ritmo de "A praia dos afogados" era o mesmo. Neste caso a historia favorece que o libro teña máis páxinas, resultábame difícil incluir os feitos que quería narrar en menos espazo. Si que é verdade que é unha novela case en 360 graos, que mira máis ao redor de Leo Caldas e do resto de personaxes. Ao seu redor, aínda que tamén ao seu interior.

-Onde busca ou atopa a inspiración para os casos de Leo Caldas?

-Para empezar a narrar as historias acudo aos lugares onde atopo emocións. O que fai que me decida por unha historia é o ambiente e espacio emocional, non o caso policial. Unha vez que atopo un lugar no que estou a gusto, que neste caso foron a Escola de Artes e Oficios de Vigo e as praias de Tirán, busquei un caso policial para colocar neles. Sempre parto do lugar emocional, onde me atopo a gusto e logo vén o crime e a investigación.

-Nun momento do libro deixa caer unha referencia a Denis Lehane e a que, persoalmente, considero unha das súas mellores novelas, "Calquera outro día". É unha das referencias para vostede?

-É un dos autores que máis me gusta. No libro tamén hai unha referencia a outro dos autores que me fai correr ás librerías cando publica algo novo, como James L.Burke. Trátase de facer unha homenaxe á xente que me fai feliz.

-Resulta difícil non tomarlle cariño a Leo Caldas. Nalgúns aspectos lembra ao Kurt Wallander de Henning Mankell: un tipo real, con problemas persoais e emocionais, amais dun tanto solitario.

-É un tipo co que podería ir tomar uns viños e estar tranquilo. Caldas é case un amigo. Gústame que se move máis pola compaixón que por un sentido estricto do deber. O que fai que se poña en marcha é saber que pode atenuar a dor da xente que se ve involucrada nun crime. A medida que coñezo a Caldas vaime caendo mellor [risos]

-Creo que todo o contrario que o locutor de radio Losada...

-Non temos boa sintonía. En realidade Losada é unha metáfora de tanta xente que está en disposición de escoitar aos demais e o que fai é escoitarse a si mesmo.

-Hai algo de vostede mesmo en Leo Caldas?

-Hai moitas cousas de min. É normal que as personaxes teñan carga do ADN do seu autor. Compartimos un pai adegueiro, orixes e unha infancia á beira da ría. Pero somos xente distinta: el é un tanto atormentado e solitario, mentras que eu son feliz e conto cunha familia extensa.

-A verdade é que me deixa o final en bandexa. Nesta historia vislúmbrase o inicio dunha nova etapa no persoal para Caldas. Chegoulle o momento de desfrutar dun pouco de felicidade?

-Semella que hai algo de luz, xa vai sendo tempo de que o pase ben. Xa leva demasiado tempo só e atrormentado. Creo que agora estará aproveitando o tempo perdido.

Compartir el artículo

stats