A XXXVI Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas arranca hoxe coa programación paralela de "Mulleres en Acción", que se abre cunha homenaxe á pianista e compositora Enma Pino, finada en 2014. Será no Auditorio municipal a partir das 19.30 horas e estará presentado pola directora da Mostra, María Armesto.

Pino foi unha "activista infatigable pola cultura", unha excelente arreglista e dirixiu o primeiro concerto de mulleres celebrado en Vigo nos anos 90, onde interviñeron María del Mar Bonet, Omara Portuondo, Filipa País, Leilia, Uxía Senlle ou María Costas. Precisamente Uxía Senlle e María Costas estarán hoxe neste acto de homenaxe á compositora. Senlle interpretará algunha das pezas musicais que as unían, mentras que María Costas, coa que formou o dúo Bloody Mary, cantará dous temas de Enma Pino a partir de poemas de Ánxos Sumai, co acompañamento musical ao piano de Jacobo González.

A poeta Ánxos Sumai tamén figura na relación de persoas que estarán hoxe en Cangas para renderlle homenaxe a Enma Pino. Falará do interese da compositora pola escritura e dará a coñecer algún dos textos que escribiu.

A pianista e profesora Elvira R.Pontevedra interpretará unha obra inédita da homenaxeada e a pintora Menchu Lamas lembrará a súa amizade con Enma Pino, a súa relación coa pintura e o seu activismo artístico nos anos 80.

A relación de participantes neste primeiro acto das xornadas "Mulleres en Acción" da Mostra complétase coa videocreadora Area Erina, sobriña da compositara, que estreará unha creación que documenta de forma poética a vida e obra da súa tía, e coa ilustradora, música e urban sketcher Laura Romero. A autora presentará o seu proxecto "Músicas galegas ilustradas" e falará sobre o papel das mulleres na música. Precisamente o Premio Mulleres en Acción 2019, que se entregará mañá venres, será para unha música: María Xosé Silvar "Sés".