A Asociación Cultural PineirÓns vén de publicar un novo número da súa revista "Aunios", que con este xa chega ás 24 publicacións. O mundo do mar e nomeadamente a illa de Ons protagonizan os textos e artigos da revista, que desta vez achégase ás 90 páxinas.

A temática das colaboración volve a ser do máis diverso: Cosme Damián Romay fai unha achega sobre as especies invasoras no complexo Ons-O Grove, José Manuel Dopazo analiza a influencia do español no galego que se fala na illa, Yago Abilleira rememora o ataque pirata a Ons no ano 1585, Ramón Patiño escribe sobre a guerra naval e o corso nas costas de Galicia entre os séculos XVI e XVII e hai ata tres homenaxes ao clérigo e historiador Salustiano Portela Pazos, autor do libro "Apuntes para la historia de la isla de Ons", que asinan Milagros Bará, Xosé R.Barreiro, Anxo López e Celestino Pardellas. Tamén volta a colaborar o antigo mestre da illa, Julio Santos Pena, cunha nova achega de "Ons, o meu paraíso de onte", ou Lino Pazos, que se retrotrae a 1917 para recordar o expediente de expropiación de terreos para as obras de ampliación e reforma do emblemático faro da illa de Ons.

Unha das colaboracións máis curiosas é obra do biólogo xubilado Ricardo Arnaiz Ibarrondo, que foi responsable da xefatura técnica da Consellería do Mar e que nesta ocasión afonda nas antigas artes de pesca do polbo na illa de Ons. Métodos como o do visto, a raña ou o do espello. Son artes xa desaparecidas, pero que durante máis dun século foron moi empregadas na illa. Desde a directiva de PineirÓns queren facer incluso un chamamento ao Parque Nacional Illas Atlánticas para que patrocine a realización dun documental explicativo, un traballo que logo podería ser proxectado no centro de visitantes de Ons e no do edificio de Parques en Vigo. "Aínda hai pescadores de certa idade, pero en boa forma, que poderían participar nese documental", asegura o presidente de PineirÓns, Celestino Pardellas de Blas.

Os contidos relacionados coa illa bueuesa incluén amais un texto do arquiveiro municipal de Bueu, Belarmino Barreiro, que rememora o expediente iniciado en 1876 para a venda da madeira que aparecera aboiando en Ons ou a aportación de Xulio Xosé Pardellas, que en "A pesca e o turismo mariñeiro en Ons", que defende o potencial que ofrece a posta en valor dunha embarcación como a dorna para actividades vencelladas ao turismo mariñeiro.