Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O artesoado da igrexa de San Martiño

O teito de madeira foi substituído en 1974 por un de formigón, totalmente inaxeitado para un templo románico

Artesoado actual da igrexa románica de San Salvador de Budiño (Porriño). // Xosé Manuel González

O primeiro documento coñecido sobre o artesoado da cuberta da súa nave románica aparece nun contrato asinado polo escribán de Paxarín, D. Antonio Rubiños, na data do 11 de agosto de 1763; a través del sábese que as obras de carpintaría necesarias para complementar as de cantaría que se estaban a executar durante o alongamento do templo, contratáronse co mestre carpinteiro de Santomé de Piñeiro, Pedro Gago de Mendoza, por 7.423 reais e 17 marabedís do vellón. Entre elas, destacaban as do seu artesoado de madeira que había que substituír; deste xeito reflíctase nun dos apartados do contrato:

"...en la conformidad como se reconoce el artesonado viejo, el que se ha de reedificar a satisfacción, por estar la mayor parte de él y tablas de que se compone, pontones y guarda polvos, con su armazón bastante deteriorado y podrido; en la inteligencia de que así lo contenido en este capítulo como en todos los más de esta dicha obra de carpintería se haya de hacer con maderas nuevas y de castaño".

Non se teñen máis novas de dito artesoado ata comezos do mes de xuño de 1936, ano en que lle plantaron fogo ao templo e quedou en bastante mal estado. Reconstruído, na súa totalidade, con madeira de piñeiro, durou ata o ano 1974 en que podreceron as da cuberta da nave románica, incluíndo as taboíñas do artesoado.

Para comprender os motivos polos que se decidiu buscar a solución máis barata, de cara á substitución de toda a devandita cuberta, débese ter en conta que a división parroquial da freguesía de Moaña, executada a través dun decreto arcebispal, con copia ao Ministerio de Xustiza, entrou en vigor o 30 de setembro de 1964 e que, no seu apartado a) describe que tiña, 2.202 fogares totais, habitados por 6.935 residentes.

Con ese número de casas e habitantes era totalmente imposible cumprir coa norma eclesiástica de deixar sempre favorecida a parroquia matriz, aínda que fose cun único fregués e que, en ningún caso, fose dividido barrio algún entre as dúas parroquias resultantes.

O párroco daquela, D. Donato Bernárdez, autor do expediente que deu lugar ao decreto, coñecía perfectamente que a estrada Moaña-Marín, construída en 1923, non podía converterse nunca en liña divisoria por dividir varios barrios pero, como era o máximo aspirante a que o trasladasen cara á nova parroquia do Carme, ocorréuselle falsear o expediente incrementando, de xeito fraudulento, o número de fregueses e fogares da matriz e diminuíndo aos da segregada; adulterando tamén o nome dos barrios que quedaban partidos. As falsidades expostas pódense comprobar no apartado c) do decreto eclesiástico que se reproduce na súa totalidade.

"Que, una vez efectuada la proyectada división (parroquial), adoptando como divisoria la carretera estratégica de El Con a Marín, que es la que todos proponen como la mejor, contará la parroquia de San Martín de Moaña con 1.172 hogares y 3.503 habitantes y la nueva con 1.030 hogares y 3.432 habitantes, número más que suficiente para absorber la actividad pastoral de cada uno de los párrocos y considerar asegurada su respectiva cóngrua".

Segundo o censo poboacional da parroquia histórica de Moaña, esta tiña un total de 8.984 habitantes a finais do ano 2017, divididos entre as seguintes entidades poboacionais: San Martiño, 2.002; O Carme, 6.135 e Quintela - Sabaceda (barrios repartidos entre dúas parroquias), 847. O que significa que a parroquia de San Martiño ten actualmente 2.450 poboadores, despois de engadirlle a metade de Quintela - Sabaceda.

Tendo en conta as cifras oficiais de fregueses, na actual de San Martiño residen, como pouco, 1.053 fregueses menos que en 1964. É dicir, á parroquia segregada do Carme, adxudicoulle o crego o 70% da totalidade dos veciños e, á matriz de San Martiño, o 30%, aproximadamente.

Esta gravísima falsificación tivo consecuencias funestas para unha freguesía nacida no século XII, á cal deixaron cun número real de habitantes, moi insuficientes para afrontar a conservación de dous edificios emblemáticos de Moaña, a igrexa románica de San Martiño, catalogada como ben de interese cultural (BIC) e a reitoral do XVI e XVII.

Nesta situación, sen axudas do arcebispado compostelán nin das autoridades civís, en 1974 houbo que compoñer unha nova cuberta, pois, as madeiras podrecidas constituían un serio problema de derrube da totalidade da bóveda. Entón, o daquela párroco D. Heraclio Couceiro, coñecendo a descapitalización en que a deixou o seu antecesor, co que tivo grandes enfrontamentos, propuxo formar unha comisión para pedir diñeiro, porta a porta, aos escasos habitantes da parroquia matriz.

Como o diñeiro recadado, unicamente chegaba para contratar unha cuberta de formigón, totalmente plana polo interior, con escasas posibilidades de adaptarlle un novo artesoado en forma de artesa invertida (o termo artesoado, procede das tradicionais artesas), o finado mestre albanel, José Fernández, comentoume o arrepiante que ía a quedar a igrexa da súa freguesía cun teito tan inadecuado; por elo, decidiu pola súa conta construír a cuberta do xeito que se atopa agora, coas pegadas do antigo artesoado.

Diante de tales circunstancias de abandono, na actualidade xa se comeza a comprender que a igrexa románica de San Martiño representa o berce da antiga freguesía de Moaña. Por elo, faise imprescindible tratar con Patrimonio para que se tome como exemplo a tamén igrexa románica de San Salvador de Budiño, no concello de Porriño, que dispón dun artesoado practicamente idéntico ao que tiña a de San Martiño antes do ano 1974, descuberto e fotografado polo moañés Xosé Manuel González.

*Investigador de Moaña

Compartir el artículo

stats