Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Forzas de civís armados con Primo de Rivera y A repercusión na comarca

Xentes de armas tomar (I)

O historiador Xerardo Dasairas fala dos Somatén o corpo de civís armados implantados en 1923

Detalle somatenistas de Moaña. // Foto Pacheco 1924

Salvando as lóxicas distancias económicas, políticas e socioculturais que separan ambas época, igual que naquelas datas, téñense tamén escoitado na actualidade voces que propugnan unha rexeneración da clase política e dos partidos que nos veñen gobernando en democracia desde hai case corenta anos. A visión rexeneracionista actual, que se reflicte na opinión política, foi a que nos fixo retrotraernos a estes tempos pasados en que o xeneral Primo de Rivera, en connivencia co rei, instaurou unha ditadura militar para rexenerar unha clase política instalada no turnismo bipartidista, no cuneirismo e no caciquismo. Porén, o efecto pendular que se produciría despois de sete anos de ditadura, sería que o país optase polo sistema republicano.

Ainda que as causas do advenimento desta ditadura militar seguen a ser ainda hoxe tema de debate histórico, apúntanse como as mais sobranceiras o desgaste dos partidos turnistas (conservador e liberal) e o exacerbado caciquismo institucional con deputados cuneiros (enfeudamento) e concelleiros nomeados a dedo polo artigo (legal) 28. Ademáis disto, tamén influirían poderosamente na implantación da ditadura, o desprestixio do exército (perda das últimas colonias, desastres da guerra marroquina e rebelións internas), os movementos nacionalistas (Cataluña e País Vasco) ou o excesivo poder da igrexa no ensino. Os movementos obreiros e sindicais exacerbados, cuxa maior expresión foron os atentados e o pistoleirismo en Cataluña, tamén cobrarían novo pulo despois da revolución rusa de 1917, influíndo na expansión dos partidos de esquerda ata o de agora marxinais no espectro parlamentar.

En Galicia, cun nacionalismo máis de tipo cultural e politicamente feble, apenas van sobrancear os movementos agrarios a prol da redención foral, sendo os sindicatos mariñeiros e das conserveiras os máis activos nas suas reivindicacións de mellora de salarios e condicións laborais. Apesar de que a ditadura impuxo os cargos políticos, exerceu a censura nos actos públicos e na prensa, e prohibiu partidos e sindicatos, o certo é que durante a sua vixencia realizáronse grandes obras de infraestrutura en portos como os de Moaña e Marín, ferrocarrís, estradas, telecomunicacións... que rematarían, igual que o rexime militar, co crack bursátil do 1929 como referencia económica.

A creación deste corpo de civís armados en todo o territorio aparece como unha das primeiras medidas políticas, implantada por Primo de Rivera a semellanza dos que viñan existindo en Cataluña desde a idade media e que se tiñan revitalizado para combater as axitacións e protestas obreiras nas industrias catalanas. Cabe dicir que a organización de milicias civiles armadas foi moi habitual na Europa de entreguerras, véndose un referente máis próximo nos Camisas Negras de Moussolini ou nas Gardas Móbiles portuguesas.

O Real Decreto que implantaba o Somatén en todo o territorio nacional foi promulgado o 17 de setembro de 1923 e convidaba a alistarse aos individuos maiores de vintetrés anos de recoñecida moralidade e teñan profesión ou oficio na localidade de residencia. Os somaténs dependían do capitán xeneral de cada rexión militar que no noso caso era a oitava e incluía tamén a Asturias e a provincia de León. Á organización e control desta forza de civís armados, serían destinados numerosos mandos militares das demarcacións de reserva e da Caixa de Recrutamento. Cando realicen os seus servizos portarán armas longas da sua propiedade e os Cabos, Subcabos e escoltas de bandeira poderán usar tamén armas curtas autorizadas. Os membros do Somatén serán considerados como forza armada no caso de estado de guerra, exercendo entanto como Axentes da Autoridade cando son requeridos os seus servizos e podendo actuar espontaneamente nos casos de persecución ou captura de malfeitores que deberían ser entregados no cuartel da Garda Civil máis próximo.

Particularmente, cada rexión militar emitiría os seus propios regulamentos de longo articulado, demarcando os distritos e os concellos pertencentes a cada un deles, estando os do Morrazo incluídos no de Pontevedra. Os mandos denominábanse Cabos e Subcabos e o seu rango abarcaba basicamente o partido xudicial e o distrito municipal, ainda que nalgures tamén se implantou en pobos, lugares e barrios. En xeral, as forzas do Somatén estaban integradas por militares retirados, aristócratas, fidalgos, empresarios (conserveiros, armadores...), comerciantes, curas e paisanos afeccionados á caza que buscaban saltarse as normas.

En Pontevedra, o cabo de partido era Ramón Sobrino Buhigas (irmán do pintor) e o subcabo Andrés Gutiérrez García, mentres que como cabo do distrito municipal actuaba Víctor Lis Quibén (de infausta memoria no posterior soerguemento militar do 1936) e como subcabo Rafael Lenard Quintana. En Bueu, exercía como cabo de distrito Gaspar Massó (sustituído logo por Benito Vázquez Vilas) e subcabo Higinio Pérez; en Moaña, ostentarían estes cargos José Costas Paredes e Antonio Puente Castro respectivamente e en Marín sería Luis Pérez Quevedo o cabo dos distrito e Ignacio Barreiro Fernández o seu segundo. En Cangas, foi nomeado inicialmente cabo de distrito, Carlos Valle Inclán Peña que posteriormente sería sustituído por José Rodríguez Rivera, administrador de Correos e presidente do Casino, local onde se reunían os membros do partido único, Unión Patriótica, fundado por Primo de Rivera e de forte ideoloxía monárquica e católica. O subcabo era Francisco Rodríguez Rivera, irmán do anterior, aparecendo como membros activos do somatén cangués, Manuel Otero, José Olivera, Antonio Solla Graña e Arcadio Villar.

Compartir el artículo

stats