Este ano os elementos parece que se aliaron para encher de atrancos o camiño do XXI Encontro-Degustación do Millo Corvo. Primeiro foi a seca, que por falta de auga no río Frade chegou a poñer en perigo á moenda tradicional no muíño da Presa. E logo, todo o mal tempo que non houbo durante as últimas semanas decidiu concentrarse nestes días de festa. Pero nin choiva, nin a saraiba nin os lóstregos puideron con esta caste de millo nin con toda a xente que traballa ao seu redor.

Na xornada de onte non houbo tantos asistentes como sería o normal, pero non faltaron veciños nin visitantes dispostos a entrar en calor cuns ovos fritidos con pan de millo ou coas empanadas, que as había de bacallao con pasas, zorza, berberechos, zamburiñas, polbo ou de mexillón con doces. Tampouco faltaron os deliciosos doces, en forma de minibicas e tartaletas.

O Encontro abriuse o venres coa muíñada no Canudo, onde a pesar do mal tempo non faltou xente, nin queimada nin a música tradicional de zanfona. A Ecotaberna, que volve a estar no recinto da Morada, abriu un pouco antes do mediodía de onte e á hora da comida o recinto estaba cheo de xente disposta a desfrutar das delicias elaboradas coa fariña corva, que lle da un sabor e textura característica ao pan, empanadas e doces. Moitos foron ao tradicional, unha opción que nunca falla, pero logo descubriron que este ano había algunhas sorpresas en forma de tartaletas ou unhas tortas feitas con algas. Incluso podíanse mercar fideos feitos con fariña de millo corvo e hoxe está previsto facer unha demostración para cociñar esta pasta.

Ao longo de todo o día sucedéronse charlas e obradoiros, como a do arqueólogo e coordinador científico da intervención no Facho, José Suárez, ou a da reposteira Merchi Rodal. Unha das que concitou maior expectación foi a da Cofradía da Urtiga, de Portugal, que ensinaron que esa herba tan "dañina" está cargada de potencialidades ben sabrosas. A xente que se achegou a súa charla puido degustar paté de estruga, revolto, pan e incluso unha bebida semellante ao ponche. Tamén foi moi concorrida a demostración de David Middleton, que deu a probar distintos viños ingleses tradicionais feitos con froitos e flores recolectados no monte.

As actividades continúan hoxe pola mañá cun roteiro aos muíños do Canudo, o obradoiro degustación con algas do país de Algamar que onte non se puido celebrar e actuación do grupo tradicional Ferreñas de Caaveiro. Pola tarde está prevista a presentación das Conservas María Tola, o encontro Slow Food e o peche será a partir das 19.00 horas cos Carunchos.