O número de moañeses que se expresan de xeito único en galego caeu nun 21% entre 2001 e 2011, pasando de case un 60% da poboación a menos do 40%. Esta é unha das constatacións do traballo sociolingüístico "Lingua e sociedade. Guía didáctica sobre os procesos sociolinüísticos en Moaña", que elaborou a Área de Normalización da Universidade de Vigo. Os investigadores elixiron Moaña para comparar os seus parámetros cos de toda Galicia ao entender que esta vila supón un "microcosmos no que podemos atopar, na súa propia esfera, unha incidencia e unha configuración similar dos principais fenómenos que determinan a realidade actual da lingua galega". Esta guía entende, polo tanto, que en Moaña se poden detectar claramente os procesos que sufre o idioma propio dende hai décadas: O mantemento, a substitución e a vitalidade lingüística.

Os resultados do seu traballo de campo serán presentados en detalle esta tarde, ás 20.00 horas, no salón de plenos de Moaña. Pódense consultar nunha páxina web publicada ao efecto, baixo o nome linguaesociedade.gal. Nesa web aparecen reflexións sobre o uso e futuro do idioma de parte de distintas personalidades da cultura galega nadas en Moaña, como a actriz María Salgueiro, o cantante Xil Ríos ou o poeta Luis Chapela.

Na presentación de hoxe intervirán o director desta área na Universidade de Vigo, Fernando Ramallo, e os investigadores Rubén Moralejo e Martín Vázquez.

As conclusións amosan como as competencias en galego son moi altas entre os moañeses. Pode falar o idioma propio o 95% dos empadroados na vila, fronte ao 97% de 2001. Ademais, o entenden o 99% dos veciños.

Os datos máis alarmantes para o futuro da lingua galega están na ruptura da transmisión xeracional, que levou a que moitos nenos de Moaña non falen a mesma lingua que se fala nas súas casas. Na guía elaborada a diferenza entre franxas de idade é moi grande. Entre os que superan os 65 anos, o galego é a lingua habitual do 87% dos veciños. Apenas o 6% dos que superan esta idade declaran non falar nunca neste idioma. A porcentaxe de monolingües en galego non baixa do 80% entre os que superan os 50 anos, e supera o 60% entre aqueles veciños con máis de 35 anos. Sen embargo, entre os que teñen menos de 15, apenas un 25% se expresa habitualmente no idioma propio. Aínda que máis da metade dos nenos pequenos empregan "ás veces" o galego, hai franxas de idade como os que teñen entre 20 e 24 anos, nos que ata o 23% da poboación recoñece non falar nunca este idioma.

A guía contextualiza a "desgaleguización" de Moaña en transformacións como a presenza cada vez maior de veciños procedentes de Vigo ou doutras cidades, polo seu caracter rururbano. Tamén destaca o paso de moita poboación de traballar no mar ao sector servizos. Iso sí, pon en valor o crecemento de poboación.

O obxectivo principal desta guía didáctica consiste en trasladarlle ás achegas á comunidade educativa para facilitar un "afloramento da conciencia lingüística no alumnado".