O Club Golfiños de Bueu instaurou o ano pasado o recoñecemento "Bueuesa Senlleira" para distinguir e visibilizar a labor e aportación das mulleres da vila, unha distinción que se fai concidir cos actos do 8 de marzo. A primeira bueuesa senlleira foi a poeta e mestra Míriam Ferradáns e o seu relevo recolleuno onte Susana Martínez, máis coñecida artisticamente como Susi Ons. Actriz de teatro e Drag King, que ten o seu álter ego masculino en Nico Elsker, co que onte recibiu a distinción. Con este recoñecemento Golfiños quere reivindicar o movemento das Drag Kings, aínda invisibilizado polas Drag Queen.

A entrega do recoñecemento tivo lugar onte na sala Amalia Domínguez Búa e, entre outros agasallos, a homenaxeada recibiu un frondoso ramo de toxos. O primeiro en intervir foi o presidente de Golfiños, José Manuel Dopazo, que fixo un alegato en favor do feminismo e da necesidade de visibilizar o traballo das mulleres. A encargada de presentar á homenaxeada foi a artista gráfica Laura Riveiro. Deseguido un dos membros de Golfiños mantivo coa nova Bueuesa Senlleira unha conversa en formato entrevista, unha charla na que Susi Ons falou da invisibilidade que sufren as mulleres dentro do ámbito dos Drag Kings. Unha invisibilidade que, segundo contou, é un reflexo global do que lles sucede ás mullers. "En España só hai cinco, dos cales catro estamos en Galicia", suliñou onte. Susi Ons aproveitou o recoñecemento que lle brindaba Golfiños para agradecer o apoio da súa compañía teatral, Marinita y sus Maromas, e sobre todo da súa familia, algo que segundo contou non era moi habitual.

A cerimonia de entrega da distinción de Bueuesa Senlleira serviu tamén para a presentación do primeiro número do fanzine que editará anualmente Golfiños, unha publicación que leva por título Aña. Unha verba que, segundo explicou José Manuel Dopazo, é propia de Bueu e que se emprega para referirse aos xenitais femininos. Polo tanto, o fanzine tenta vencellar feminismo e identidade de Bueu. Neste primeiro número hai textos de diversos autores, como a Bueuesa Senlleira de 2018, Míriam Ferradáns, ou Carlos Callón, entre outros.