Adrián Ríos (Moaña, 1990) é un dos actores de moda do panorama audiovisual galego, sobre todo grazas ao éxito da serie "Fariña", na que encarnou a Petete. Mañá, ás 17.00 horas, será o encargado de poñerse diante dos veciños da súa vila na carpa da alameda para dar a entrada oficial ao Entroido 2019.

-Que supón ser o pregoeiro do entroido?

-Estiven bastantes anos activo nas comparsas e a verdade é que me fai moita ilusión. Sempre pensei que se tivera que facer algún pregón tería que ser o do entroido de Moaña.

-De que comparsas formou parte?

-Empecei en "Os que faltaban" no ano 2006. Despois pasei a "Os Calcarrúas", que foi onde máis estiven, entre 2009 e 2016. Son moi antroideiro e sempre morría de ganas por estar nunha comparsa. Creo que é como mellor se vive o entroido de Moaña.

-Xa ten pensado o disfrace deste ano?

-Si. Quero que sexa unha sorpresa. Pero só podo dicir que está de actualidade.

-Quen lle propuxo ser o pregoeiro?

-Chamáronme do Concello, pero creo que o propuxeron as comparsas nunha reunión, o que me fai moita máis ilusión. Xa lle din unhas voltas e teño a idea do que vou falar. Sobre todo explicarei o que significa o entroido de Moaña para min.

-Cal é o entroido que máis lembra?

-Antes de estar nas comparsas o vivía dun xeito moi diferente. Era tamén moi cativo. Entrei na primeira comparsa cuns 16 anos. Creo que a etapa nos "Calcarrúas" foi a mellor. Lembro con moito cariño o entroido de 2013, que foi o do 30 aniversario dos "Calcarrúas". Iamos disfrazados de Slash con americanas de tigre e gorros.

-E este ano terá tempo de gozar do entroido moañés, ou entre o traballo na tele e o teatro será imposible?

-En canto remate o pregón teño que saír para A Coruña, que entregan os premios Mestre Mateo. Pero ao longo da semana irei. Teño a idea de estar no concurso das comparsas e ao Enterro da Sardiña non vou faltar.

-Onde lle poderán ver os espectadores nos vindeiros meses?

-Agora mesmo estou na serie de "Lobos e cordeiros", da TVG, que se emite todos os luns. Rematamos a rodaxe en decembro. É unha serie de 1898 que conta a historia de tres familias: Unha burguesa, unha de marqueses e unha campesiña. Trata as tramas familiares, amorosas, a Guerra de Cuba... Nunca traballara nuha serie de época e a experiencia está a ser moi boa. Fago do xenro dos marqueses, así que en vestiario e maquillaxe botamos bastante tempo. En teatro estamos coa xira da obra "Fillos do Sol", de Cándido Pazó. Queremos cumprir en outubro dous anos de xira. Traballar con Cándido Pazó é unha pasada.

-Cambioulle a vida o éxito de "Fariña"?

-Está claro que en Galicia non se pode falar de "Fariña" como dunha serie. Foi un fenómeno. Nós non estabamos sendo realmente conscientes de todo o boom. Que nos deran a oportunidade a actores xóvenes galegos de descubrirnos a nivel nacional foi para nós unha plataforma brutal. As audiencias que deu "Fariña" con tantas canles eran impensables. A verdade é que durante as rodaxes era difícil de crer que unha cadea nacional emitira a serie, pois saen nomes de políticos vinculados ao tráfico. Ou nos pegabamos un batacazo ou arrasabamos. Tivemos sorte e ocorreu o segundo.

-Prefire traballar en teatro ou no audiovisual.

-Si se puidera vivir do teatro sería ideal. Pero non vou dicir que non faría audiovisual, porque é un campo desta profesión que admiro e adoro. Son técnicas diferentes. O mellor é a fortuna que teño dende 2017, de estar compaxinando audiovisual e teatro. Se me din isto vai cinco anos non o crería.