O Colexio Eduardo Pondal de Cangas é unha cooperativa de ensino que nace no ano 1982 para crear unha comunidade de aprendizaxe onde o respecto, a tolerancia, a integración e a cooperación sexan os principios básicos; no que alumnado, profesorado e todo o persoal compartan un espazo que permita a aprendizaxe, a comprensión, a creación e o pensamento crítico.

Para iso, o centro leva a cabo metodoloxías que facilitan a consecución destes obxectivos participando nunha serie de programas que lles axudan neste compromiso, como é o caso de PITEAS, coa colaboración da Fundación Barrié, a USC e a Unidade de Altas Capacidades desta universidade, e a implementación do modelo SEM (Schoolwide Enrichment Model); ou os programas Ludantia (Arquitectura para a infancia), Lóva ("La ópera, un vehículo de aprendizaxe") recoñecido pola Unión Europea, Reanimación Cardiopulmonar e Grupo de Mediación, (promovido pola Universidade de Vigo), Voz Natura ou o Plas Proxecta nos módulos de Meteoroloxía, Parlamento Xove e Correspondentes Xuvenís, todos eles recoñecidos pola Xunta como proxectos de innovación educativa. Ademais o centro forma parte da Rede de Escolas Asociadas á UNESCO o que nos permite levar a cabo accións encamiñadas a fortalecer as dimensións humanísticas, éticas culturais e internacionais da educación.

"Entendemos o Colexio como unha aula global na que a aprendizaxe se sustente nas fortalezas do alumnado para acadar os obxectivos tanto na súa dimensión persoal e emocional como académica", comentan os integrantes do claustro de profesores e profesoras.

Para iso empregan o traballo por proxectos, partindo dos intereses dos alumnos ; traballan cooperativa e colaborativamente tanto entre o profesorado coma co alumnado; potencian o traballo individual e a reflexión do alumno sobre a súa propia aprendizaxe; desenvolven rutinas e destrezas de pensamento de modo sistemático; utilizan as TIC's como unha ferramenta fundamental para desenvolver a labor educativa; promoven a exposición dos traballos realizados polos alumnos nos diferentes espazos do Colexio; tratan de xeito integrado as linguas contibuindo ao desenvolvemento da competencia comunicativa plurilingüe do alumnado; e desenvolven módulos de enriquecemento que contribúen ao desenvolvemento do currículo. Este módulos lles permiten aos alumnos descubrir os seus intereses, as súas capacidades e os seus talentos. Algúns deles son: Laboratorio de Científicos, Liña do Tempo, Oratoria, Teatro, Robótica, Scrach, Xadrez, Artellando, Teatring, poesía, ? A través da ANPA tamén se ofertan extraescolares deportivas (tenis, futbito, balonmán, zumba, baile, patinaxe, expresión corporal ?) que contribúen ao desenvolvemento dunha vida saudable.