A Deputación de Pontevedra organizou onte un acto que consistiu nunha lectura pública da obra de Rosalía de Castro, con motivo do día adicado a poeta galega e que se conmemora mañá. A lectura estivo encabezada pola presidenta provincial, Carmela Silva, e polo deputado de Lingua e Cultura, o bueués Xosé Leal. O acto foi unha reivindicación da cultura en galego e do feminismo.

A comarca do Morrazo estivo dobremente representada. A poeta bueuesa Lucía Novas foi a encargada de ler o manifesto deste ano da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). O texto leva por título "Libre o meu pensamento", que é da poeta Ana Romaní. Na posterior lectura de poemas de Rosalía de Castro participou, entre outras, a directora artística da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, María Armesto, que escolleu un fragmento de "As literatas", un texto no que Rosalía reflexiona sobre a loita de ser muller e escritora. Un texto escrito en 1866, "63 anos antes de que Virginia Woolf piblicase 'Un cuarto de seu'", lembraba onte María Armesto.

Na súa intervención, Carmela Silva reivindicou a faceta feminista "da nosa escritora máis universal" e escolleu ler un extracto de "Rosalía feminista", de María Xosé Queizán.