O IES Johan Carballeira organiza este curso a segunda edición da Feira da Ciencia e Literatura, unha iniciativa na que participan todos os centros educativos da vila. A cita será o vindeiro 4 de maio na Praza Massó, pero antes desa data xa se están a celebrar algúns actos, como o que acolleu onte o salón de actos do instituto bueués. A escritora Ledicia Costas acudiu para manter un coloquio co alumnado ao redor dalgúns do seus libros, unha historias nas que se mesturan a paixón pola literatura e a ciencia e que amais teñen como obxectivo reivindicar a aportación da muller no saber científico.

Nesta charla participaron estudantes dos institutos Johan Carballeira e Illa de Ons e do colexio de Montemogos-Beluso, que se mostraron especialmente participativos. Os libros que centraron o debate foron "Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta", "A balada dos unicornios", "A señorita Bubble" e "As peripecias de Extravaganzza Pérez". Os nenos e nenas preguntaronlle pola orixe das súas personaxes, se nos seus libros incluía experiencias persoais ou algunha máis curiosa, como por que os libros non comezaban pola páxina un. Á vez que Ledicia Costas ía respostando ás preguntas intercalaba algunha que outra anécdota ou historia persoal, como que un dos seus avós tiña unha peculiar faceta como inventor ou que algunha vez lle cambiaron o seu nome polo dunha das súas personaxes. Foi co seu libro "Escarlatina, a cociñeira defunta", co que gañou en 2015 o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil. "Houbo nun centro no que me chamaron Escarlatina Costas", contou ante os risos do alumnado.

A charla coloquio de onte estivo introducida pola responsable do blog Lecturafilia, Tensi Gesteira, que tamén colabora coa organización da Feira da Ciencia e da Literatura aportando explicacións sobre cada un dos libros que se trataran este ano e que se publican no blog da biblioteca do Johan Carballeira. O acto tamén serviu para facer unha chamada á conciencia medioambiental. Ledicia Costas forma parte da campaña "Eu son cortalumes", contra os incendios forestais. Así, onte aproveitouse para entregar o diploma de "Cortalumes" ao alumnado que tamén se sumou a esta iniciativa.

A autora aínda lle agardaba unha última sorpresa antes de marchar: no IES Johan Carballeira atopouse cun antigo profesor do seu instituto en Beade.