Sobre unha peana de pedra instalada ao pé do aparcamento habilitado recentemente na contorna do Igrexario do Hío e coa ría de Aldán ao fondo xa se ergue a escultura realizada por Adamo Cid con 1533 arandelas de ferro galvanizado para resistir a intemperie e unha placa con adicatoria: "En lembranza de Anxo Gago Lito e en homenaxe a quen ama a música tradicional galega". Mañá, cando se cumpre xusto un ano do pasamento do mestre gaiteiro, o Concello de Cangas e os colectivos culturais van renderlle homenaxe cun acto que se celebrará desde as cinco da tarde no que actuarán os grupos "Manxadoira", de Bueu; "Os do Serán", de Vilanova, e "Tromentelo", de Coiro, vencellados a Lito.

Na celebración tamén estarán presentes, acompañando á familia do homenaxeado, representantes políticos e sociais que glosarán a súa figura. "Será un acto sinxelo, pero emotivo, en lembranza deste gran artista e animador cultural", adianta o alcalde, Xosé Manuel Pazos, e engade que as pezas a interpretar estarán vencelladas dalgún xeito con Lito. "Todos os veciños están convidados a participar deste recoñecemento ao pé do adro e con vistas espectaculares sobre a ría", abunda o rexedor.

O Concello, a través da Concellería de Obras e Servizos, xa habilitou un espazo a carón do aparcamento no que se levanta a peza escultórica, cuxo entorno será pavimentado en pedra, ainda que eses traballos terán que agardar varias semanas para non interferir no acto de mañán, sinalan os representantes municipais. O que xa se colocaron son varios bancos de pedra que sirven para delimitar o espazo e poñelo en valor. Ainda que se pensou en instalar a escultura a carón do colexio público de O Hío, finalmente a familia, o Concello e os colectivos implicados optaron por ese lugar "emblemático".