Mañá comezan no Cento Social do Mar as XXI Xornadas Micolóxicas de Bueu que organiza a Agrupación Micolóxica Naturalista Liboreiro. As charlas serán de luns a venres ás 20.30 horas e o encargado de abrir as de este ano será o presidente de Liboreiro, Santy Corral, cunha ponencia titulada "Como gozar dos cogomelos sen comelos. Outra maneira de ollar a micoloxía".

- As xornadas micolóxicas de Liboreiro chegan a súa edición número 21. Cando comezaron a organizalas, imaxinaban sequera que chegasen a ser tan lonxevas?

-Pois a verdade é que non. O mundo da micoloxía é moi complexo e sempre tes moito por diante que aprender, descubrir, dar a coñecer, etc., e isto ao final engancha.

- Este ano o encargado de abrir as ponencias será vostede cunha charla sobre, "Como gozar dos cogomelos sen comelos: outra maneira de ollar a micoloxía". Supoño que entende que é unha necesidade abrir esta outra vía.

-Non só é unha necesidade, se non que para min e a A.M.N. Liboreiro é fundamental que se empece a ollar a micoloxía doutra maneira, e un xeito moi bo a través dunha cámara de fotos e un trípode. É impresionante comprobar sobre o terreo a variedade de cores, formas, tamaños, e hábitats variados onde podemos atopar cogomelos. Nas nosas saídas ao campo case nunca levamos un cesto para apañar cogomelos con fins gastronómicos, e soamente se a especie en cuestión é interesante recollemos algunha mostra para o seu posterior estudo e catalogación. Contribuímos desta maneira a dar a coñecer e ampliar o catálogo micolóxico galego, que nestes últimos anos está aumentando moito.

- Realmente é posible gozar dos cogomelos sen comelos?

-Eu non vexo a micoloxía cun fin gastronómico, se non de paixón e de desfrute da natureza que nos rodea. Moita xente que vive en Galicia non aprecia a diversidade de ecosistemas dos que podemos gozar, dende as illas atlánticas ata as montañas do Courel ou Ancares, por exemplo. Temos un pouco de todo, isto é unha maneira moi satisfactoria de coñecer o noso país. Se a isto lle engadimos unha cámara de fotos e un grupo de amigos amantes da natureza xa temos o plan perfecto.

- Cree que esa a faceta gastronómica vencellada á micoloxía pode supoñer un risco para a conservación de algunhas especies?

-Pois si. Hai especies que son moi sensibles as recoleccións masivas que se fan con elas e tamén a maneira de recollelas. Temos unhas cantas especies que dende anos atrás estamos comprobando a súa escaseza e algunhas a súa total desaparición. Por outra banda tamén está presente o cambio climático.

- O ano pasado, a estas mesmas alturas, falabamos dun mal ano para os cogomelos pola seca e os lumes de outubro. Cal é a situación este ano, cunha meteoroloxía que parece máis acorde ao habitual?

-Ata que caeron estas ultimas chuvias estabamos cunha seca bestial, logo tivemos un baixón de temperatura moi brusco, pasamos do verán ao inverno dun día para outro. Agora mesmo están frutificando bastantes cogomelos, pero moitas especies das que denominamos "termófilas" [de tempo cálid] xa non van saír. Para que un outono sexa bo en cogomelos debe de chover algo durante o verán, do contrario a tempada xa vai ser mala. Estes últimos anos a seca se está notando moito nas especies de finais de verán e comezos do outono. Este verán por exemplo, estivo o IRDI (índice de risco diario de incendios) en valores extremos durante moito tempo, moito máis que o ano pasado. Isto xa o explica todo.

- Que destacaría do programa das xornadas deste ano? Hai conferencias sobre dous xéneros distintos e outra sobre a diversidade micolóxica.

-Sempre intentamos non repetir nas conferencias, este ano optamos por darlle unha volta a dous xéneros ben coñecidos polos afeccionados e consumidores de cogomelos como son o xénero Cantharellus e Russula, pois nos dous xéneros hai diversas especies consideradas boas comestibles. Ultimamente estes xéneros coas revisións de taxonomía molecular están mudando moito e convén dalos a coñecer e coa mesma estudalos de novo. A charla de diversidade micolóxica en ecosistemas forestais é moi interesante, pois como falamos antes é unha boa forma de coñecer os diferentes ecosistemas forestais que temos en Galicia, e desta maneira descubrir a impresionante diversidade micolóxica que hai en cada un deles.

- Como anda de diversidade micolóxica a comarca do Morrazo?

-Na bisbarra do Morrazo temos unha moi ampla e interesante variedade de xéneros e especies, algunhas moi sensibles pois frutifican en hábitats moi machacados pola presión humana. É unha pena que no Morrazo haxa tanta plantación masiva e descontrolada de eucaliptos e acacias, que están apoderándose de terreos que antigamente estaban ocupados por carballeiras, soutos, bosques de ribeira, prados... O número de especies sería impresionante. Por outra banda, temos publicados diversos artigos en revistas galegas e nacionais con aportacións a micobiota galega con interesantes especies descubertas e identificadas no Morrazo, incluso unha primeira cita a nivel do continente europeo. Este ano nas xornadas daranse a coñecer unhas cantas destas interesantes especies.

- Tamén hai unha ponencia sobre os anfibios e réptiles no Morrazo. Hai relación co mundo da micoloxía?

-Claro que si. Partimos do punto de que Liboreiro é unha agrupación micolóxica naturalista. Normalmente as nosas saídas non son exclusivas para ver un determinado cogomelo (ás veces si), senón para visitar un determinado hábitat ou unha paraxe natural das marabillosas que temos no país. E imos desfrutar de todo o que topamos alí, a fauna, a flora, os cogomelos, os liques....para nos todo é un conxunto... Incluso non é raro que nas nosas saídas se inclúa a visita a elementos do noso fermosísimo patrimonio etnográfico galego: un foxo do lobo, unha ponte, unha ermida, uns muíños. Cando máis que non é raro no noso país que o patrimonio natural, cultural e etnográfico estean moi vencellados.