Novas calas na toponimia urbana (II)

O investigador Xerardo Dasairas conclúe nesta achega unha aproximación a algúns dos nomes das rúas do casco histórico de Cangas

Roda en Bueu en 1928. // A.A.

Roda en Bueu en 1928. // A.A.

Xerardo dasairas*

Berbetaña/Barbetaña

Da praza de Síngulis parte a rúa chamada da Berbetaña da que ningún documento nos da pistas sobre a orixe do seu nome pero que xunto cos lugares das Rodas e dos Cíngulos volve a remitirnos á cordoaría de antano. Porén, nun inventario dunha fábrica de salga de Beluso de comezos do século XIX, figuran "trece barbetas de mortos de primeira calidade e vintecinco xa usadas".

Novas calas na toponimia urbana (II)

Novas calas na toponimia urbana (II)

Estas barbetas non eran máis que unhas cordas especiais que se usaban nos espazos chamados mortos onde se realizaba o prensado da sardiña nas fábricas de salga. É palabra catalana que literalmente significa trozo de corda que serve para unir de lado dúas cabezas paralelas que traballan en sentidos opostos. Bastante valor debían ter, ao figurar no inventario, incluso as xa usadas, como neste caso. Isto lévanos a pensar se a Barbetaña era onde se fabricaban estas cordas tan estimadas, descartando que aquí houbese unha especie de trincheira ou barbeta na terminoloxía militar artilleira.

E para rematar con este conxunto de términos antigos pero moi específicos da filástica e do meollar, temos a rúa dos Píos, recipentes que servían para o encascado dos produtos fabricados alí cerca (na rúa E. Sequeiros apareceron outros) e non de salga como se apuntou pois este sistema ainda non se practicaba nas datas ás que nos referimos.

Novas calas na toponimia urbana (II)

Novas calas na toponimia urbana (II)

A Cordearía ou soguería

Aínda que temos lido sobre a existencia dunha rúa da Cordolería na subida de Síngulis, pouco podemos acreditar sobre a sua existencia de facto. Segundo os documentos, o oficio de cordieiro, cordeeiro ou córdeiro non se prodiga moito en Cangas pero si aparece como un vello labor, pois cando se está a erguer a nova igrexa cara o 1496 xa actúa como representante dos veciños do novo porto, o cordeeiro Juan de Fontefría que tamén exercía como alcalde da Irmandade.

Ata 1542 non volvemos atopar outro cordeeiro e no 1752 xa era un oficio case exclusivo de mulleres pois eran seis as cordeeiras de cánabo rexistradas na vila: Josepha Rodal, Dominga Fariña, Juana Fariña, Lorenza do Bal, Rosa Vilariño e Vicenta Carballo. Aínda que en Cangas parece un oficio exclusivo de mulleres, no mesmo ano localizamos tamén dous cordeeiros traballando en Cela, Pedro Pousío e Pedro Formoso e hai noticias doutros en Bueu e noutros portos, acredítandose este labor, a tempo parcial, ata os primeiros anos do século XX.

Nun informe de 1834 sobre a utilidade do liño na provincia de Pontevedra anótase o seu uso non só na confección de lencería senón o seu gran consumo na industria da pesca en forma de cordas, velames e redes. Nun apartado, anota que xa chega moito fiado de Cataluña pero que en Redondela e Cangas elabóranse co liño moitas redes para o xeito.

A pesar disto, en Cangas xa só se rexistra un cordeeiro en 1860, oficio que vai desaparecer cara o 1865, constatándose xa desde uns anos antes, o labor de atadeira de redes, oficio e beneficio que declaran só catro mulleres na vila nesta data. A chegada das máquinas a vapor e a instalación de fábricas de redes como a Cordelería Ibérica de Toralla, fundada no ano en 1884 polos cataláns Mirambell, Ferrer e Fontenills, e logo a de Alejandro Castilla Castaño en 1891 en Samertolameu de Meira, irían facendo obsoleto o oficio de cordeeiro.

O incendio que arrasaría a fábrica de Toralla dous anos depois de abrir (1886) facilitaría que na parroquia moañesa se chegasen a concentrar logo, ata unha decena de novas industrias familiares de fiado. Estas pequenas fábricas eran coñecidas popularmente como "carreiras" en alusión aos artiluxios de trenzado que en conxunto formaban o denominado Carro.

Mentres, en Bueu, subsistirían como cordeleiros (1883-1900) Benito Fernández e José Leal aos que sustituiría ata 1905 Benito Gómez. Sobre os anos vinte do século XX, as carreiras de Moaña xa tiñan duplicado a produción, chegando a empregar a máis dun milleiro de mulleres que coa chegada da II República se habían organizar no sindicato "La Defensora".

Xa que logo, as antigas materias primas como o cánabo, o liño e o xunco serían sustituídos polo esparto, o sisal, o iute, a rafia... que na sua evolución tamén pronto lle abrirían camiño ás novas febras sintéticas como o nailon, polietileno... Hoxe, aínda subsisten varias cordoarías en Moaña, herdeiras do que foi unha grande industria nas décadas dos anos trinta e corenta do século XX e algunha en Cangas cunha produción moi por debaixo do que era hai anos.

O cordeeiro como vello oficio detectámolo aínda en Cangas ata 1869 e en Cela ata 1873, sendo Marín e Bueu onde máis aguantaría este oficio, dándolle logo paso ás atadeiras ou redeiras. Entre 1883 e 1886 temos a Benito Fernández e José Leal exercendo este oficio en Bueu e na Ramorta, perviviría ata os anos trinta do pasado século, Salvador Gómez "O Cordieiro" cuxa roda é a que aparece na foto desa época.

Sobre a escasa difusión que semella ter este oficio, cabe dicir que en Galicia, calquera home ou muller, tiñan coñecementos abondo para fabricar as redes, cabos, sedeños, adivais, cordas ou sogas que precisasen para o seu autoconsumo, sendo mesmo que os excedentes adoitaban venderse nas feiras. Tamén temos unha rúa chamada Retrama que se quere relacionar coa elaboración de redes pola sua proximidade á Ribeira, tendo existido tamén outra Retrama no barrio do Costal.

Aínda que, a veces, tamén aparece grafada como Retama (en galego xesta) coidamos que é un erro pois incluso xa existía unha rúa denominada A Xesteira. Incluso poderiamos considerar como alusivo á actividade téxtil a chamada rúa Faixa, nome que se repite noutras poboacións e que como neste caso, coidamos que se refire mellor á estreiteza do terreo e non a un produto tecido, por moito que saibamos que en Medellín (Colombia) teñen unha rúa dos Calzoncillos, cremos que única no mundo.

Estas faixas, como a de Vigo, son rúas que quedaron estreitas por se ter levantado nunha das súas beiras un muro ou muralla que nun momento determinado se derrubou para construir casas nese lado e permitir a continuidade ou prolongación da rua que explicaría o topónimo rua do Derribo. A rúa da Faixa xa aparece documentada nos mediados do século XVIII mentres que a do Derribo non aparece con este nome ata 1918, data arredor da que se debeu efectuar tal demolición.

Outro topónimo que despertou curiosidade foi o de Pentes que aparece como apelido en varios dos damnificados do asalto turco e que nalgúns textos levou a identificar a estes veciños como procedentes do pobo do mesmo nome no concello da Gudiña, en Ourense, o que naquela época sería extraordinario pola lonxanía e escasa entidade desta poboación. Con máis sentido cabe pensar que fosen de Pentés (antigamente grafado Pentenes), hoxe Pinténs no Hío, cuxa etimoloxía se descoñece a non ser que veña dun antropónimo Pentius.

Consultados sobre o topónimo A Rúa, onde actualmente se ubican o colexio deste nome e unhas dependencias do Concello denominadas Granxa da Rúa, cabe dicir que proveñen do apelido De la Rúa, señores do Pazo de Santa Cruz que posuían esta e outra granxa, ademáis do pazo da Retirosa e outros beneficios e terras na parroquia de Coiro. Tamén na desembocadura do río do Señal (Bouzós) aparecen topónimos que nos retrotraen a antigas actividades mariñeiras nesta zona como Porto Meca e agrícolas como Muíño de Porto Meca, Muiño Vello e Muíño do Cruceiro dos que (pode ser o mesmo muíño con estes nomes) apenas temos referencias pero que non deixan de ser interesantes na conformación do Cangas de antano.

Se pensamos na ubicación do cruceiro na desembocadura do río do Señal e a proximidade dun muiño a el, quizais habería que pensar, pola conformación da zona e do río, sometido ás mareas, na existencia dun muíño de roda vertical, tipo noria, que fose quen orixinou a rua actual con ese nome. Da existencia deste muíño aínda se dá conta en 1906 ao establecerse perto do mesmo unha fábrica para a elaboración de pedra.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents