Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Trío de ases

O autor rende homenaxe a tres antigos mariñeiros: Félix Hermelo, Alfonso Verde e o recentemente finado José Lemos

Dous mariñeiros de Aldán, Costas e Emilio Oubel, nunha imaxe antiga descargando. // Magar

"Ninguén, en realidade, se considera tan vello que non pense que pode vivir un ano máis"

Cicerón, Sobre a vellez 7, 24

É unha honra poder dialogar e tamén escoitar falar os veciños de máis idade. Algo desta índole pode producir distintos sentimentos que sempre deben estar ligados ao respecto. Poderíamos lembrar múltiples e variadas anécdotas que nos teñen contado persoas nonaxenarias, pero nesta ocasión mencionaremos a tres que merecen un mínimo recoñecemento pola súa vida vinculada á braveza do mar e á escravitude do oficio do mariñeiro. Porén, este artigo é un pequeno recoñecemento a todos os mariñeiros, os que son e os que o foron. Loitaron duramente contra as inclemencias do mar e as condicións climatolóxicas. Tan só eles saben cantas veces no día se acordan da familia, cantas desexan chegar á terra para estar cos seus seres queridos. Eles gañaron moitas batallas, como facemos todos os que loitamos na vida. Tamén sabemos e, debemos acollelo con resignación, que sempre perderemos, cando menos, unha desas batallas, pois a peregrinaxe por esta vida ten o seu propio fin, máis cedo ou máis tarde.

Temos aquí tres claros exemplos de verdadeiros lobos de mar.

Alfonso Villar Verde naceu o 12 de novembro de 1929.Seus pais foron Alfonso Villar Novas e Ramona Verde Sanjorge que casaron o 6 de agosto de 1927. Ramona, naceu o 17 de agosto de 1903 e era filla de José Verde Troncoso e de Carmen Sanjorge Currás, veciños de Bueu. Natural de Aldán e residente na aldea de Vilariño na actualidade, Alfonso fai os seus paseos diarios. Seu pai finou o 4 de outubro de 1932. Na mesma data pero vinteún anos máis tarde casou con Carmen Docampo Sestay. Desta unión naceron Alfonso, Carmen e Sagrario. Traballou de rapaz con Modesto Valladares, coñecido armador de Aldán. O amigo Alfonso evitou o servizo militar por estar a súa nai viúva. Traballou de mariñeiro á ardora co coñecido patrón cangués José Blanco. No 1953 aproba o título de patrón e con 29 anos comenza a exercer como patrón de pesca. Destaca a profesionalidade de varios mariñeiros do Hío, Aldán, Cangas, Bueu e, sobre todo, dos de Beluso. Ten moitos recordos e historias de numerosas campañas na pesca da altura. Entre as máis evocadoras lembra algunhas no barco "Anzuelo", do que foi patrón no 1962.

Outro vello e animoso mariñeiro, José Lemos Sotelo, natural da aldea de Vilanova na parroquia do Hío, nace o 5 de febreiro de 1925. Casou con Elvira González Lorenzo e non tiveron descendencia. Concidiu de mariñeiro ás ordes de Alfonso Villar. Dou fe de que entre eles cruzáronse numerosas gabanzas. Aquelas campañas ou mareas que daban á pesca do bonito florecen na súa memoria. Ata entón residía nun centro para maiores dende hai varios anos, pois finou o pasado 23 de setembro con 93 anos, anticipándose desgraciadamente seu óbito á publicación deste artigo. Súa memoria era un verdadeiro libro de curiosidades e de sabiduría. Era coñecido popularmente como Pepe "Palleiros", pois súa nai naceu no topónimo do mesmo alcume. Foi respetado e admirado por moita xente.

Félix Hermelo é o terceiro protagonista. Naceu o 24 de febreiro de 1927. É o avó da aldea de Vilariño, na parroquia do Hío, despois de que finase seu irmán Andrés fai uns meses á idade de 93 anos. É fillo de Félix Hermelo Pardavila e de Emilia Gallego Nogueira. Seus avós maternos foron José Gallego Tallón e Dolores Nogueira Rodal. José, con raíces familiares na provincia de Ourense, chegou destinado ao porto de Aldán para exercer de carabineiro a primeiros do século XX. Os avós paternos foron Andrés Hermelo Lemos e Concepción Pardavila Franco. Andrés, avó de Félix, exerceu un cargo importante na súa época, pois chegou a ser o Presidente da asociación de mariñeiros da parroquia de Aldán en 1905, cando abondaban os conflictos pesqueiros nos portos galegos.

Félix en 1932 xa pescaba ao xeito co patrón alcuñado "Camarada". Recorda varias embarcacións nas que andivo: o "Flor de Maio" ou o "Raquero". Da Guerra Civil lembra o fusilamento en Pontevedra dun tío seu, José Gallego Nogueira. Detén o seu relato no ano 1941, o coñecido como o ano da fame, moi recurrente entre os veciños/as da zona. Traballou na pesca na baixura ata o 1947, ano no que foi chamado a filas para realizar o servizo militar en Ferrol. Embarcou no destrutor "Escaño" en Cartaxena como cociñeiro.

A primeiros de abril de 1949 cando estaban tramitando a licenza de carta branca do servizo militar, un tremendo temporal con fortes augaceiros fai que Félix teña que participar no salvamento dunha muller que fora arrastrada polas fortes riadas que cubrían as rúas. A dona aparecía e desaparecía nas augas cheas de lodo ata que o señor Félix foi quen de botarlle as mans e rescatala. Tempo despois e xa co servizo cumprido, recibiu unha notificación para que se presentase na Comandancia de Marina de Vigo. Inquedo, o valente protagonista acode alí sen saber con que finalidade. Afortunadamente foi condecorado cun diploma, cruz e unha cantidade económica polo salvamento daquela dona.

En 1949 traballa no barco "Arpón", propiedade do industrial Curbera. No 1955 comenza a traballar nos asteleiros de Barreras. Alí queda como encargado de varar e atracar os barcos. O 11 de abril de 1958 casa con Lorenza Domínguez. Tiveron sete fillos: Amparo, Lourdes, Cándida, Félix, Eva, Alberto (+) e Juan Hermelo Domínguez. Participou incansablemente no incendio catastrófico do buque "Polycommander" no 1970. Xubilouse no 1984. Hoxe, cos achaques propios da idade, goza dunha memoria asombrosa. Moitas grazas, homes de ben, moitas grazas amigo...Félix.

*Veciño do Hío

Compartir el artículo

stats