Ayúdanos a ayudar ¡Suscríbete! Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Iago Comedeiro "Kome": "Gústanos non perder de vista as nosas raíces e o arraigo coa nosa terra"

A súa "Foliada verdescente" é un dos finalistas do concurso de videoclips

The Skarnivals pechan hoxe o SonRías Baixas. // Skarnivals

O ska, punk e folk dos galegos The Skarnivals non podía faltar outro ano máis en Bueu, na terra que os veu medrar como banda, dende que eran coñecidos como Skakeo. Comezaron fai dous anos o seu "Irracional Tour" e agora achéganse as últimas datas cunha cita no SonRías, hoxe ás 22.30 horas. Iago Comedeiro, "Kome", a voz principal, asegura que a "tolemia musical" estará servida.

- Levan xa dous anos co "Irracional Tour", pero agora achegádevos ás últimas datas da xira. ¿Qué valoración facedes?

-A acollida está sendo moi boa. Estes anos servíronnos para pasar por varios festivais, pobos e vilas; incluso para saír un pouco de Galicia. Non sei se é tan irracional como promete pero a lectura é moi positiva, está a ser divertido e tráenos mil aventuras. E tocar aquí na casa para nós é un placer. Subir a un escenario como o SonRías, no que se respira tan bo rollo e enerxía sempre é marabilloso.

- Ademais este ano un dos finalistas do I Concurso de Videoclips do SonRías é o do seu tema "Foliada Verdescente". Como se senten?

-Sempre é unha alegría que se recoñeza o tempo dedicado tanto á música como ao aspecto máis audiovisual. Neste senso, felicitar aos amigos e case familia de Deica Audiovisual, que xa os coñeciamos dende fai anos e volvímos a atoparnos no camiño. Eles son gran parte desa creación, e para nós é todo un orgullo. Sen dúbida existe moito potencial galego e bandas que están ensinando que hai grupos audiovisuais de gran calidade.

-E nese mesmo tema teñen frases como "Invádeme a morriña lonxe do Fogar de Breogán". Reivindican a morriña galega?

-O tema en si é un cántico. Hai frases tópicas, mais é un tema que queriamos que respirara moito desa tradición da nosa terra. Temas da nosa cultura popular, esa Santa Compaña, a queimada, as foliadas que todos vivimos algunha vez. Todo aquelo que, nalgúns casos se está a perder e que non deberían perderse nunca, porque ao final son o ADN galego. Obviamente ese sentimento de morriña existe, como tamén se ve en temas como "Emigrante". Na canción todos nos vemos reflectidos dalgún xeito e buscamos que cada un dos galegos atope o seu pequeno eu.

- Que outros temas non queren deixar pasar de longo?

-Nos nosos temas salientan as reivindicacións. Pero ademais de reivindicar, gústanos moito non perder de vista as nosas raíces e os temas de arraigo coa nosa terra. Ese tipode temáticas sempre nos gusta telas en conta e reflectilas nas letras.

-Cando rematen o "Irracional Tour", que ten pensado levar aos escenarios The Skarnivals?

-A fin de xira será en outubro no Aturuxo de Bueu. Temos en mente un novo traballo que seguirá a liña dos anteriores, pero aínda non está definido. Faremos un parón para centrarnos neste novo proxecto e para desfrutar compoñendo, que é o que nos gusta.

Compartir el artículo

stats