Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O Morrazo no levantamento de 1846 (III)

As tropas oficialistas puxeron fin á revolución e restituiron ás antigas corporacións locais

Listado dos encausados pola rebeliónr. // Arquivo autor

Listado dos encausados pola rebeliónr. // Arquivo autor

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Xerardo dasairas*

As Xuntas de Pontevedra e de Vigo, moi relacionadas coa de Cangas e as outras do Morrazo, vanse manter moi activas cumprindo co solicitado polas das cidades, destacando a recluta e mobilización dos militares que non estaban en activo (reservistas) co engado de pagarlles os haberes correspondentes.

Na altura do día 21 as cousas non andaban moi ben no campo militar e incluso chegan desde Ferrol para bloquear a ría de Vigo, o bergantín "Nervión", a barca gardacostas "Astuto" e o lugre "Bidasoa". Mais o tenente de navío Luis Jorganes que mandaba o primeiro barco, arborou a bandeira da rebelión, secundado polo gardacostas ao mando de José de la Rigada, mentres o comandante do terceiro regresaría á Coruña para dar conta do acontecido.

O Morrazo no levantamento de 1846 (III)

O Morrazo no levantamento de 1846 (III)

Esta adhesión ao pronunciamento de dous barcos da Armada foi moi celebrado e traería algo de esperanza ao movemento pois agardábase a chegada de 20.000 fusís de Inglaterra (suponse que enviados por Espartero). Pero dous dias despois, a batalla de Cacheiras acabaría con esta revolta liberal e progresista e os principais dirixentes da revolta van confluir en Vigo decidindo a fuxida a Portugal no "Nervión", barco de 14 canóns no que servira como gardamariña o logo almirante Casto Méndez Núñez.

A restitución da legalidade e as represalias

O Morrazo no levantamento de 1846 (III)

O Morrazo no levantamento de 1846 (III)

Despois dos fusilamentos de Carral, as tropas oficialistas do xeneral Villalonga, ocuparían Lugo o día 26 e as do xeneral De la Concha, Pontevedra, restablecendo as antigas autoridades locais e chegando pola tarde a Vigo onde se producen enfrentamentos. Mais pola noite, a Junta Local, os seus seguidores e moitos membros destacados doutras xuntas revolucionarias foxen cara Portugal por mar (no bergantín "Nervión") e por terra, sendo ocupada a cidade por De la Concha na mañá do día seguinte e restituíndose a antiga corporación.

En Cangas vai ocorrer o mesmo, sabéndose que os compoñentes da Junta Revolucionaria local, Manuel Mª Martínez Budiño, Eugenio Vicente Matos e o seu irmán Eduardo Hipólito Matos, tiñan fuxido a Portugal. Coa reposición dos concellos o 28 de abril e o retorno do alcalde Josef Sequeiros, vanse organizar desde o primeiro de maio unhas patrullas conformadas "por vecinos honrados" que percorren a vila e as parroquias comandadas por "un individuo de Ayuntamiento."

En cumprimento dos bandos ditados polo Xefe político (gobernador) e o Comandante Xeral militar da provincia, a sua misión, aparte de restituir a orde constitucional, era deter aos revoltosos e recuperar as armas que foran levadas a Cangas para usar na revolta. Tamén se comisiona ao alcalde de Bueu, Juan Lobera, para que averigue o que aconteceu en Cangas e en algunhas parroquias e a tal fin, envíaríanlle de Pontevedra un cabo e seis homes para que proceda á detención dos autores e cómplices que tomaron as armas na última insurrección. Comezaría polas parroquias de Hío e Aldán, que aínda que pertencentes a Bueu, obedecían ordes da Junta Revolucionaria de Cangas, igual que algúns de Tirán e Moaña, habendo tamén detidos nas tres parroquias canguesas.

Ante isto, os carabineiros destinados en Cangas, Aldán e Bueu xa tiñan fuxido a Pontevedra para poñerse baixo a tutela dos seus mandos. O día 11 de maio constitúese en Cangas unha Comisión sumaria dirixida polo alcalde de Bueu para atender os descargos dos detidos, aos que chaman "junteros", inspeccionando tamén a Axudantía de Mariña onde atopan queimados os papeis e informes elaborados pola Junta e catro fusís, un de fábricación inglesa e tres de orixe española.

Resulta chamativa a declaración do alcalde Sequeiros a favor dos compoñentes da Junta Revolucionaria de Cangas dos que di que "estaba formada por sujetos de la conducta más acrisolada y de las más sanas ideas" e que "los funcionarios públicos y empleados tuvieron una conducta satisfactoria", engadindo que "apenas entraron en el ejercicio de sus funciones, ni celebraron reuniones formales". Estas palabras non cabe dúbida que ían no sentido de descargar culpas contra algúns dos seus propios concelleiros e funcionarios que se sumaran á corporación revolucionaria, pero sobre todo aos Matos da Casa-Granxa do Foxón en Tirán cos que, aínda que contrincantes políticos, mantiña relacións cordiais como era habitual nesta época entre as grandes familias que ostentaban, turnándose, o poder local.

Quen saen peor parados son os Martínez Budiño a quen acusan de ser "participantes directos y activos en la revolución", engadindo o alcalde Sequeiros, a sua satisfacción porque os implicados directamente na revolta non eran de Cangas: E dicíao el que era dunha familia procedente de Vigo.

Os procesos contra os sublevados foron lentos, agás os fusilamentos e as degradacións militares, estando os cárceres tan cheos xa cos carlistas e encausados por asonadas anteriores, que as autoridades tiveron que facer traslados por terra e mar cara a outras prisións do Estado e decretar liberdades baixo fianza. Nesta situación atoparíase o farmacéutico Martínez Budiño a quen localizamos en Madrid cinco anos antes, empezando a sua carreira no Colexio de Farmacia de San Fernando o 11 de outubro de 1841, e que para pagar a sua fianza tivo que embargar unha granxa que tiña en Romarigo.

Mais, con todo, as cousas non viñan como pedrada en ollo de boticario que se dicía daquela, é dicir, favorablemente, e o farmacéutico local había seguir baixo unha estricta vixilancia tal como se recolle nun oficio reservado do xefe militar, dirixido ao alcalde de Cangas o 13 de xuño: "Se me informa que el boticario vecino desa villa que se halla en libertad bajo fianza es muy procaz y sedicioso en sus conversaciones. Me informe de su conducta". Pero, pouco tempo máis había durar esta situación, pois con motivo do casamento da raíña Isabel o 10 de outubro deste mesmo ano, concederíase unha amnistía (R. O. de 17 de outubro de 1846) que aínda que excluía aos compoñentes das Juntas Revolucionarias, fixo retornar do exilio a moitos deles que pola sua boa posición social acabarían beneficiándose igualmente.

O 28 de decembro, o capitán xeneral Juan de Villalonga levantaría o estado de sitio en Galicia e anos despois, con ventos máis favorables ideoloxicamente, xa os temos a todos, entre eles os Matos e Martínez Budiño, exercendo de deputados, alcaldes e cargos públicos como pudemos comprobar no escabroso enfrentamento acontecido na Romaría de Darbo entre o cura da parroquia de Cangas-Darbo José Martínez e Eugenio Matos, dez anos despois destes feitos que vimos de narrar.

O noso farmacéutico revolucionario alcanzaría a alcaldía de Cangas en 1887, exercendo ata 1891, periodo no que realizaría varias obras públicas notables, recibindo un bastón de mando, obsequio da Garda Civil local, e o título de Comendador da Real e Distinguida Orde de Isabel La Católica que utilizaría pomposamente nos seus bandos e escritos. Cabe dicir que, este nomeamento non foi de agrado dalgúns concelleiros que fixeron pública a sua disconformidade e foron sancionados por isto.

Conclusión da revolta en Galicia e fusilamentos

O colofón da revolta había darse o día 23 de abril en Cacheiras onde se enfrentaron os dous exércitos, recuando as tropas revolucionarias de Solís cara a Santiago. A última resistencia tería lugar no mosteiro de San Martiño Pinario no que coa mediación do arcebispo Rafael de Vélez, se renderían ás sete da tarde. Após disto, entregaríanse o coronel Solís, o comandante Velasco e as tropas do 2º Reximento de Zamora e dos Provinciais de Segovia e Xixón compostas por 10 capitáns, 42 oficiais, 1.400 soldados, 60 gardas civís e 25 cabalos. As noticias falaron da cifra de 500 baixas, entre mortos e feridos dunha e doutra parte.

O Provincial de Zamora foi disolto e a clase de tropa foi destinada a Cuba, Porto Rico e Filipinas en condicións case escravistas por un período de servizo de dez anos e Solís e doce oficiais, como xa dixemos, fusilados en Carral.

*Investigador e mestre

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents