Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cae o pano

As Crónicas do Teatro do Morrazo conclúen tras 121 semanas

Mural sobre unha alegoría acerca da "árbore do teatro" no Morrazo. // Ana Germade

As páxinas destas Crónicas do Teatro conteñen referencias ao contexto social e político do momento no que se desenvolveron as diferentes montaxes, como a ditadura de Franco ou o desastre do Prestige? Todo isto e moito máis está impreso nas páxinas dominicais do Faro Edición Morrazo que moi xenerosamente, a súa responsable, Cristina González, ofreceu cando lle comentei a proposta.

Mais na documentación recollida na letra impresa latexan outras cuestións que ben poden deducirse e ser materia de estudos posteriores. Por exemplo, a utilización da lingua galega en todas as representacións a partir dos anos setenta, a presenza das mulleres no teatro realizado pola Asociación de Mulleres de Moaña ou mesmo indagar que autoras e autores de pezas representadas polos diferentes grupos de teatro foron traducidas ao galego e por quen?. Quedan pois abertas, cos ingredentes aportados nestas Crónicas, moitas formas de cociñar o teatro que se fixo e fai no Morrazo. Unha comarca, como xa sinalamos nos primeiros capítulos, na que a dedicación as artes escénicas desde o teatro amador ao teatro profesional e a existencia de Mostras e festivais é moi singular dentro de Galicia e mesmo dentro do Estado Español. E falando de Mostras, non sería desexable a organización dunha Mostra Internacional de Teatro para a Infancia e a Mocidade? Os vimbios están aí.

E se nos metemos dentro das abundantes fotografías reproducidas en cada entrega poderemos imaxinar preguntas como por exemplo: que relación humana se estabeleceu entre as actrices e os actores do grupo ou compañía, que vida había entre caixas, como foi a dirección do espectáculo, que metodoloxía foi seguida para a construción dos personaxes, como se realizou a escenografía, e as luces, e a música? etc, etc. Todo un mundo.

Polo demais ao ler as Crónicas un atópase con iniciativas moi interesantes que quedaron esquecidas e que valería a pena, coido, de retomar: o ciclo de "teatro lido"en cafeterías -por citar un exemplo- no que ademais da difusión da dramaturxia favorecíase, entre outros obxectivos, a comunicación entre a xente do teatro escolar, afeccionado e profesional ou os pasarrúas cos cabezudos e música no Revoltallo en Pedra?

Velaquí a necesidade da documentación que é moitísimo máis que un inventario de nomes de actrices, autores, títulos de obras ou espazos de representación?Que tamén, claro.

Súmome pois a reivindicación por recuperar a existencia dun Centro de Documentación Local no que ademais das artes escénicas fosen arquivándose, por suposto, a tradición dos carnavais, dos grupos folclóricos, de jazz, do cineclube, de cantos de taberna, de música rock e tantas manifestacións artísticas propias de Cangas e do Morrazo. Neste sentido chapeau para o traballo arquivístico que desenvolve a Asociación A Cepa. Mais cómpre que a recuperación da memoria dun pobo sexa un obxectivo importante do Concello.

O inxente labor que supuxo a elaboración das Crónicas do Teatro no Morrazo só foi posible ao traballo dun equipo formado por 18 persoas, incluída a que subscribe e que realizou a función de coordinador. Esta circunstancia serviu para establecer con esas persoas novas e enriquecedoras relacións. As colaboradoras e colaboradores foron: Susana Arizaga, Xurxo G. Avendaño, Sergio Casás, Arturo S. Cidrás, Diego Chapela, Xerardo Dasairas, Rosa E. Gantes, Guiomar López, María Elvira Millán, Paloma Pérez, Manuel Pérez Rúa, Pedro Pablo Riobó, Xoán Carlos Riobó, Daniel A. Rodríguez, Héctor M. Silveiro, Xosé Carlos Villaverde e a xente de Moito Morro Teatro.

A todas moitas grazas.

E tamén a todos os grupos e compañías de teatro da comarca que facilitaron fotografías, programas de man e información oral sobre a súa actividade.

Podían elaborarse mellor estas Crónicas? Sen dúbida. Hai algún erro e carencias salientables como a ausencia do Concello de Vilaboa onde non foi posible acadar información ou a falla de datos sobre os Festivais de Rúa organizados en Marín, mais neste caso non foi posible consultar a documentación no Ateneo Santa Cecilia por estar en obras. E foi mágoa que non houbese máis aportacións ou suxerencias dos lectores no correo electrónico que aparecía en cada capítulo. Para completar a información sobre Bueu pode consultarse o blog de Arturo Cidrás: acidras.blogspot.com.es. Todas as Crónicas publicadas están en: https://www.facebook.com/media/set/?set=a.1181919848517639.1073741852.100000989058585&type=3.

Todo é mellorable. E oxalá alguén poida completar e corrixir o que nós fixemos.

Viva o Teatro!

Compartir el artículo

stats