Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

85 anos da Escola Elemental de Pesca de Cangas (I)

Este centro, o primeiro destas características que se puxo en marcha en España, inaugurouse o día de San Xosé do ano 1933

Clase práctica de primeiros auxilios co doutor Etcheverri. // Arquivo autor

A referencia máis próxima a unha escola especializada en temas do mar témolo na creación da "Escuela de Náutica de Vigo" por un Real Decreto de 1915. Porén, coa chegada da ditadura do xeneral Primo de Rivera, esta escola sería clausurada ao remate do curso no ano 1924. Desde numerosas instancias particulares, desde o Concello e mesmo coa oferta de dar as clases gartuitamente, Vigo tentou que non se consumase o peche dunha escola da que fora alumno o mesmo poeta vangardista Manuel Antonio, o autor do coñecido libro "De catro a catro". Debido ás presións procedentes de Vigo, o ministro prometeulles a creación na cidade dunha Escola de Pesca que sería a primeira de España pero como bo político que era, resultou que o devandito centro de ensino pesqueiro non só non se crearía no seu mandado senón que, anos despois, xa baixo o rexime republicano, había ser Cangas quen o acollese. E deste xeito, Vigo, o gran porto pesqueiro, tería que agardar ata o 15 de novembro de 1942 para contar cunha "Escuela Media de Pesca", que apenas cubría a gran demanda educativa neste eido do mar. Non sería logo ata 1970 cando en tempos do alcalde Antonio Ramilo e da man do ditador Franco, se inaugurase a Escola Naútico-Pesquera de estudos superiores ubicada na avenida de Orillamar.

A escola de Cangas

O gran impulsor dos pósitos, Alfredo Saralegui, incrementaría desde 1927 a acción destes, mediante a creación de escolas de Orientación Marítima e Pesca coa súa correspondente dotación e incorporando ao seu profesorado ao funcionariado do Maxisterio. O primeiro paso para creación da Escola de Pesca xa se dera o 29 de decembro de 1930 cando o Pósito propuxo poñela en marcha contando co apoio decidido do concelleiro socialista Lorenzo Corbacho e demandando a solicitude de subvencións da Deputación, Ministerio de Instrucción Pública, Instituto Social da Mariña e o Concello. Mais, había ser a chegada a Cangas do mestre Felipe Carnicer López en 1930, que xa exercera nos pósitos de Mañón e Viveiro, a sua designación por Saralegui, o seu persoal interese e curriculo docente e o axeitado do lugar ["es el pueblo que tiene más marineros de España"] o que faría posible que esta escola con este nome e ensino, se abrise na nosa vila.

Foi un domingo 19 de marzo de 1933 cando se inaugurase en Cangas esta escola profesional de pesca e segundo fixeron constar na inauguración, tanto o gobernador civil como Alfredo Saralegui, a primeira de España deste tipo.

Aquel día, domingo, o acto tiña convocado un numeroso xentío chegado de todas partes da contorna e tamén ao gobernador civil da provincia, ao inspector de primeiro ensino, ás autoridades locais e ao coñecido José Costa, inspector do Instituto Social de la Marina (ISM) e presidente do Pósito de Moaña e da Federación de Pósitos de Galicia. A banda de música municipal amenizou o acto de presentación das autoridades e deseguida marcharon ao local da patronal pesqueira onde realizaron un almorzo no que non faltaron os discursos aos postres, momento en que chegou o mariño e sociólogo Alfredo Saralegui que viña desde Madrid.

Logo procederon a trasladarse á Escola de Orientación Marítima para inaugurar a Escola de Pesca, ubicada nas suas instalacións. Novos discursos de louvanza aos mestres (inicialmente tres) e arengas aos nenos do Pósito infantil que asistían coa sua bandeira. Logo trasladáronse á rua do Muelle que desde ese momento pasaría a designarse como Alfredo Saralegui cuxo nome figuraba nunha placa de mármore da que se prometeu que pronto sería de bronce. O rótulo foi descuberto polo gobernador civil ao que seguiron os discursos do mestre Modesto Novelle, que xustificaría este acordo municipal e de Costas no nome do ISM. A seguir houbo festa no recheo amenizada pola banda... as autoridades retiráronse e Saralegui marchou con Costas para Moaña de onde voltaría para Madrid.

Cabe dicir que ao remate do primeiro curso da Escola de Pesca, en abril de 1934, chamaría a atención de distintos medios de prensa estatais pois o balance non podía ser máis positivo xa que lle deu formación a 45 alumnos entre 16 e 35 anos que recibiran ensinanzas de patrón, fogoneiro habilitado e motorista sendo a primeira vez que se facía este tipo de ensinanza con prácticas en senllos pesqueiros a vapor e motor de explosión. Como colofón deste curso, Felipe Carnicer convidaría a profesores, alumnos e achegados, a unha merenda en San Simón pois partiría de Cangas cara un novo destino na Coruña a onde levaría tamén a redacción da revista "España Marítima y Pesquera". Mais o proxecto continuaría atendido polo equipo docente integrado tamén por Gerardo Amado, José Azpeitia, Víctor Sánchez, o médico Jorge Etcheverri... ata o dramático final da xeira republicana.

Co levantamento militar do 1936, moitos mestres foron asasinados ou depurados nun proceso levado a cabo por tribunais específicos para os corpos de ensino. Felipe Carnicer exercía nestas datas na Escola de Silva de Abaixo na Coruña e para tentar contrarrestar ou desmontar as acusacións contra el declararía que a sua principal teima era loitar contra o marxismo e o anarquismo que se estaban a promocionar nas vilas mariñeiras e obreiras.

Frente ao tribunal, Carnicer faría as seguintes declaracións: "He de hacer constar que, -sin duda por omisión involuntaria de esa Comisión Depuradora- que soy Maestro de Orientación Marítima y Pesquera... Los Pósitos Marítimos,entidades estatales,creadas por la Dictadura para contrarrestar el avance social-marxista del proletariado por una parte,y la explotación del capitalismo por otra,han tenido siempre como enemigos a éstos,por considerar a dichas instituciones eminentemente comunistas, y, contrariamente a aquellos,porque veían en esta santa obra un refugio de "esquiroles" y de contrarrevolucionarios según se recoge en el documento nº 66 que aporto. En 1934 se nos llamaba ya fascistas, según puede verse en el documento 66 citado... El Sr. Saralegui, en vista de mis ejercicios en dichos cursillos de intenso trabajo,me aconsejó solicitase Cangas,por cuanto precisaba de un hombre como yo para poder redimir al puerto con mas pescadores de España de la explotación e ignorancia en que estaba sumido. Del mismo modo que Mussolini comprendió claramente que el éxito del Fascismo estriba en redimir a aquellas masas y volverlas al cauce religioso y patriótico... mi ideal era ese; acompañando de palabras y obras, procurando imitar y secundar a tan gran "conductor", orientando y guiando a las gentes de Cangas por la senda de la razón, de la justicia social, que hoy, lo mismo que entonces, nos está encomendada, no en vano era mi amigo en Cangas el Cónsul italiano en Vigo [o conserveiro Guido Paganini],con cuyas propagandas fascistas coincidía mi labor de Maestro de Orientación Marítima y Asesor General del Pósito".

Non chegamos a coñecer cal foi a resolución do Comité de Depuración pero con estas declaracións, de seguro que Carnicer non sería dos que sairon peor parados desta sistemática criba ideolóxica. Boa proba disto é que en febreiro de 1954 Carnicer é ascendido á terceira categoría no escalafón cun importante aumento de soldo.

*Historiador e investigador

Compartir el artículo

stats