María Salgueiro (Moaña, 1967)

Contamos aquí, nunha das crónicas referidas a Teatro Aurin, como María Salgueiro iniciara a súa carreira profesional en PINNIC, un programa infantil de televisión realizado en Barcelona. Cunha longa traxectoria no audiovisual, un trazo común ao grupo de profesionais aos que nos imos referir hoxe, a actriz moañesa conta no seu haber cunha serie de traballos para o teatro que comezan en Madrid co personaxe de Angélica en "El enfermo imaginario" (1998), de Teatro de la Danza de Madrid, ao que seguiron "La visita de la vieja Dama" (2001), co Centro Dramático Nacional, "Horáculo a medias" (2003), unha produción de Baraka Teatro dirixida por Ángel Velasco e Misiles melódicos (2004), unha coprodución do Centro Dramático de Aragón, CDG e Teatro Español de Madrid. Tras o seu regreso definitivo a Galicia para participar na serie de televisión A vida por diante (2006) continúa con traballos en "Salomé" (2010) do CDG, interpretando a Herodias e, no que significa a súa volta ao Morrazo, "American Café" (2011), de Teatro do Morcego. Logo veñen "Degoiro" (2012), coa compañía Arela das Artes e os espectáculos de Microteatro por casa "A coincidencia cósmica" (2013) e "Paus de cego" (2013), aos que seguen os de Bértola Teatro Desmontable "O que ten cu ten medo" (2014) e "O cataclismo" (2014). En 2014 volve traballar baixo a dirección de Salvador del Río en "O Ogrocho", de Teatro de Ningures. Na actualidade alterna os seus habituais traballos no audiovisual (Serramoura, Vis a vis, Cuéntame...) coa dirección do recentemente creado grupo de teatro da asociación Charaviscas de Domaio.

Marcos Viéitez (Moaña,1967)

O camiño de Marcos Viéitez vai de dentro a fóra. A súa carreira profesional comeza en Teatro de Ningures con "María Soliña" (1998), "Electra" (1991) e xa neste ano "O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca", versión de Ricard Salvat da obra de Álvaro Cunqueiro, que será a primeira da súa longa colaboración co CDG, que continuará con "A lagarada" (1992), "A fiestra valdeira" (1994), "Como en Irlanda" (1996), "Lisístrata, ou cando as mulleres reviraron" (1997), "O bufón de El Rei" (1997) e "Memoria de Antígona" (1998), con directores como Pere Planella, Xulio Lago, Quico Cadaval, Eduardo Alonso, Manuel Guede e Guillermo Heras. En 1999 chega un dos seus máis afamados traballos co CDG, trátase de "Lugar", de Raúl Dans, dirixido por Antonio F. Simón, ao que hai que sumar unha morea de boas faenas como "O colaborador" (2002), "O ano do cometa" (2004), "As actas escuras" (2010) e "Longa viaxe cara á noite" (2014). Outros traballos con outras compañías son "Coca, a volta da besta" (Tanxarina, 1989) e "Xogos á hora da sesta" (Teatro do Malbarate, 1991). Especial significación teñen tamén as súas interpretacións para Teatro do Atlántico, baixo a dirección de Xulio Lago, que comezan en 1995 con "Tolos de amor", de Sam Shepard, á que seguen "Casa de bonecas" (1995), "A raiña da beleza de Leenane" (2006), "A charca inútil" (2013) e "O Principio de Arquímedes", (2015). Marcos Viéitez é un actor con moita presenza na televisión e no cine galego en títulos como "As leis de Celavella", "Matalobos", "Fuxidos", "Ilegal" e "Heroína".

Miguel Ángel Blanco (Cangas,1973)

O caso de Miguel Ángel Blanco (Mighelo Blanco) é algo singular. Con 27 anos trasládase a Madrid, para exercer de enxeñeiro informático e empeza a estudar interpretación como unha actividade que compaxinaba co traballo. Un día camiñando paseniño por unha rúa de Madrid, detívose, ficou parado un bo anaco e nese momento decidiu deixar a informática cambiando así o rumbo da súa vida. En Madrid participa nos seguintes espectáculos: "La llamada de Lauren?" de Paloma Pedrero (2001), "La supermega odisea de Ulises", de Félix Belencoso, (Lakalaka Teatro, 2003) e "El alma buena de Sezuán" de Bertolt Brecht, dirixido por J.L. Santar (2002). Xa en Galicia participa en "Evita, Eva Perón" de Roberto Cordovani e Eisenhower Moreno (2006) e dirixido por Antón Ferrari presenta en 2008 "Novecento", un notable monólogo que lle daría certa visibilidade no panorama teatral galego, ao que seguen "Ifixenia en Áulide", dirixido por Charo Amador (2008) e a peza de Microteatro por casa "A terapia exposta" (2012) . Desde entón participa en moitas series de televisión, chegando ao protagonismo en "Serramoura". En 2016, novamente en Madrid, participa en dúas zarzuelas do INAEM "El Imposible mayor en amor, le vence amor" e "La Guerra de los gigantes".

Poderiamos incluír nese apartado a outros actores como Fran Paredes, tamén cunha ampla traxectoria no audiovisual pero, salvo a súa participación nalgunhas producións foráneas como "Ego" (Lakomtal Teatre e Pinga Teatro, 2014) e "Lavar, marcar e enterrar" (Contarte, 2015), o seu labor sempre estivo moi ligado ao Morrazo, tanto na dirección de grupos amadores e escolares, como Triatreros ou Comediantes Anónimos, como na súa habitual presenza nas producións de Teatro de Ningures e Teatro do Morcego. En igual situación se encontran profesionais como Casilda Alfaro, Salva del Río, Sonia Rúa, Pepa Barreiro e Lois Soaxe, así como o propio Celso Parada. Todas e todos eles merecerían con xustiza unha páxina de seu.

Santiago Cortegoso (Moaña, 1974)

Como no caso de Marcos Viéitez a súa carreira profesional comeza no Morrazo, sobre todo a súa carreira como actor. Pero desde que comeza a desempeñar a escrita teatral e, aínda máis, a partir da creación xunto coa súa compañeira Marián Bañobre de Ibuprofeno Teatro todo mudará, o actor deixará paso ao dramaturgo e ao director de escena, o Morrazo á Galicia enteira. Desde 2002 ("A balada do cárcere de Circe" até 2010 ("Eclipses") exerce de codirector da Aula de Teatro da Universidade de Vigo (Campus Pontevedra). Nestes anos combina os seus traballos interpretativos con Teatro de Ningures e Teatro do Morcego con outros para compañías como Balea Branca Producións ("Un tranvía de nome desexo", 2004), Nove Dous Teatro ("Fóra de xogo", 2007), e A Factoría Teatro-Disque Danza ("Crónicas de días enteiros, de noites enteiras", 2008). Desde 2006 a 2009 participa nos Obradoiros de escrita no CDG., coordinados por Cándido Pazó con profesores como Enzo Cormann, Elyse Dogdson, Yolanda Pallín, Paco Zarzoso, Patrick Lerch, Abel Neves, Jacinto Lucas Pires, Antonio Onetti, Maxi Rodríguez, Angélica Liddel, etc..., froito dos cales nacen as súas primeiras obras escritas como "Visión nocturna" (2007) ou "Hámster" (2008) (RGT nº 60), estreado pola Sala Triángulo de Madrid en 2009. A estes textos seguirán outros cuxo recoñecemento en premios e na escena colocarán ao dramaturgo de Domaio entre as voces máis notorias da súa xeración: "0'7% molotov" (premio Rafael Dieste 2009, finalista nos premios Max 2012 ao mellor autor galego e nominado nos premios María Casares 2012 ao mellor texto orixinal), "A filla de Woody Allen" (finalista nos premios Max 2012 a mellor autor galego), "Pequenos actos pseudorrevolucionarios". (co que consegue o premio María Casares 2013 ao mellor texto orixinal), "Smoke on the water" (premio Xosé Varela Buxán 2013, do concello da Estrada), "Raclette" (premio Álvaro Cunqueiro 2014) e "O furancho" (nominado nos Premios María Casares 2016 ao mellor texto orixinal). Coa súa compañía Ibuprofeno Teatro dirixirá moitos destes textos como "A filla de Woody Allen" (2010), "Pequenos actos pseudorrevolucionarios" (2012), "Fitness" (2013), "O furancho" (2015), a aclamada "Raclette" (2016) e "Casa O'Rei" (2018).

Vanesa Sotelo (Cangas,1981)

A actriz, directora, dramaturga e directora da erregueté Vanesa Sotelo goza dunha estimada traxectoria fóra da nosa bisbarra coa que, aínda así, sempre a une o seu labor co teatro escolar (IES As Barxas de Moaña) entre outros múltiples lazos. Licenciada en Dirección de escena pola ESAD de Galicia, en 2008 entra como dramaturga residente no Centro Dramático Galego xunto a Rubén Ruibal e Jacobo Paz, cos que escribe "Estigma" e ao ano seguinte volve para participar con Eva F. Ferreira e Gena Baamonde como artista residente. De 2010 é o seu primeiro premio como dramaturga ao gañar o Premio do Xurado do IV Certamen "Diario Cultural" de Teatro Radiofónio con "Indoor" ao que seguen o XIII Premio Josep Robrenyo por "Memoria do incendio" e, en 2011, o VI Premio Abrente de Textos Teatrais por "Campo de covardes". En 2014 é seleccionada para participar no III Programa de Desarrollo de Dramaturgias Actuales do INAEM con "Nome:Bonita" e en 2014 forma parte do proxecto dramatúrxico internacional 365 Women a Year con "O retrato da sibila". Outras obras súas publicadas son "Timisoara" (en Novos Autores II, Laiovento, 2009), "Elsa" (en Estigma de VV.AA, Laiovento, 2009), "Expostas" (Co-escrita con Teté García, Marta Pérez e Rosa Puga, RGT nº66), "Eurívoros" (en Banqueiros, de VV.AA, Edicións Laiovento, 2012) e Delicada (en Micropezas de VV.AA, na Revista Galega de Teatro nº 76, 2013). Como actriz traballa coa compañía francesa Amphi-Téâtre, con Teatro no Aramio e en 2009 comeza a colaborar con Inversa Teatro, compañía que estrea "Expostas" en 2009 e "Kamouraska" (2010).

As novas xeracións cruzan a diario a ría para estudar interpretación, dramaturxia, dirección de escena ou escenografía na ESAD de Galicia. Son mozos e mozas do Morrazo que dentro de pouco se unirán aos que agora mesmo se están abrindo camiño no audiovisual e na escena en Galicia, en Madrid, en Londres... onde cadre. Todas e todos eles serán os protagonistas das artes escénicas no futuro e haberá que dedicarlles artigos e crónicas coma estas, daquela.