Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Arte galega para os traballadores de Ascón

A mestra Elisa de la Peña lembra as subastas de obras de grandes pintores para axudar á plantilla, ao cumprirse 40 anos da iniciativa

Elisa de la Peña, unha das promotoras daquela iniciativa solidaria. // Diego Seixo

Desde setembro de 1974 estaba traballando como mestra no Grupo Escolar de Quintela, construído no ano 1912 e hoxe alberga a Biblioteca Municipal de Moaña e o Centro Cultural Daniel Castelao. O meu home, Manuel Anxo Méndez Fraguas, estaba destinado no colexio de Reibón. Xunto con outros compañeiros e compañeiras decatámonos do gran problema que supoñía para moitos dos nosos alumnos e alumnas a situación de paro que afectaba ás familias dos traballadores do estaleiro de ASCÓN desde o mes de febreiro de 1978. Eramos conscientes das carencias económicas que conlevaba aquela situación sen cobrar nada da empresa e dos esforzos que o Comité de Empresa facía para paliar e dar a coñecer a gran loita que levaban a cabo, como a creación dun Economato de alimentos para todas as familias.

Un día, un grupo de amigos xuntámonos para ver de que maneira se podía colaborar, e entre eles estaban os traballadores de ASCÓN Miguel Costa "Lito", Jesús Rúa "Meirán", nós e o gran pintor de Marín Antón Sobral. Pensamos en facer unha mostra de obras de arte donadas por pintores e escultores galegos para logo realizar unha subasta e destinar totalmente os cartos que se recadasen para os traballadores de ASCÓN.

O traballo impagábel de Antón Sobral púxonos en contacto con moitos artistas e eu lembrei que unha antiga compañeira de colexio, Cristina Barreras, licenciada en Historia da Arte, traballaba na sala de exposicións Van Gogh, nas galerías da rúa Urzáiz de Vigo. Falei con ela para que me presentase ao seu xefe e a nosa grande sorpresa foi a boa acollida que tivo a nosa idea. Cedíanos a sala de balde os días 22, 23 e 24 de maio de 1978 e comprometeuse a axudarnos.

Creado, pois, este Comité de Axuda ós Traballadores de ASCÓN, polas persoas anteriormente citadas, comezamos a elaborar un listado de artistas plásticos de Galicia que Antón Sobral coñecía para solicitarlle unha obra a cada un deles. Todos os artistas acolleron a iniciativa favorablemente porque o problema de ASCÓN era ben coñecido pola opinión pública. Estamos a falar de grandes pintores galegos como Laxeiro, Xavier Pousa, Heredero, Ánxel Huete, Prego, Raimundo Patiño, Portas Leirado, Abreu Bastos, Eira-Vella, Leopoldo Fernández Varela, Castro Couso, Ana María Paxarín, Pedro Solveira, Manolo Ruibal, Morquecho, Kukas, Chapela, Ángeles Iglesias, Monroy María C. Valcárcel, A. Freire Portas, Gerardo Pacheco, Pérez Bellas, Zacarías Castro, Xosé Eirín, Paisa Gil, Antón Quesada, Lodeiro, Rafael Alonso, Arturo Cifuentes, Sucasas, Castro Gil, Antón Patiño, Manuel Uhía, Vidal Souto, Goyanes, Virxilio, Moldes, Xaime Quessada, Rivas Briones, María Antonia Dans, Mantecón, Siro López, Aramburu, o escultor Buciños e moitos máis ata pasar das cen obras que fomos recollendo casa por casa dos pintores.

Cada artista propoñía o prezo de saída na subasta da súa obra e nós garantizámoslle a súa devolución no caso das obras que non se vendesen.

Cultura e solidariedade

No catálogo da Subasta de Vigo realizada na sala Van Gogh aparece un texto de Antón Sobral que se reproduce aquí :

" CULTURA, ARTE E SOLIDARIEDADE

A CULTURA dun xeito antropolóxico defínese como CONXUNTO DE RESPOSTAS COLECTIVAS ÁS NECESIDADES VITAIS.

É mesmamente así, como RESPOSTA SOLIDARIA como entendemos O FEITO ARTÍSTICO. Solidario na RESISTENCIA, namentras non se atopa solución ao conflito que mantén ós traballadores de ASCÓN na rúa.

A CULTURA GALEGA atópase nunha situación semellante, de RESISTENCIA, a pesares dos progresos nos derradeiros anos, na PERCURA da súa IDENTIDADE. É precisamente esta INTERACIÓN DIRECTA DE GRUPOS HUMANOS (Traballadores da arte e Traballadores de ASCÓN) a que LEXITIMIZA a autenticidade dunha cultura ao servicio do pobo que a desenrola".

Antón Sobral

Do resultado desta poxa demos conta nunha nota informativa emitida polo Comité de Axuda a ASCÓN:

"1.100.000 PESETAS RECADADAS NA SUBASTA DE PINTURA CELEBRADA O PASADO DÍA 24 EN VIGO, A BENEFICIO DOS TRABALLADORES DE ASCÓN.

Dun total de 108 cadros dos pintores galegos que se expuxeron en Vigo na SUBASTA PRO-ASCÓN, foron vendidos 64 nun valor de algo máis dun millón de pesetas.

O sábado, día 27, estará aberta a MOSTRA dos restantes na sala Van Gogh de Vigo de 12 a 13 h. e de 7 a 9 da tarde. A esas horas poderán ser adquiridos nos prezos de saída.

O COMITÉ DE AXUDA A ASCÓN agradece ós pintores e pintoras a donación das obras, ao público que masivamente visitou a Mostra e participou na subasta e tamén a todas as persoas que colaboraron na montaxe dun xeito totalmente desinteresado".

Ao mesmo tempo remitiuse unha carta a cada artista informándoo de que se vendera a súa obra a tal persoa, co seu enderezo particular, en tantos cartos, etc. para que eles soubesen onde estaba o seu cadro. Na mesma carta facíase referencia a que, como quedaran sen vender 44 obras, decidimos facer unha nova exposición e subasta en Santiago no mes seguinte.

100 artistas galegos nunha nova exposición e subasta en Santiago.

Organizamos, pois como se ve reflectido no segundo catálogo, outra nova mostra na galería Torques de Santiago entre os días 17 e 20 de xuño daquel ano 1978 e a posterior poxa dos cadros o día 22 de xuño na Aula de Cultura da Caixa de Aforros de Santiago. Previamente volvemos a recoller obras que moitos artistas donaron por segunda vez, recollemos outras de pintores que non estaban na primeira relación e chegamos a xuntar outras cen obras.

Para este segundo catálogo, ademais do texto de Antón Sobral solicitámoslle persoalmente a Ramón Piñeiro, ilustre galeguista, que nos escribira unhas liñas sobre a solidariedade dos artistas cos traballadores de ASCÓN [que aparecen recadradas neste trabalo], e a verdade é que son unhas palabras ben fermosas lidas tanto tempo despois, escritas por el mesmo na súa célebre "mesa camilla" en Santiago.

Para Moaña e Vigo

Non chegamos a facer tantos cartos como na de Vigo, pero resultou ben. En total puideron repartirse uns dous millóns de pesetas para que os Comités de Empresa de ASCÓN, tanto da factoría de Meira, en Moaña, como a de Ríos, na beira de Vigo, puideran seguir mercando alimentos para repartir entre as familias dos traballadores. Como no comité organizador eramos todas e todos de Moaña, os de Vigo pensaban que traballabamos para a zona moañesa, e cando se dixo que se repartiría ao 50% non o podían crer de tan contentos que se puxeron.

O Comité de Axuda a ASCÓN editou tamén pegatinas, ademais dos catálogos das exposicións, e todos quedamos moi satisfeitos co labor realizado. Pouco tempo despois Camilo Nogueira entregou un millón de pesetas para esta causa da indemnización que recibira por un despido improcedente sucedido no 1972 cando traballaba como enxeñeiro na Citroën e se solidarizou cos obreiros da factoría.

Hoxe, cuarenta anos despois, falei con todos eles e lembramos con agarimo aquel acto solidario. Manuel Currás "Meiriña", membro do comité de empresa naquela época recoñeceunos que foi unha axuda extraordinaria para todas as familias e agradeceu unha vez vez máis aquela iniciativa dicíndonos unha vez máis que sen este grupo organizador non sería posíbel facelo.

*Traballou de mestra en Quintela, Abelendo e no IES A Paralaia impartindo clases aos adultos. No seu tempo libre impartíu clases de inglés, de cultura xeral e autoestima dunha maneira altruista na Asociación de Mulleres de Moaña.

Compartir el artículo

stats