Ao longo destes días a Concellería de Servizos de Bueu acelerou os traballos para acondicionar os arredores do recinto da festa, na explanada da Casa da Aldea, e os accesos aos muíños da Presa, Santos e Vilas, no Canudo. As actividades na carpa situada no recinto de A Morada arrancan a partir das 11.30 horas de mañá, coa apertura da Ecotaberna.

Ás 12.00 horas haberá un roteiro ambiental para coñecer as plantas e árbores da contorna, que estará guiado polo enxeñeiro forestal e paisaxista Gaspar Bernárdez, mentras que ás 14.00 horas será o turno dos gaiteiros Seicachove. Pola tarde, a programación arrancará cun obradoiro de encaixe de horquilla, con Fina Carrillo, da Academia Agulla e Pincel (16 h); e outro para a elaboración de crema de caléndula e hipérico (17 h), a cargo da fisioterapeuta e naturópata Siegrun Bischof. Logo virán dúas charlas: a primeira (ás 19 h) acerca dos morcegos no Morrazo, con David Álvarez, das asociacións Drosera e Anduriña; e a segunda sobre a loita contra a velutina, que contará coa presenza do delegado da Asociación Galega de Apicultura (AGA) no Morrazo, Chema Bello. Incluirá ademais un obradoiro e degustación de produtos feitos con mel. Ás 20.00 horas haberá unha degustación do mirabel do Rosal e ás 21.00 horas a actuación de Virandeira Folk.

O domingo ao mediodía o historiador Xavier Castro ofrecerá unha charla titulada "Álvaro Cunqueiro, millo e cultura do viño". A partir das 13.00 horas haberá un obradoiro para a elaboración de zume verde de plantas silvestres, ao que seguirá a actuación das pandereteiras Novas Amistades. Ás 16.00 horas será o Convivium Galicia Litoral e o obradoiro de cociña cos produtos da Arca do Gusto. A programación complétase cun obradoiro de lácteos, outro sobre o tinguido e fiado de lá e unha charla titulada "Y se hizo la luz. El maíz como eje de la cultura mesoamericana", c un obradoiro de cociña de tortitas mexicanas.

A música de Pédêpotè pechará a edición deste ano.