Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Grandes gaiteiros no Entroido do Hío

A poucos días de que comecen as festas do carnaval, Anxo Coya fai un repaso ao protagonismo da gaita e dos gaiteiros nas celebracións populares da parroquia

Airiños do Monte, comparsa de Vilariño, cara 1960.

A Anxo Gago Vaqueiro, Lito, pola súa enorme dedicación á transmisión da música tradicional galega.

A José Lemos Sotelo, presidente que foi da aldea de Vilanova, aos seus 93 anos.

Esta pequena colaboración pretende amosar o respecto polos gaiteiros que amenizan calquera tipo de festividade. Aqueles que foron, son e serán gaiteiros da nosa terra e tamén aqueles outros que, emigrando a terras alleas, levaron gravado na disco duro da súa memoria a melodía do seu instrumento.

Tempo de comer orellas acompañadas dun bo viño tinto. Achégase o carnaval e este é un dos vivas que podemos escoitar na parroquia do Hío: Vivan os ghaiteiros de tódas as comparsas!!, protocolo que se leva a cabo nesta parroquia dende hai moitos anos.

Os presidentes/as de cada comparsa, coa axuda dos veciños/as, recadan cartos cada quen da súa maneira: rifas, cotas dos que desexan participar ou dos que deciden incrementar a contía voluntariamente, seráns, etc. Constrúense os palcos de fóra, os de dentro do baile, os arcos ou estradas, contrátanse aos gaiteiros, asisten a reunións e un longo etc. Son os que antes se levantan e os que máis tarde se deitan, os que mandan abrir ás comparsas, os que dan paso de vez en cando aos autos, os que fan as reverencias recíprocamente entre cada comparsa e os que dan os vivas na rolda do baile de fóra e de dentro. Eles/as fan un traballo escuro que debe ser respectado.

As sete aldeas do Hío xúntanse percorrendo cada unha delas durante dous días: o luns e martes de carnaval. O domingo anterior celebran, coa chegada dos gaiteiros a cada aldea, pasarrúas e cantigas nas tabernas e locais que se adobían para que rapaces, mozos e non tan mozos, movan o esquelete ao son das gaitas, caixa e bombo.

Non contamos con referencia escrita de certa antigüidade acerca do carnaval que se celebra na parroquia do Hío, tan só os veciños máis lonxevos poden achegar datos e anécdotas desta celebración. Porén, sabemos pola prensa da época, que no ano 1928 aconteceu un suceso lutuoso durante as datas nas que tiña lugar o carnaval. Segundo a información fornecida por distintos xornais, isto ocorreu na aldea de Nerga despois de que a vítima, un rapaz de 19 anos, chamado José Benigno Pérez Sotelo (a) "Mangona", saíse dun baile en compaña doutras persoas. O seu cadáver apareceu á mañá seguinte no lugar denominado O Canizo.

Pola información oral recollida, coñecemos que antigamente a comparsa de Vilanova saía ata chegar aos lugares de Piñeiro e Gandón, na veciña parroquia de Aldán. Despois puñan rumbo a Darbo para finalizar recolléndose cada comparsa no seu lugar. Os de Darbo achegábanse ata Nerga e alí tocaban e bailaban ata o anoitecer. Contan que antigamente no Xogo da Bola de Nerga, onde segue a celebrarse o carnaval hoxe en día e onde tocan os gaiteiros de cada unha das sete aldeas, reuníanse os veteranos para, aguzando o sistema auditivo e visual, designar aos mellores gaiteiros da parroquia despois de analizar as críticas, defectos ou virtudes dos músicos de cada unha das aldeas do Hío. Era algo a nivel popular, sen ningún tipo de premio.

Algúns datos de interese:

En Vilanova estivo na presidencia no 1947 o veciño José Sotelo (José o da Costa), e tocaron Os Tolíns de Cabral. De 1950 a 1952 ocupou este cargo Avelino Otero García (Avelino do quinteiro de abaixo) e actuaron os mesmos gaiteiros. De 1954 á 1956 foi o presidente José Lemos Sotelo, que na actualidade contará con 93 anos o vindeiro 5 de febreiro. Durante eses anos Os Tolíns trocan o nome e pasan a chamarse Os Alegres de Cabral. En 1957 colle o cargo Justo Lorenzo Otero e en 1964 pasa a mans de José Solla González coa contratación de Os Carballeiras de Barrantes, e continuaría como presidente José Antonio Sotelo no 65/66.

Segundo a información proporcionada polo gaiteiro José Gutiérrez (José da Chamiçeira) o 26/03/2005, nunha enquisa feita xunto a Alex Sotelo e Carlos Piñeiro, recollemos os seguintes datos sobre este coarteto: o grupo local Os Airiños do Mar fórmase no 1945. Formaban parte do mesmo: José Gutiérrez (gaita), Eduardo Menduíña (gaita), Feliciano Otero (tambor), Ramón García (bombo). Eran popularmente coñecidos como Os Atrevidos debido a súa valentía por tocar nunha época tan dura como foi a posguerra. Tocan na comparsa de Nerga de 1946 ata 1948. En 1949 fanno no Igrexario e dende 1950 ata 1952 son contratados pola aldea de Liméns. Voltan tocar no Igrexario dende 1953 ata o 1983, agás un ano por motivos laborais de gaiteiro Eduardo quen estivo traballando de mariñeiro. Debeu ser polo ano 1970 cando esta aldea chama a tocar a Os Areeiras de Catoira.

Aquí amosamos a información oral que conseguimos da aldea de Vilariño. Antes de 1945 tocaron Os Airiños do Monte Castelo de Darbo. A partir deste ano actuou o grupo Airiños da Nogueira que trocarían o nome ao seguinte ano chamándose Os Airiños do Parque Castrelos que perduraron ata o ano 1952 nesta aldea. No ano 1968/69, tocaron, na aldea do gato metido no saco, Os Cuncheiros do Casal (Lavadores). Posteriormente, despois de que o estimado Lucho Solla fundara xunto ao mestre Enrique Otero o grupo Airiños Galegos de San Paio, tocou xa nos anos 72/73 este conxunto formado por: Lucho Solla (gaita), Antonio Iglesias Román (antigo membro dos Pichoucos), Narciso Sotelino (tambor), Mauro Román (bombo) e Pepe Iglesias "Melitón" (famoso pandereteiro en toda Galicia).

A comparsa de Pinténs estivo acompañada polos magníficos gaiteiros Os Morenos de Lavadores dende 1945 ata 1956. Na aldea de Nerga tocaron durante varias tempadas Os Parrulos de Cabral, grupo composto por Victor Garrido Bouza (tambor), o seu irmán Francisco (gaita), Pinocho (gaita) e Alfredo (bombo). Foi no ano 1957 cando os veciños de Donón se uniron á esta romaría de comparsas. E fixéronno coa contratación dos gaiteiros Os Peruchos de Castrelos. En 1958 actuaron nesta aldea Os Hermanos Alfonsitos de Matamá. En 1959 chegaron para tocar en Donón os que para moitos serían os mellores gaiteiros das Rías Baixas, Os Campaneiros de Vilagarcía. Acabaron aquí durante tres tempadas consecutivas.

Por esta parroquia pasaron os mellores grupos da provincia de Pontevedra. Actuaron neste tradicional entroido tocando alboradas, muiñeiras, pasodobres, xotas, foliadas e outras melodías coas que fixeron disfrutar aos nosos pais, avós e bisavós. Os Tolíns de Cabral (despois foron Os Alegres), Os Airiños do Monte de San Paio, Os Tranquilos de San Xoán do Monte, Os Morenos de Lavadores, Os Campaneiros de Vilagarcía, Os Airiños do Mar do Hío, Os Airiños do Parque Castrelos, Os Carballeiras de Barrantes, Os Parrulos de Cabral, Os Peruchos de Castrelos, Os Pichoucos do Casal (Lavadores), Airiños do Monte Castelo de Darbo, Os Airiños das Rías Baixas, Os Areeiras de Catoira, Os Airiños da Nosa Terra do Hío/Pinténs (1978/79) e tantos outros, testemuñas do entroido máis puro doutras épocas e do que tan só nos quedan as verbas dos máis vellos e algunhas fotografías que dan fe da alegría existente entre os veciños.

De xeito individual: Pepe "Pan de Millo", José "O Da Chamiçeira", Feliciano Otero, Eduardo Menduíña "Punxeiro", Ramón García, Pucho, Lucho Solla, Anxo Gago "Lito", Urbano Otero, José Fernández Canosa "O Ghaiteiriño de Aldán", os irmáns Oliveira Blanco, Olimpio Alonso, Virgilio, Secundino " O Carballeira", etc. forxaron amizade e viviron momentos inolvidables.Outras formacións máis novas e recentes: Os Hioenses (1984/85), Sachadiço, Tebras, Brétema, Os Carunchos, Os terribles de Cacheiras, Anacos de Buxo, Grupo de gaitas do Barro de Noalla, Pai da Cana, Os terribles de Nantes, Picuíña, Faíscas de Pontraga, Chorima, Os Fonte Suairas da Coruña,Viruxe de Outono, Pelexo de Gaita, Ludovaina, etc. deron mostra da devoción festiva tradicional e do bo facer do gaiteiro. A eles, aos gaiteiros, debémoslle amosar o noso respecto. Estes artistas axudaron a dignificar á figura do gaiteiro.

Somos conscientes que coa chegada das orquestras e novos ritmos, a música tradicional galega perigou seriamente e a súa desaparición non estivo lonxe. A gaita era incluso desprezada e a xuventude non garantizaba un relevo xeracional. A finais dos 70 ou máis ben a comenzos dos 80 a gaita rexurde grazas á meritoria labor de mestres gaiteiros, a formación de varios coros e danzas ou de bandas de gaitas e grupos formados por catro ou cinco músicos. Na parroquia do Hío temos a honra de gozar dun grande mestre gaiteiro, Anxo Gago "Lito".

Da nosa parte, que somos incondicionais do carnaval, berramos: Viva o carnaval do Hío! E vivan os Ghaiteiros de todas as comparsas!!

*Veciño do Hío

[Grazas a todos aqueles que facilitades información].

Compartir el artículo

stats