Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa

A bohemia cangueira: a nosa xente (II)

A Cepa prosegue o seu percorrido polos personaxes singulares da vila de Cangas

Bladimiro Mielgo tiña o seu particular museo na rúa Pablo Iglesias...

Bladimiro Mielgo tiña o seu particular museo na rúa Pablo Iglesias...

Fernando cuñarro pintos/camilo camaño | Cangas

Chefa (A Carola). Fefiña viveu nunha casa no camiño de Reboredo, na chamada M30. De rapaza dedicábase á costura até que empezou a buscar comida para os cans abandonados que a seguen ás veces graciosamente vestidos.

O labor de Chefa foi imitado por Maruja (A Peregrina) que vivía na Casa dos Probes e por outras persoas que buscan animales abandonados para levarlles comida e auga a diario.

A bohemia cangueira: a nosa xente (II)

A bohemia cangueira: a nosa xente (II)

Sabeliña en conversa coas gaivotas de Rodeira, reclamando a súa presenza para advertilas da hora do xantar. E detrás dela como alma en pena, O Solbareas, romántico, elegante, musicalizando sixilosamente calquera estrofa cun peculiar e áxil movemento bucal.

Vale para Cangas o que deixou escrito Antón Avilés de Taramancos, "Vemos pasar como nunha cinta máxica as figuras que dan soleira ao pobo": a Evencio (O Churreiro) co seu aparato de parisiens, a Manolo Casilda dedicado á música tradicional, ao señor Paxarín, a Quartoquilo, a Gatita, Jeniquelle, Nanacho, Chicho (Solveareas), Chiñiño, o señor Carrapicho e ao Litrera?

Avensio Benedita que traballaba de recadeiro para o médico Cordeiro e para a farmacia de Socorrito recollendo na lancha as menciñas que lle enviaban de Vigo. E a Serafín (O Fungón), irmán da Patarata, repartidor do pan que traía diariamente da Panificadora. Ao Relojero, da familia dos Fernández, que atendía o reloxo da igrexa e a Fany, a Señorita.

Bladimiro Mielgo que tiña o seu particular museo na rúa de Correos, coñecida como O Triángulo polos tres bares: Maraxe, coas magníficas lentellas de receita secreta de Josefa . Os Toneis, coas empanadillas de Pilar, e un pouco máis arriba a Leitería coa horta e o pozo, un lugar para compartir branco ou tinto nos carolinos.

Vemos pasar a vida e chéganos o perfume do mercado, aos allos portugueses, ás cebolas e repolos de Coiro e a figura amigable de Pepe (Canastriños) empregado municipal coa súa bonhomía, recorrendo e cobrando os impostos do aterrado.

A Benigno Vilas, personaxe singular coñecido como Jamín, coa súa nai de cociñeira no local do Auxilio Social . E omnipresente, en todos os actos que se prezasen,a figura entrañable e agarimosa de Pepiño (O Coheteiro).

A bohemia cangueira: a nosa xente (II)

A bohemia cangueira: a nosa xente (II)

Luís (O Cañón), natural de Beluso, mal amañado co seu aspecto de calzafouzas, que pedía esmola polas portas da parroquia de Aldán. Iniciaba o rezo dun pai noso: Pai noso que estás no ceo, benzoado sexa o teu nome ... E neses andaba mentres os da casa se organizaban para buscarlle algo que lle dar. Cantaba anunciando as novas do xornal porque vendía o Faro para gañar un algo. Aínda que non nacera para o traballo. Pensaba que traballar era un delito e sempre dicía aquilo que "O día está para descansar e a noite era para durmir"

Personaxes da parroquia de Coiro, naqueles anos eran moi populares Serafín (O Chino) e Cabanelas sempre pelexando por nada. E O Menano que durmía nas silveiras das cunetas até que un día un coche doulle un golpe e acabou ingresado no hospital compartindo cuarto co ciclista de Ponteareas, Álvaro Pino. Moito presumía deste feito o bo de Menano!

A bohemia cangueira: a nosa xente (II)

A bohemia cangueira: a nosa xente (II)

Modesto Soaxe (Samperello) que en versos de Pepe "cambiaba sempre de roupa/ vestía de garabata/ tiña porte distinguido/ sempre pedía nas prazas". Xamperello, de boa familia de Reboredo, de xente de terras, adiñeirados, dedicábase a pedir o que boamente podías darlle. -Ninguén a pedir contraía débedas", era a súa frase máis coñecida.

E Singorellas, mariñeiro falabarato e moi parrandeiro con casa en Serra Nacente, na Choupana, alá pola finca de Bogador. De pequeno fóra moi traste e disque o nome quedáralle desde que un porco lle comera unha orella.

Singorellas non tiña moito corpo, era máis ben baixiño e delgado; andaba sempre só ou, ás veces, acompañábao un sobriño. Cando tiña dúbidas do tempo que ía estar, subía ao miradoiro de San Roque para ollar o semblante. Botáballe un ollo ao mar e quitaba as súas conclusións: ou collía a gamela ou quedaba na casa.

Moreas de catanos poderiamos contar doutras tantas personaxes que seguen vivas na nosa memoria a pesares da súa ausencia. Seguro que quedan no tinteiro outros nomes de boas xentes, que non se meteron con ninguén, persoas realmente populares e merecedoras de telos no recordo: Carliños (Parrocha), Gilito, Sarabullo, Don Nadie, ?

Quedémonos coa satisfacción de que tanto os nomeados como os esquecidos, son merecentes das nosas lembranzas e do noso agarimo. Sempre.

(*) Socios da Cepa e da Fundación Mangallona

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents