Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O naufraxio dun bergantín en Pinténs en 1850

O barco viña cargado de sal e busco refuxio na ría de Aldán debido a un forte temporal

"A Polbeira" coa marea abaixo, ao fondo entre Juan Portas Gutiérrez e Rosendo Gutiérrez Otero. // A.C.

Neste 2017 cúmprense 167 anos dun accidente marítimo na Enseada de Aldán, concretamente na fermosa costa da aldea de Pinténs, na parroquia do Hío, concello de Cangas do Morrazo. Remontándonos así ata o ecuador do século XIX, cando esta parroquia pertencía ao Concello de Bueu. O bergantín Única Rosa, cargado de sal da Real Facenda (entre 3.100 e 5.100 fanegas segundo a prensa da época), e con matrícula en La Vila Joiosa (Alacant), partiu o primeiro de novembro de 1850 dende o porto de San Fernando en Cádiz con rumbo á vila de Muros.

Era don Vicente Nogueroles o seu piloto e capitán. Na súa declaración, acontecida no porto de Aldán o 19 de novembro de 1850, asegura que saíu con vento suave do noroeste que se mantivo estable ata á noite do día 18 do mesmo mes á altura da costa portuguesa de Viana do Castelo. Foi entón cando se pechou o tempo cun forte diluvio que durou ata ás cinco da tarde do día seguinte.

Ás seis da mañá, a embarcación navegaba preto das Illas Cíes, envolvida nunha maraña de fortes e violentos ventos e mar moi grosa. Atopábase no corazón da borrasca. Por esta razón o piloto busca refuxio para o barco e tripulación, e pon rumbo á Ría de Aldán por dispoñer esta de mellor entrada e saída en palabras do capitán.

Entrando nesta enseada volveu pecharse aínda máis o tempo con fortes chuvascos acompañados de vento que non facilitaba as manobras de Vicente Nogueroles. Seguiu navegando e atopouse coa urxencia de fondear e pareceulle un bo sitio a Praia de Pinténs. Cando estaba á piques de arriar a áncora co barco aproado ao nordés, preferiu avanzar uns metros máis para separarse da costa sur que daba á popa do bergantín. Nese intre un forte refacho de vento cambia do terceiro ao cuarto cuadrante e prodúcese o accidente segundo se recolle na súa declaración:"...no pudo orrar para librarse de una piedra que sabía le demoraba á sotabento por habersele rendido el mastelero de gavia mayor y el resto de belamen..." O Única Rosa encalla na pedra que ameazaba por sotavento polo costado de estribor.

Falando con varios mariñeiros xubilados da aldea de Pinténs que son coñecedores da toponimia terrestre e marítima, chegamos a conclusión de que o accidente puido acontecer na pedra denominada "A Polbeira".

O mar empezou a entrar no barco e inmediatamente deu orde o capitán de achicar a auga coas dúas bombas das que dispoñía o veleiro. O tremendo esforzo de toda tripulación non era suficiente para sacar máis auga da que entraba polo casco. Diante da imposibilidade de varalo na praia de Pinténs e vendo que o barco víase cada vez máis engulido, Vicente Nogueroles manda botar á auga a lancha de salvamento pois perigaba a vida dos tripulantes.

O patrón foi o último en subir á bordo do bote no mesmo momento en que chegaba ata o lugar do naufraxio unha gamela con varios homes que acudían ao rescate. Estes avistaron a problemática situación e decidiron de xeito valente e atrevido por a salvo a toda a dotación da nave.

Dous homes finados

O bergantín non aguantou máis e afundiuse provocando un gran remuíño que envolveu ás dúas lanchas guindando dous homes ao mar. Un pertencía á lancha auxiliadora, de nome descoñecido nos informes da época, e o outro era Antonio López Villamil, mariñeiro do Única Rosa.

Esta foi a declaración no porto de Aldán do capitán do buque en presenza dos homes que formaban a dotación formada por: Nicolás Nogueroles, Francisco (?), Antonio Mendes Presno, Francisco González Dios, Antonio Cuervo, Vicente Ugarte, José Fernández, Manuel Alvero e Vicente Zaragoza. Foron igualmente testemuñas da declaración do piloto don Juan Acuña, veciño de Cangas, don Juan Moreau e don Jaime Bolívar, residentes en Aldán.

*Veciño do Hío

Compartir el artículo

stats