Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Aproximación á vida e obra de Ignacio Cerviño

A presenza do escultor no Hío entre 1869 e 1872

Nesta segunda achega o autor aborda o periodo no que o mestre, probablemente, fixo o famoso cruceiro

Documento da época no que se pode apreciar con claridade a sinatura e cuño propio do escultor Ignacio Cerviño.

Somos da opinión de que que Ignacio estivo en dúas tempadas no Hío. A primeira está sen documentar, pero sabemos que seu pai Antonio Cerviño, excelente mestre de cantería, por medio dun contrato asinado en 1852, constrúe a bóveda da nave e o altar maior desta igrexa parroquial entre outras obrigas contractuais. Ignacio contaba con 18 anos, idade máis que suficiente para poder traballar co seu pai. Varios dos elementos decorativos que engalanan esta bóveda poderían ser da súa man. Ademais doutras obras como o magnífico reloxo de sol que noutro tempo tiña inscrito a data de 1854 ou o mausoleo do párroco que mandou erguer o Cruceiro, don Juan Manuel Míguez, hoxe desaparecido do adro por un mala decisión tomada polo crego don Antonio Graña González. O reloxo volta a estar no seu sitio orixinal gracias ao actual párroco do Hío, E. Alfonso Fernández Sotelo.

Do panteón do cura Míguez, sabemos que é anterior ao 1875 por estar neste ano aquí soterrado un familiar seu. Deste cenotafio tan só se conservan dúas magníficas figuras do Mestre Cerviño: A Fe e o Calvario que están colocadas nas inmediacións da Casa Reitoral do Hío. Outras pedras do mausoleo forman parte hoxe do muro que circunda o adro parroquial que da á parte sur.

A segunda estancia de Ignacio aquí está datada no ano de 1869, despois de finar súa filla Delfina en Aguasantas. Atopámolo domiciliado en Santo André do Hío, onde o párroco don Juan Manuel Míguez Alonso, vello coñecido do seu pai polas obras que nesta parroquia realizara e tamén perfecto coñecedor da destreza do escultor, quería erguer un Cruceiro para devoción dos veciños.

Sen referencia documental que acredite que Ignacio Cerviño foi o elixido polo párroco para realizar a que sería a súa obra máis emblemática e de proxección popular; si consta que residiu na parroquia do Hío de 1869 a 1872, anos da labra do Cruceiro, sen que exista noticia algunha da presenza doutro escultor vivindo aquí nese período. Ignacio Cerviño aparece como un veciño máis, que merece confianza e respecto. Ademais debemos ter en conta a idade dos dous candidatos a autoría desta obra, xa que Ignacio era nove anos maior, algo que incrementa a súa madurez como artista.

Existen tres documentos que certifican a súa estancia aquí en tres anos distintos. Era o 27 de novembro de 1869, cando Ignacio asina como testemuña da entrega dunha cantidade de diñeiro ao mestre albanel Juan Iglesias polos traballos realizados na Casa Reitoral. Igualmente asina outro documento o 11 de setembro de 1871, tamén como testemuña, pola compra dun terreo por parte dun veciño da parroquia que vivía preto do seu taller. Cerviño debeu trasladar a súa familia ata aquí, é dicir, a súa muller Josefa e a Dionisio Casimiro, o fillo que tivo coa súa primeira esposa, Ramona, en Madrid, e que na chegada á parroquia do Hío contaría con 7 anos. Confirman esta permanencia os datos do bautismo e do nacemento da súa filla María Carmen de los Remedios o 2 de abril de 1872, segundo consta no libro de bautizados desta parroquia e no Rexistro Civil de Bueu, a cuxo concello pertencía esta parroquia. É o ano da colocación do Cruceiro, segundo nos acredita O Esmoleiro, obra tamén de Ignacio, coincidencia esta significativa. Insisto, todo isto non pode certificar a autoría do Cruceiro, pero non hai dúbida de que neses anos desenvolveuse unha actividade dirixida á instalación de algo que se chamará Cristo da Luz, o noso Cruceiro do Hío, como desde entón (1872) e ata hoxe se lle coñece, e ademais coincide coa súa presenza.

Abonda con preguntarse: cal foi a razón de que Ignacio Cerviño vivise aquí? A que se dedicou? Desa época non se lle coñece obra algunha. E de súpeto o Cruceiro é unha realidade a partir de 1872, e concluída esta obra, trasládase a vivir a Cangas, onde cumprirá varios contratos.

Da permanencia de Ignacio Cerviño e dos seus traballos en Cangas xa deu conta Eugenio Eiroa, Estanislao Fernández de la Cigoña en Cerviño contra Cerviño (2013), E. Alfonso Fernández Sotelo, e eu mesmo recordeino no meus traballos citados. Por iso, tan só me gustaría lembrar o testemuño da solicitude do seu empadroamento en Cangas, onde se recolle a súa orixe, oficio e residencia: "Ygnacio Cerviño y Quinteiro, natural de Sta. María de Aguasantas, de oficio escultor, residente en esta villa hace dos años, solicitando se le empadrone como vecino". O 19 de xullo de 1872, con menos de catro meses de vida, é soterrada no cemiterio municipal de Cangas María Carmen de los Remedios, a filla que nacera no Hío. Neste camposanto tamén se lle atribúen dous panteóns: o do fomentador Joaquín Francisco Graña Carnero (a) "Ranqueta" e o do aldanés Joaquín Romero y Bedoya, finado en 1876. En canto ao mausoleo da familia Graña Gamallo que se atopa no adro de Aldán tamén ten connotacións artísticas típicas do Mestre Cerviño. Máis tarde, xa cun Ignacio que tiña o seu equipo de traballo, a súa rúbrica aparece en 1887 no interior da igrexa parroquial de San Salvador de Coiro, do mesmo xeito que o fixo seu pai na bóveda da igrexa de Aguasantas en 1851.

Un adiñeirado chamado don Perfecto Lavandeira Soliño, veciño de Vigo, demanda ao concello de Cangas en 1891 pola mala conducción da auga da Fonte de Santiago. Ademais acude ao arquitecto titulado don Genaro de la Fuente para facer un plano da situación das minas e da dita fonte. A auga é levada dende a mina mediante unha galería ou canle empedrada feita polo escultor que é tratado do seguinte xeito: "...Es de notar que esa nueva galería fue dirigida y construída no por una persona perita, sino por un cantero llamado Ygnacio Cerviño, vecino del partido judicial de Puenteareas á Cañiza, persona incompetente y de la cual no es posible suponer la pericia, el acierto y la fortuna necesaria...".

Nos demais documentos atopados en diferentes arquivos, Cerviño é considerado como: picapedreiro, canteiro, mestre canteiro, escultor e incluso como arquitecto (do que non estaba titulado). Algunhas figuras da interesante Semana Santa de Cangas talladas en madeira e a escultura da Fonte de Santiago son obra do noso protagonista.

Vinte anos en Ponteareas

Novos contratos lévano a Ponteareas residindo en Santa Mariña de Pías, onde nace seu fillo Antonio Ángel José. Corre o ano 1875, data que coincide coa do panteón que se atopa no adro desta igrexa parroquial de Pías, obra atribuída ao escultor. En Ponteareas, no "Barrio del Puente", vivirá os seguintes 19 anos. Preto da súa vivenda ten outra obra coñecida como Fonte da Fama ou dos Remedios. Enriba dun portalón dunha casa da familia Fortes que se atopa no Barrio de As Cachadas, aínda perdura un Descendemento, moi parecido ao do Hío pero dunha labra máis tosca, obra posterior de Ignacio Cerviño e mostra da súa probable decadencia, ben sexa por idade ou por enfermidade. Alí, en Ponteareas, sufrirá a perda de varios fillos, entre eles o que nacera en Madrid, Dionisio Casimiro. Contaba o mozo con 19 anos e debeu seguir os pasos do seu pai ata que a morte se lle cruzou no camiño. De seguro que este feito pasará factura á saúde do Mestre Cerviño.O 14 de marzo de 1891 mércalle a vivenda do comerciante don Ceferino Fontán González e tres días despois vende a súa casa matriz de Peroselo para poder sufragar o débito. O cemiterio municipal de Ponteareas é un verdadeiro museo no que se atopan varios panteóns esculpidos por Ignacio Cerviño. Outras parroquias como San Fiz de Celeiros, Santa María de Areas ou Parada de Achas ( A Cañiza) gozan da presenza de Ignacio con magníficas obras. No contrato de obra, asinado no 14/03/1892, do fermoso retablo da Virxe das Dores na igrexa parroquialde Areas, o Mestre asina e amosa un interesante cuño propio composto por varias ferramentas (compás, escadra e outras), unha cinta co seu nome e apelido e na parte inferior do cuño indica o seu oficio en letras maiúsculas: "ESCULTOR".

Outras residencias do artista

Un documento de 1896, que expuxen nos meus traballos citados anteriormente, describe a Ignacio como veciño de Ponteareas e residente no Carballiño. Alí labrou outro fermoso panteón que moi ben lle adxudicara Estanislao Fernández de la Cigoña en Cerviño contra Cerviño. Asígnanselle numerosas obras nos concellos de O Covelo, A Cañiza, Salvaterra do Miño e, sobre todo, en Ponteareas. Obras non todas documentadas pero dunha semellanza extraordinaria. Entre elas destacan os numerosos panteóns que son dignos de admirar. Outro dos seus poemas pétreos é o Cruceiro de Covelo ou Santísimo Cristo dos Aflixidos, unha magnífica beleza que data do 1899.

A pouca fortuna familiar e a avanzada idade levaron á decadencia ao vello escultor Ignacio Cerviño. Pero aínda así, conservou o prestixio para que o arquitecto Antonio Palacios lle confiara ao Mestre a execución da Fonte do Cristo, no Porriño. Aquí viviu os seus derradeiros anos, solo e pobre, na Calle Elduayen.

Defunción de Ignacio

O seu fin foi un enigma ata que E. Alfonso Fernández Sotelo, seguindo información facilitada na década dos 60 por un vello canteiro portugués, publicou a súa partida de defunción no Libro das Festas do Hío do 2000, acontecida o 28/10/1905. Tiña 71 anos. A nota necrolóxica do xornal Faro de Vigo (4/11/1905) afirma que un nutrido número do gremio de canteiros acompañouno na súa derradeira viaxe, o que indica o gran respecto e admiración que lle profesaban ao Mestre Cerviño, e que case se convertera en veneración. Esta crónica tamén nos informa de que ata chegou a ter oportunidade de ir traballar a Arxentina pero que non aceptou por mor dos achaques da saúde. A acta da defunción indica que ao seu óbito ten dous fillos: Antonio e María, dos que sigo na procura de información. O seu legado podemos velo maiormente nas comarcas do Morrazo, A Paradanta , O Condado e parte da Louriña.

Outros datos de interese

É pertinente para min aportar algúns datos de persoas maiores, que gardan na súa memoria algo que interesa. Así, Sra. Josefa Portela Franco, que goza de boa saúde con 94 anos, e tendo todas as facultades mentais, veciña e natural do Hío, asegura que don Ricardo Touriño Gamallo, párroco do Hío (1914-1930), acostumaba a dicir que Ignacio Cerviño esculpira o Cruceiro no baixo da casa dos Míguez, hoxe Avenida da Unión nº 23, casa que está coa fachada moi reformada.

Informacións de carácter oral recollidas en Aguasantas en 2012 e referidas á Casa do Casal onde nacera Ignacio Cerviño manteñen a súa autoría do Cruceiro do Hío e a gran semellanza do reloxo de sol da igrexa do Hío e outro de menor tamaño que coroou noutro tempo un dos cumios desta vivenda. Que aquela Casa do Casal fora propiedade do noso escultor está acreditado por un documento do 11 de setembro de 1891, que di literalmente: "Manuel García Lopo le señala y da en dote a su hija Purificación García Moreira la casa que adquirió de Ygnacio Cerviño sita en el lugar de Peroselo".

Diego Quiroga y Losada (1880-1976), Marqués de Santa María del Villar ademais de coñecido fotógrafo, expón no xornal ABC en 1968 un artigo titulado "Os Cruceiros de Galicia" no que cita ao Cruceiro do Hío dicindo o seguinte: "... Descendimiento con gran riqueza de figuras, tallado en una sola piedra a fines del siglo XIX por el cantero llamado Ignacio Cerviño. Una hermosura, una maravilla..."

Xulguen os lectores se os tres documentos que describen a presenza deste artista no Hío en 1869, 1871 e 1872, xunto aos demais datos favorables ao escultor, son suficientes para designar a Ignacio como máis que probable autor deste Cruceiro, obra por excelencia da arquitectura popular galega. A investigación debe continuar, con cautela e con respeto.

Agradezo a colaboración dos que permitiron e fixeron que esta investigación fose posible. A todos eles/as moitas grazas.

*Veciño do Hío

Compartir el artículo

stats