Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ao redor dunha figura histórica

Aproximación á vida e obra de Ignacio Cerviño (I)

O autor achega unha investigación sobre a traxectoria do probable autor do Cruceiro do Hío

Panteón en Cerdedo.

Juan García Padín, in memoriam.

A Julia Gómez Cons, en lembranza do seu maxisterio no Hío.

Partindo da máxima de que toda investigación require o maior rigor documental, é necesario proseguir e, se cabe, ampliar o traballo feito por outros investigadores. Dende 1964, Eugenio Eiroa Hermo, tras unha investigación persistente e tenaz aseguraba que o escultor Ignacio Cerviño Quinteiro foi quen labrou esta xoia da arquitectura popular galega. Por iso, non pode pasar desapercibido o labor realizado por varios investigadores, entre outros é obrigado para min citar a Salvador Antonio Rodríguez Fraiz ou mesmamente o cangués Eiroa Hermo. Teríamos que engadir, ademais, a Emilio Alfonso Fernández Sotelo, Estanislao Fernández de la Cigoña, Calros Solla ou incluso a Asociación Cultural A Cepa, entre outros, que apontoaron a figura de Ignacio Cerviño como autor do Cruceiro do Hío.

Despois de algúns traballos anteriores - Ignacio Cerviño nos documentos e Probas e consideracións sobre o escultor Ignacio Cerviño - publicados respectivamente nas Actas do V (2014) e do VIII Congreso Galego de Cruceiros (2017)- quixera agora percorrer e compendiar a pegada do escultor Ignacio Cerviño.

Aquí teremos a oportunidade de apreciar as distintas estadías do escultor, facendo fincapé na súa permanencia no Hío onde residiu durante aproximadamente tres anos, os que coinciden coa labra do Cruceiro do Hío.

TRAS A PEGADA DO ESCULTOR.

*Cotobade e Cerdedo:

Ignacio Cerviño Quinteiro nace o 14 de xuño de 1834 na Casa do Casal, Peroselo, en Santa María de Aguasantas, por aquel entón concello de Cotobade, e foi bautizado na igrexa parroquial dous días despois. Era fillo de Antonio Cerviño Couceiro, de profesión mestre de cantería, e de María Antonia Quinteiro Touriño. Nesta casa existen dúas figuras esculpidas (Santiago e Santa. María) que semellan estar feitas por un aprendiz que mesmamente puido ser o protagonista. A súa actual propietaria recorda que dous dos cumios desta vivenda estaban coroados por dúas pequenas figuras: Santiago á lombos do cabalo e un reloxo de sol moi similar ao da igrexa parroquial do Hío.

Temos que esperar vinte e cinco anos para atopar documentación escrita sobre Ignacio, e isto ocorre en San Xoán de Cerdedo coa súa primeira obra documentada en 1859, o Cruceiro do Pego. Aquí casa o 3 de agosto de 1859 con Ramona Isidora Beiro Mosquera. Un ano despois, o 3 de novembro de 1860, é bautizada a primeira filla do matrimonio na igrexa parroquial de San Xoan de Cerdedo, Vicenta Fernanda Cerviño Beiro. Nesta parroquia tamén se lle atribúe o coñecido Panteón das Capitanas, que lle fora encargado polo adiñeirado veciño e emigrante no Brasil, don Isidro Peleteiro Pérez, soterrado neste mausoleo o 5 de novembro 1894.

*Madrid e A Coruña:

No mesmo ano de 1860 Ignacio Cerviño trasládase coa súa familia a Madrid baixo a protección do político de Ponteareas Sr. Bugallal, segundo testemuñas que poden considerarse fidedignas. Cerviño tiña un proxecto, quería ter título académico e proseguir mellorando na súa vida. E faino para matricularse na Escuela de Bellas Artes de San Fernando. Este dato aparece reflictido no Arquivo, trasladado á Complutense, onde aparece matriculado tan só no curso de 1860/61. Inscribiuse en Xeometría, e despois dentro da Matrícula General, fíxoo na Sala Grande de Principios, materias que se impartían na Escuela Especial de Pintura, Escultura y Grabado, na Calle Alcalá. Sabemos que o seu profesor foi Francisco de Mendoza. Con tan só vinteseis anos a súa permanencia na Academia foi de poucos meses. Mais seguiu vivindo na capital durante algún tempo, suficiente para que nacese o seu segundo fillo, Dionisio Casimiro, en 1862 coa residencia na parroquia de San Andrés, e falecese a súa esposa Ramona o ano seguinte, o 26 de marzo de 1863. Nese intre vivían na Calle Olivar nº4, na parroquia de San Sebastián. Polo tanto, entre a última data da súa presenza na academia (1861), o nacemento do seu segundo fillo (1862) e a defunción da súa esposa (1863) transcorren dous anos.

Durante este tempo Ignacio debeu traballar para sacar a familia adiante xa que corrían tempos moi difíciles. Segundo o certificado de defunción, Ramona finou debido a unha gastro-hepatitis.

Debo recordar que a primeira información recibida da estadía de Cerviño na capital foi a través dunha veciña nonaxenaria da aldea de Pinténs, chamada Carmen Pardavila Portas. Ela asegura que este dato transmitiullo súa madriña sendo ela unha nena.

A súa marcha de Madrid debe ser inmediata e faino para traballar na cidade da Coruña. Alí, sendo veciño da parroquia de San Nicolás, contrae matrimonio en segundas nupcias con Josefa Costa Linares o 20 de maio de 1867 na igrexa de San Jorge. Esta muller tamén aparecerá en varios documentos cos apelidos de Linares Barrera (así a maioría das veces) ou Linares Costa. Con ela terá polo menos seis fillos máis: Delfina, María Carmen de los Remedios, Antonio Ángel José, María Florentina Juana, José Ignacio e Ángela Teodora Cerviño Linares. Do seu expediente matrimonial despréndense varios datos importantes, como o de que o escultor solicita ao arcebispado de Santiago a anulación das tres canónicas amoestacións do enlace matrimonial. A súplica é aceptada pero coa condición de pagar un total de 160 reais.

No mesmo expediente tamén se notifica por medio do párroco de San Jorge, que o escultor fixo a figura do santo patrón que coroa o altar maior desta parroquial. Máis tarde, Ignacio volta á súa aldea natal e alí, na Casa do Casal, en Peroselo, o 11 de marzo de 1869 nace Delfina Cerviño Linares, unha nena que tan só alcanzará dous meses de vida, finando no mesmo lugar o 10 de maio.

*Veciño do Hío

Compartir el artículo

stats