Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ás voltas con Cíes (II)

A finais do secúlo XVI o convento de Cíes foi saqueado e incendiado polo corsario inglés Francis Drake

Real Orde da raíña Isabel II. // Arquivo autor

O mesmo rei Adonso VII ratificaríalle a posesión da illa de San Martiño ao mosteiro de Sta. Mª de Oia e a xurisdición e couto de Coruxo coa illa de Santistevo de Sias, ao de Celanova, ambos beneditinos. Aquí estivo en 1201 o rei Afonso IX asinando privilexios na fundación da nova vila de Baiona (antes Erizana) e máis tarde en xullo de 1228, o mesmo rei aínda lle volvería ratificar estas posesións ao mosteiro de Celanova igual que tamén o asumiría, en escritura de concordia, o bispo e cabildo de Tui en marzo de 1230. Contodo, a medida que ía consolidándose a diócese tudense, os mosteiros de Oia (agora cisterciense) e o de Coruxo (bieito) estarían sometidos a fortes presións e pleitos polo bispo ata que finalmente no ano 1416, o titular de Tui, Juan Castro, faría escritura de permuta con Celanova do mosteiro de Coruxo pola igrexa da Madalena e o mosteiro de San Xés en Ribadavia.

Mais esta escritura de troco foi considerada nula por Celanova pois non só non contaba co obrigado consentemento do Papa, senón que as rendas e beneficios en Ribadavia eran consideradas moi damnificadas e lesivas polo mosteiro ourensán, abríndose pleito por este motivo pero os mosteiros de Coruxo e de San Estebo de Sías seguiron pertencendo a Tui apesar da reclamación celanovense. Proba disto é que no ano 1420 o rei Juan II e o seu fillo Enrique IV concédenlle ao mosteiro de Santistevo de Cíes unha renda de 2.000 maravedíes anuais sobre os décimos do peixe de Baiona. Porén, sabemos que o 27 de xuño de 1510 o procurador Afonso González a instancias do arcediano compostelán vai arrendarlle este mosteiro a un ermitaño chamado Cristovo Zapata sen termos máis noticias de como se resolveu este asunto.

O que si sabemos por un Apeo que localizamos na reitoral de Coruxo nos anos oitenta é que ao menos o mosteiro existente en Santistevo de Sias e os seus dominios pasarían á Mitra tudense por sentenza do provisor ao se resolver un pleito ao seu favor (con Celanova?) no 19 de maio do 1520. Posteriormente, con data de 19 de maio de 1528, o mesmo bispo de Tui Diego de Avellaneda, vai aforarlle ao racioneiro da colexial de Baiona, Alonso González de Morente e máis ao bacheler Céspedes o mosteiro, casa e oratorio de San Estevo de Sías, pertencente á Cámara de Coruxo, coas suas casas, casais, viñas, soutos, erdades iure e froitos, rendas e dereitos e dereituras coa obriga de pagaren dous ducados de ouro, dúas ducias de coellos e outras tantas de pescadas cada ano.

Os últimos datos do xa citado Apeo, localizado na reitoral de Coruxo, son de 1555 e anotan que o Casal de Santistevo de Sias xa pertencía en virtude de aforamento, a dona María Josefa de Sequeiros, viúva do capitán Francisco Morales quen á súa vez llo legaría ás monxas do convento de Santa Clara de Santiago que delegan o seu usufruto nas homónimas na cidade de Pontevedra. A partir destas datas a permanencia na illa xa se faría imposible pola continua presenza de piratas e corsarios de distintas nacións inimigas de España e como sabemos, a finais do século XVI, o convento de Sías foi incendiado e saqueado polos corsarios de Drake permanecendo logo as illas deshabitadas durante bastantes anos.

A comezos do XVII o bispo de Tui, Fr. Prudencio de Sandoval, visita o mosteiro de Coruxo do que temos noticias ata 1632 e no mesmo tempo, o visitador de Santiago, Jerónimo del Hoyo, alude á colocación dunha forca nas Cíes (san Martiño?) por parte dos de Baiona. Ante este acto simbólico de xurisdición, sería o alcalde-xuíz de Cangas, dependente do arcebispo de Santiago quen reclamase as illas como súas, non tendo moito percorrido xurídico este asunto polas razóns documentais expostas anteriormente. Desde 1635, a Mitra de Tui vai consolidar o seu territorio pois xa contaba coa igrexa colexial e dous hospitais na mesma vila de Vigo que ainda era de xurisdición temporal de Santiago de Compostela. No 1650 coa división de Galicia en sete provincias, nacería a de Tui, incluíndose tamén as Cíes na súa xurisdición.

A cartografía que coñecemos desde 1634 vai denominar case sempre a estas illas como Islas de Bayona por ser este punto, coa sua fortaleza, un dos portos reais que xunto co da Coruña tiñan este rango especial en Galicia. A veces, os nomes de Cias, Seyas, Sias, acompañan ao de illas de Bayona e outras aparecen coas denominacións de San Martín, Faro e Monteagudo sendo que a segunda xa recibe este nome en 1784 o que vén demostrar a existencia dun sinal marítimo anterior ao que se erguería logo en 1852.

O antigo faro está documentado nos seus restos ao sur da illa e denominouse da Porta por atoparse no paso entres as illas. A partir de 1810, as instalacións militares, as fábricas de salga, o faro, as expedicións cinexéticas, unha taberna... irían dándolle vida de novo ás illas, sobretodo á do Medio ou Faro e á do Norte, acollendo unha pequena poboación, maioritariamente de Cangas, adicada á pesca, á agricultura (millo e pataca) e ao pastoreo despois do peche das fábricas de salga. Nestes anos e para a atención espiritual dos colonos é cando aparece a relación coa parroquia de Cangas e se fan logo, nos primeiros anos do século XX, as procesións marítimas, impetratorias da pesca, coa Virxe de Darbo. Os procesos desamortizadores dos bens eclesiásticos (mans mortas) da primeira metade do século XIX propiciarian que moitas das terras útiles das illas pasasen a mans particulares, a maioría persoas con recursos pero poucas destas de Cangas.

Á vista do que sabemos, cabe concluir pois, que desde a perspectiva institucional, se quitamos a Baiona que nunca volveu reivindicar as illas, estas, desde o ámbito relixioso, que é a única base de litixio, tamén poderían ser reclamadas polo concello de Oia (San Martiño ou Sur), polos beneditinos ou polas monxas de Santa Clara senón fose polo proceso desamortecedor de mediados do XIX. Portanto, e no que respecta a Cangas, o asunto reclamatorio sobre as Cies só lle afectaría exclusivamente no relixioso ao cura titular da parroquia canguesa, ainda que non nos imaxinamos a este párroco asumindo actualmente os oficios na capela existente (1963), sobretodo os domingos, para atender, ao menos, aos visitantes católicos das illas. O que non sabemos é se hai demanda ou obriga de atención neste sentido como ocorre coa falta de médico, pois moito nos tememos que os turistas non viaxan ás Cíes para rezar, aínda que cabe a posibilidade de ofertar casamentos neste novo paraíso atlántico en vez de facelo en Nigrán, que está de moda, ou marchar a Bali e outros lugares exóticos. Mais, tamén neste sentido relixioso queremos tranquilizar ao cura de Cangas pois, ao menos desde a agregación das Cies a Vigo, estas quedaron adscritas relixiosamente á parroquia denominada de San Francisco de Afuera. Contodo, a última noticia aclaratoria sobre a posesión das Cíes vén da man do propio presidente da Xunta que afirma con rotundidade que estas e as demais do Parque Illas Atlánticas son Patrimonio Autonómico, abrindo unha nova frente pero asumindo tamén de paso, a sua única responsabilidade no caos do transporte marítimo ás mesmas. Sic transit gloria mundi.

*Mestre e historiador

Compartir el artículo

stats