Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

María Magariños: "O apoio social é fundamental, a petición dun auditorio para Moaña ten que ser un clamor"

A Plataforma Proauditorio elixiu á directiva o domingo na sede da Asociación de Mulleres

A directiva da Plataforma Proauditorio. De esquerda á dereita: Róber Pazó, Jorge Blanco, Manuel Méndez, Diego Seixo, María Magariños , Ana Gil, Sergio Rosales e Concha Trigo. // Gonzalo Núñez

A directiva da Plataforma Proauditorio. De esquerda á dereita: Róber Pazó, Jorge Blanco, Manuel Méndez, Diego Seixo, María Magariños , Ana Gil, Sergio Rosales e Concha Trigo. // Gonzalo Núñez

"É unha inxustiza non ter auditorio", di María Magariños nada máis comezar esta entrevista. Esta veciña moañesa acaba de ser elexida presidenta da Plataforma Proauditorio en Moaña. A asamblea vense de celebrar na sede da Asociación de Mulleres, onde tamén escolleuse aos membros que formarán unha directiva composta por oito persoas. A creación desta plataforma era un proxecto que se viña demandando desde hai anos, pero que non foi ata agora cando se constitúe oficialmente. A súa elección como presidenta "ao principio abrumoume un pouco", tal e como recoñece María Magariños. Pero ao mesmo tempo sentiuse moi respaldada pola directiva. Destaca a importancia do apoio de todos os colectivos e da sociedade de Moaña para lograr a construción do auditorio nun proceso que describe como "un camiño moi longo, non algo de hoxe para mañá".

-Cal é a importancia de ter un auditorio en Moaña?

-Pois recollendo necesidades de colectivos, parécenos que é unha reclamación de fai moitos anos. Moaña é un pobo moi activo, tanto na demanda de cultura, como demostran todas as mostras de teatro nas que sempre se queda xente fora por no ter un lugar en condicións, como na oferta cultural. Temos colectivos que, agora mesmo, deixan de facer cousas porque non teñen un espazo onde facelo en condicións mínimas de calidade. Tampouco poden facer intercambios, que é moi típico no mundo da música, con outras bandas porque non teñen onde acollelas, onde facer un certamen. Hai pequenos locais onde vamos sacando cousas, pero realmente un lugar que reúna as condicións mínimas para facer este tipo de cousas non hai. Nin en capacidade nin en calidade de sonido. Comentábame o ex-director de Reibón que hai veces, cando teñen que desprazarse en autobuses ao Auditorio de Cangas, que se quedan sen acudir e deixan de facer cousas porque é inviable trasladar a 500 nenos. É unha mágoa porque nin as compañías poden mostrar en condicións o seu espectáculo e hai espectadores que quedan fóra. E unha inxustiza.

-Dicía que esta é unha proposta de fai xa moitos anos, por que se creou aínda agora a Plataforma Proauditorio?

-Foi un pouco iso de "ata aquí chegamos." A iniciativa foi da Asociación de Mulleres e creo que a raíz da negativa da Igrexa de puidese tocar a Coral. É un sentimento que se vai acumulando, acumulando...e ata aquí. Xa dixen, a iniciativa foi da Asociación de Mulleres, houbo unha primeira asamblea e nela naceu unha Comisión para poñer en marcha esta Plataforma.

-Hai xa algunha medida pensada para convencer a Administraciónda creación do auditorio?

-Ao Concello non o temos que convencer porque é consciente desta necesidade. Eles o que teñen que facer son as xestións necesarias para poñelo en marcha, resolver os temas que teñen pendientes. Pero aínda acabamos de constituírnos, entón agora convén ter futuras reunións para ir facendo unha axenda, tanto de reunións coa Administración como de actos. Non hai nada decidido, acabamos de constituirnos e agora iremos dando os primeiros pasos. Temos claro que vai a ser un camiño moi longo, non vai ser algo de hoxe para mañá.O primeiro é organizarnos e mobilizar á xente da vila, que tome conciencia. Porque cremos que é unha necesidade e, pouco a pouco, temos que concienciar tanto á Administración como ao pobo de Moaña para poder conseguilo.

-Cal é a importacia da colaboración da poboación de Moaña, dos veciños?

-É fundamental que a plataforma esté respaldada pola sociedade de Moaña para que nós teñamos un peso. Vai a ser a nosa "tarxeta de visita" coa Administración. Non é o mesmo que sexamos catro a que esté respaldada por todos os colectivos, pola sociedade de Moaña. É importante que sexa un clamor, que sexa unha evidencia polo seu propio peso. Xa temos moito respaldo, tanto dos colectivos de Moaña, como mostras de apoio de artistas moañeses e a nivel galego. É fundamental ese apoio, o respaldo vai a ser a diferencia entre que nos tomen en serio ou non nos tomen en serio.

-Dicía que teñen respaldo desde fóra de Moaña, como chegou a este nivel?

-Porque en Moaña temos grandes actores que chegan a nivel da escea galega e eles coñecen de primeira man esa necesidade polos actores que temos.

-A directiva está integrada por oito persoas. Cal será o seu papel como presidenta e o do resto da xunta?

-Eu son a presidenta porque alguén tiña que selo. É unha cuestión de que calquera de nós podería ser presidente. Tocoume a min, pero dentro da directiva da Plataforma todos temos a mesma importancia. Hai xente de moito valor. Uns pola súa traxectoria e outros porque son xente nova, persoas que van conectarnos coa parte xuvenil do que é a actividade cultural moañesa. Que sexa eu presidenta é o de menos, somos todos iguais. A Plataforma quere ser un exemplo de mobilización cidadán festiva e pacífica, orientada na posta en valor da calidade cultural de Moaña para evidenciar esa necesidade.

-Como se sentiu cando viu que fora escollida presidenta da Plataforma?

-En principio abrumada pola posibilidade que conleva. Pero sentinme en todo momento moi respaldada, xa que todos somos un. O tema de ser presidenta é o de menos para min.

Compartir el artículo

stats