Maruja Mallo está de novo en Beluso. Aínda que sexa varios anos despois do seu pasamento. Un retorno en forma de mural, que se descubriu esta mañá nun acto no que participaron representantes da Deputación, do Concello de Bueu e no que se leu unha mensaxe transmitida por familiares da artista.

A data para a presentación deste mural non foi en absoluto casual. Hoxe é 18 de xullo, aniversario do alzamento militar que iniciou a Guerra Civil en 1936. Xusto naquela época Maruja Mallo estaba pasando unhas vacacións na Praia de Beluso e do traballo que fixo entonces sairía o que se deu en chamar o "Caderno de Bueu/Beluso" ou "Caderno de Galicia". A ilustración foi plasmada polos integrantes do grupo Polo Correo do Vento, quenes explican que o motivo pertence ao libro "Meiga nova, metade anxo, metade marisco. Pequena biografía de Maruja Mallo". O debuxo mostra a artista pintando en compaña doutros grandes persoeiros da época: o poeta e alcalde Johán Carballeira, o fotógrafo José Suárez e o pintor, debuxante e publicista Federico Ribas.

Entre os presentes no acto de hoxe estaba o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, que tamén é concelleiro en Bueu, que recordou a importancia de Bueu e Beluso naquel tempo previo á Guerra Civil. "A praia de Beluso tiña naquel momento a maior concentración de artistas por metro cadrado e cómpre poñer en valor a importancia de Bueu naquela época", insistiu. O mural que loce dende hoxe a Casa do Pobo de Beluso é unha acción máis de "recuperación da nosa memoria".

A mensaxe que trasmitiron os sobriños da artista, Elena e Antonio González Conde, agradece o interese ao redor da figura da artista. "A súa estancia en Beluso durante o verán de 1936 supuxo para ela un punto de partida para algunhas das series que logo realizou en América", suliñaron.